O pasado 30 de setembro, no marco das festas da vila do Corpus , Ponteareas acolleu un espectacular torneo de Hóckey que reuniu a arredor de 200 participantes , nenos e nenas practicando deporte , e que culminou cun partido sénior entre os equipos femininos de Ponteareas e de Cambre, ambos da 2º categoría máis importante do estado Español. O feito de que tantas nenas e nenos practiquen este deporte é un indicio moi relevante do enorme mérito que teñen os organizadores : O Hóckey Club Ponteareas, en xeral e o seu alma mater en particular. El é “Portu”, no seu día xogador de elite naquel mítico Liceo da Coruña que lideraba Daniel Martinazzo, para quen non o saiba o Messi da historia do Hóckey, nas pistas dos pavillóns e Augusto César Lendoiro nos despachos. Hoxe o noso protagonista desta conversa é directivo do club de Ponteareas e o adestrador do equipo sénior feminino. “Portu” é un vello amigo da nosa casa e para nós foi un pracer volvermos conversar con el. Velaí vai o que deu de si a nosa charla.
José Carlos Álvarez “Portu”. Adestrador do equipo Hóckey Club de Ponteareas.
“ Animo a todos os nenos e nenas aos que lles guste patinar a que veñan a coñecer con nós o marabilloso deporte do Hóckey”
Portu estas satisfeito de como foi o torneo do 30 de setembro. ?
Si moi satisfeito, a verdade que si. Este torneo disputárono as tres categorías que temos. Prebenxamín, benxamín e alevín. Disputárono 200 participantes entre as 8:30 H da mañá e as 21:00 H da noite, que foi a última sesión e foi todo realmente ben.
Ti es o adestrador do equipo sénior feminino, en que categoría compite?
En Ok Prata Feminina, en Primeira División nacional.
E nas categorías inferiores que mencionas os equipos que disputaron o torneo son mixtos ?
Si, son equipos mixtos.
Logo tivestes tamén un partido do equipo sénior feminino.
Si, xogamos contra o Cambre da Coruña que xoga na mesma liga que nós.
Cal foi o resultado?
O equipo vencedor foi o de casa, 4-2 gañou Ponteareas. Foi un partido de pre temporada, xa a fin de semana seguinte comezamos a liga. E malia que foi un partido amigable, o resultado supuxo unha suba de moral moi importante para nós e deunos azos e folgos para iniciar a tempada a tope.
Xa me dixeches que a asistencia en participantes foi moi boa con 200 nenas e nenos. Como foi a afluencia de público?
Foi espectacular, o Cambre viña con 3 categorías, o Oroso de Santiago tamén, logo estaba o Travesas de Vigo, Cíes, o Berenguela de Santiago e o Monçao de Portugal. Todos equipos galegos excepto un portugués.
Todos estes equipos de categorías inferiores traían pais, familiares… foi impresionante a afluencia de xente.
Esta foi a primeira edición do torneo?
Si, antes faciamos outro moi importante en nadal de veteranos, o “Memorial Quico Represas” no que participaron equipos de Barcelona ou de O Porto. Este ano é a primeira vez que organizamos este torneo para categorías inferiores polas festas de Ponteareas.
Como xurdiu a idea de organizar este torneo?
Coa entrada da nova directiva e pensando nos nenos.
Cando se constituíu a nova directiva?
No mes de xuño despois de terminar a tempada de hóckey.
Que tal se portou o Concello de Ponteareas convosco na organización do torneo?
Ben. Achegounos a infraestrutura para montar a cantina coa que demos para comer a 170 participantes. Achegou tamén os trofeos, as medallas e o torneo desenvolveuse no pavillón municipal Álvaro Pino de Ponteareas.
Hai previsión de facer máis edicións?
Si, hai previsión de repetilo o ano que vén polas festas e supoño que en Nadal faremos algunha cousa tamén cos nenos e os veteranos.
Falabamos de que empeza a tempada, que expectativas tedes para esta?
A verdade é que temos un equipo moi novo, as xogadoras teñen entre 14 e 18 anos. Moitas delas é o primeiro ano que xogan en Primeira División. Este partido de Pretemporada do Torneo deulles como che dixen antes un plus de moral moi importante. Gañarlle ao Cambre, que é un equipo con moita tradición en Primeira División, con xogadoras de moita experiencia e con moitos anos nesta categoría foi moi importante para nós. Témolo que tomar con calma de aquí a decembro para coller experiencia, xogar e seguir traballando sen poñernos ningunha meta.
Para rematar quixera aproveitar a oportunidade das vosas páxinas para animar a que calquera neno ou nena que lles guste patinar, que colla os patíns e se achegue a coñecer este marabilloso deporte.