O Fondo Galego renova a Comisión Executiva, na que Nigrán conserva a Presidencia

Mesa Fondo Galego

Cartelle exerce a Vicepresidencia, San Sadurniño a Secretaría e As Neves a Tesourería, mentres que Oleiros, Santiago, Viveiro, Cuntis e Molgas son vogais

– Representantes das administracións locais socias do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade aprobaron hoxe a proposta na Asemblea Xeral

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2023.O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade abriu o novo ciclo 2023-2027 cunha Asemblea Xeral na que se aprobou por unanimidade a composición da nova Comisión Executiva. O Concello de Nigrán renova a Presidencia na persoa do alcalde, Juan González, mentres que a Vicepresidencia será para o edil de Cartelle Daniel Fernández. A concelleira de San Sadurniño María Muíño e o alcalde de As Neves, José Manuel Alfonso, exercerán á súa vez a Secretaría e a Tesourería. As vogalías corresponden aos concellos de Oleiros, Santiago de Compostela, Viveiro, Cuntis e Baños de Molgas, concretamente nas figuras das edís Marga Figueroa, María Rozas e Lara Fernández, e mais dos alcaldes Manuel Campos e Manuel Ángel Fernández, respectivamente.

Representantes duns corenta concellos participaron esta mañá na Asemblea Xeral celebrada na capital de Galicia, que se abriu cun balance do período 2019-2023 por parte do seu presidente. Juan González expresou como “o Fondo Galego permite que calquera municipio achegue o seu gran de area á construción dun mundo mellor, pois aportando moi pouquiño temos a posibilidade e o orgullo de facer cooperación internacional”. O rexedor situou entre os logros do mandato a adopción dun sistema de cotas máis proporcional, o relanzamento da cooperación técnica realizada por persoal municipal, o impulso á implementación da Axenda 2030 no eido local ou a creación da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS.

O equipo técnico da entidade repasou a continuación as accións que se están a promover no ano en curso, comezando polos proxectos de cooperación ao desenvolvemento nos países do Sur Global. Nestes intres, estanse a apoiar sete actuacións directas ou a través de ONGD galegas no Sáhara, Mozambique, Guinea-Bissau, Guatemala, Nicaragua e El Salvador. Ademais, nas vindeiras semanas persoal dos concellos de Boiro, Lousame e Pontedeume compartirá os seus coñecementos cos parceiros en terreo a través do programa Especialistas en Cooperar. Tamén proximamente se celebrará na Illa do Príncipe o IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía e organizarase ademais unha misión aos campamentos de persoas refuxiadas saharauís na que políticas e políticos das deputacións e concellos están chamados a participar.

Na Asemblea Xeral presentouse tamén en primicia a campaña ‘313 Olladas Solidarias’ que o Fondo Galego desenvolverá neste último trimestre por toda Galicia co fin de ampliar o número de administracións locais socias. En canto ás accións desenvolvidas no presente exercicio en relación coa sensibilización e o fortalecemento institucional, destacan o II Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional, organizado en Lugo coa participación de máis de 200 asistentes, ou as recentes visitas de delegacións chegadas Brasil, Italia, Príncipe e da República Árabe Democrática Saharauí para intercambiar experiencias.

Por último, na área de educación para a cidadanía global cobra especial protagonismo o proxecto europeo People & Planet, que busca involucrar á mocidade e aos gobernos locais na loita contra o cambio climático a través de actividades como consellos xuvenís, comunicación de guerrilla, performance, debuxo urbano, cociña sostible, concursos de vídeos e murais, exposicións virtuais ou os futuros obradoiros para a localización dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. A xuntanza pechouse lembrando as ferramentas comunicativas que ofrece o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, como son as súas redes sociais.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 99 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 26 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.