Despois de catro anos na oposición, o ex alcalde Xoán Carlos Montes, “Calis”, aspira a recuperar o bastón de mando como candidato de AporM. En 2019, a pesar de manter os resultados que o levaron a Alcaldía en 2015, non recibiu a confianza de ningún grupo da Corporación Municipal para continuar á fronte dun goberno en minoría en Mondariz. Esa situación de illamento político no acto de investidura deixa moitas dúbidas sobre a capacidade de chegar a acordos de goberno despois das eleccións de maio, nun escenario de fragmentación e posible equilibrio de forzas. A memoria da súa etapa de goberno segue moi presente no seu discurso, así como as diverxencias históricas co BNG, a quen culpa da oportunidade perdida de 2019.
Que balance fai das políticas emprendidas polo Goberno municipal durante este mandato?
A min paréceme que foi unha oportunidade perdida para o actual goberno. Optaron por acceder ao goberno, segundo o meu punto de vista, dun xeito pouco convencional e non o aproveitaron. Políticas transformadoras realmente non existiron. Levan tres anos publicando que se vai facer isto ou aquilo, pero sobre o terreo non se ve nada transformador. E vou poñer un exemplo. En Mondariz houbo un pequeno aumento de poboación, pero non se debeu a ningunha política transformadora, senón á desgraza da pandemia, que tivo ese efecto colateral en moitos concellos pequenos do rural. Obviamente esta é a miña visión, pero penso que os veciños teñen esta mesma percepción.
O distanciamento de AporM coas políticas do Goberno municipal durante este mandato tense visualizado en temas como os orzamentos ou mesmo proxectos de investimentos como o cambio a LED da rede municipal de alumeado público. A que se debe este constante distanciamento?
Respecto do orzamento, nós non o apoiamos porque era papel mollado. Non existía ningunha proposta que mudase nada para mellor. Como xa gobernamos, sabemos ben que o orzamento do Concello de Mondariz é moi limitado e non dá para máis. Vemos moita propaganda. Por exemplo, quítanse cartos para o mantemento de determinadas infraestruturas e inclúense 5.000 € para traídas veciñais de auga e proxectos innovadores no rural que logo non chegan a materializarse e destínanse ao pagamento de facturas. Son cantidades pequenas, pero aquí o que interesa é a idea política.
Respecto das luces LED, nós eramos coñecedores dese tipo de subvencións pero tamén sabiamos das complicacións que poden ter para un concello como Mondariz. A contía é moi grande, é un proxecto ambicioso, pero nós avogamos pola prudencia, por ir facendo pouco a pouco e por treitos. Non votamos a favor porque consideramos que se fixo rápido e correndo, pero tampouco votamos en contra. Se queren que vaiamos no carro teñen que convidarnos a subir. A nós si nos impediron facer cousas cando gobernamos.
Algún exemplo?
O BNG votounos en contra do plan de mobilidade pagado pola Deputación da Pontevedra. Cando un goberno ten o apoio de toda a Corporación Municipal é máis fácil solicitar e acceder a investimentos.
O Goberno municipal precisamente avoga agora por avanzar en plans de mobilidade urbana ao abeiro do Plan Ágora da Deputación de Pontevedra. Alén deste, ten outros proxectos en marcha pensados para o longo prazo, como un parque empresarial na Lagoa e un albergue turístico da Cela. Se chega á Alcaldía daría continuidade a estas estratexias de desenvolvemento?
Hai un proxecto que de seguro tumbaría ao día seguinte de tomar posesión: o parque empresarial da Lagoa. Non é o lugar correcto. Pensamos que Faxilde, atravesado pola estrada de Mondariz a Vilasobroso e sen valor patrimonial, é un lugar igual de próximo ao centro urbano e máis axeitado. A Lagoa ten que medrar como espazo deportivo e lúdico. O albergue turístico o vía mellor na Lagoa que na Cela, xunto ao río. Outros proxectos que están iniciados, como a senda fluvial de Laredo, terán que seguir adiante, aínda que non están entre as miñas prioridades.
Logo está o conflito entre Mondariz e Mondariz-Balneario a conta da depuración de augas residuais. Desde ApoM móstranse moi críticos coa política municipal actual respecto deste asunto.
Hai que dialogar e buscar solucións alternativas. Cando nós chegamos ao goberno había unha débeda de 70.000 € con Mondariz-Balneario que deixara Julio Alén. Despois de falar con técnicos de dentro e fóra do Concello, chegamos á conclusión de que tiñamos que pagar polos servizos prestados e traballar no problema de fondo, que é a sobrecarga de augas limpas. O que non é de recibo é que nos acusen a nós de deixar unha débeda de 90.000 € coa Xunta pola xestión do centro de día, e que logo non lle paguen a Mondariz-Balneario pola depuración.
A pesar de pagarlle a Mondariz-Balneario aquela débeda de 70.000 €, finalmente non se logrou solucionar o problema da falta de conexión á estación depuradora.
Aquí hai dous problemas distintos. O que non se pode facer é chantaxear a Mondariz-Balneario dicíndolle que non pagamos se non se autoriza a conexión. As administracións non van permitir enganchar á estación depuradora ata que se dean as condicións técnicas. Durante a campaña electoral de 2019, lembro que un concelleiro do BNG dixo que eu, como alcalde da localidade naquel momento, non tiña vontade política para solucionar o problema. Catro anos despois, vendo como está a situación, é unha cuestión de vontade política ou de diñeiro? Este vai ser o seu centro de día, para eles mesmos ou para os que veñan. É moi probable que o próximo goberno tampouco sexa capaz de resolver este asunto.
