A identidade dos asasinados en Cabreira, a piques de se descubrir?

Despois do criminal golpe de estado fascista do ano 36, as bestas asasinas da España carpetovetónica imperial tiveron campo aberto para desenvolver os seus negros instintos criminais, convertendo as cunetas, camiños e corredoiras dos territorios que ían gañando en inmensos cemiterios nos que asasinaban aos representantes da esquerda política, aos sindicalistas, aos mestres,nacionalistas, galeguistas, anarquistas… ou simplemente a calquera muller ou home co que tiveran algún tipo de conflito persoal.

Na parroquia de Cabreira, no concello de Salvaterra, cinco descoñecidos foron paseados e asasinados naqueles tempos escuros. A tradición oral di que están soterrados moi preto da igrexa parroquial, e desde hai moito tempo un grupo de persoas, desas que dignifican á humanidade, como Ángel López ou Antón “ Xaque” , membros da xunta directiva da comisión pola recuperación da memoria histórica do Condado o Baixo Miño e A Louriña, manteñen o firme compromiso de pórlles nome. Non sei se o conseguirán, pero estamos moi cerca de saber se o seu esforzo e compromiso coa verdade e coa memoria histórica tiveron éxito.

Como comezou todo?

Ángel López chega a Cabreira por cuestións laborais no ano 1982.Alí, atopa unha moi importante tradición oral ao respecto destes cinco mozos vilmente asasinados. Por outra banda, Antón “Xaque”,un home ao que non lle gusta ser denominado historiador, pero que é un dos historiadores máis rigorosos, entusiastas e honestos cos que eu me crucei no camiño da vida,puidera conseguir as partidas de defunción dos cinco asasinados. Comeza unha longa e dura pescuda que ten a única finalidade de pórlle nome aos asasinados. E cando parecía que non era posible avanzar, un encontro casual de Ángel con Pepe