Agora que menciona o centro de día de Mondariz, quixera preguntarlle por que non se informou dos impagamentos entre 2015 e 2019. Esta débeda saíu á luz pública no verán de 2019 e chama a atención que non se informara do problema durante o seu mandato.
Nós iniciamos unha serie de negociacións para intentar non pagar ou pagar o menos posible, pero en 2019 saímos do goberno. O problema do centro de día non comezou realmente en 2017, senón que viña de atrás, do goberno anterior do PP. A Xunta mudou o modelo e comezou a cobrar aos concellos, cando antes non cobraba. Facelo público no momento que se estaba negociando non era intelixente. Este e outros procesos de negociación forman parte do funcionamento administrativo, así que non consideramos necesario dar información ata ter unha solución definitiva, chegado o caso. Politicamente, a este goberno veulle fenomenal este tema.
Desde que se fundou AporM, unha das críticas que se lle fan ao proxecto político é o personalismo e o populismo. Que hai de certo? Realmente ten equipo AporM máis alá da súa figura?
Gañamos dúas eleccións. Respecto do equipo, cando nós nos vamos do BNG hai un sector que nos acompaña; se esas persoas eran competentes naquel momento tamén o son agora. Eu son a cabeza visible. Pode que sexa demasiado visible, pero nas localidades pequenas pasa moito. Levo 16 anos en política e tamén fago vida social, teño colaborado en asociacións, comisións de festas,… Son máis coñecido que a gaita na festa. Aparte diso hai xente. Gobernamos durante catro anos e eu, de cero a dez, daríalle un oito ao noso goberno. Traballamos moito, e tiñamos claro que pasos había que dar para chegar a unha mellora.
De que pasos estamos falando?
Pensamos que hai moito que facer antes de emprender proxectos de grandes dimensións. Noutros lugares, cuestións tan básicas como o saneamento, a luz, a recollida de lixo,… levan solucionadas desde hai tempo. Mondariz ten un atraso de máis de 40 anos respecto doutros concellos. A día de hoxe tan só temos o 50 ou 60% do saneamento feito, e a solución non pasa por conectar á EDAR, senón por buscar un modelo alternativo. Nós somos partidarios de traballar primeiro no básico, e logo xa realizar outros proxectos.
Que proxecto de concello ten AporM no longo prazo?
Para nós, o turismo é básico. O ideal sería poñer en valor o territorio, pero antes hai que traballar en infraestruturas, patrimonio,… Hai dous edificios, por exemplo, que deberían estar en propiedade do Concello para converterse en centros turísticos neurálxicos. Tamén pensamos que debemos promover os oficios tradicionais de Mondariz. Non só a cestaría, senón outros como a sastrería.
Vostede mesmo fixo referencia ao episodio histórico da súa saída do BNG.
É posible superar o distanciamento co BNG e chegar a sumar forzas en Mondariz? Trátase dun distanciamento ideolóxico ou persoal?
É persoal, total e absolutamente. Mais xa desde antes de Amio había unha certa incomodidade para traballar polo propio funcionamento da organización. Doeu que me fose porque había unhas expectativas electorais, pero non creo que tivese moitos defensores dentro. É verdade que quedou unha débeda, pero non unha débeda con provedores, senón unha débeda coa organización.
Segues definíndote como nacionalista?
Máis como galeguista que como nacionalista.
Cal sería a diferenza?
A día de hoxe cústame defender posturas nacionalistas que reclamen privilexios para o territorio. Son máis partidario de políticas sociais abertas, de políticas de esquerdas. Sobre o nacionalismo e mesmo o galeguismo prevalece a visión social da realidade. Iso non quita que me doa o meu país.
O escenario político de Mondariz de cara ás eleccións municipais de maio preséntase novamente fraccionado e con caras novas en partidos como o PP ou o PSdG-PSOE. Cal é a súa relación con estes candidatos, especialmente con Pablo? Pensas que vai supoñer un cambio para chegar a acordos de goberno?
É boa. A súa candidatura é sorprendente pero non tanto a súa tendencia política. A día de hoxe vexo difícil chegar a acordos de goberno con ningún partido político. Hai catro anos puxéronse de acordo para tumbarme, e non mudou nada.
Por que pensas que en 2019, sendo AporM o partido máis votado, non tivo a confianza da Corporación Municipal para gobernar?
Nós gañamos no terreo de xogo, que era nas urnas. Desde a chegada da democracia nunca gobernara outro partido que non fose de dereita, nós fomos os primeiros. O PP fíxonos unha oposición brutal. O BNG non se mollou. E o PSdG-PSOE comezou gobernando con nós pero traballar xuntos non foi fácil. Cando chegamos a 2019, o BNG pasoume a factura de marcharme do BNG, o PP pasoume a factura de gañar as eleccións en 2015, e o PSdG-PSOE pasoume a factura de non ter acabado un mandato xuntos.
Esta é unha reflexión interesante. A día de hoxe, catro anos despois, de que partido se encontra menos distanciado para formar goberno de coalición, en caso de dar os números?
Cambiaron as persoas, o que non sei é se cambiaron as formas de facer. Veremos como transcorre a campaña electoral, contra quen cargan e que propostas hai. A situación é moi complexa e non podemos aventurarnos.
Que pasará se non acada a Alcaldía de Mondariz este ano? Seguiría outros catro anos na oposición ou consideraría a retirada?
Tomaremos unha decisión en función dos resultados. Se é bo para o partido que me distancie, non teño ningún problema. Cheguei á política de rebote e xa levo 16 anos. Esta será a quinta vez que me presento a unhas eleccións municipais.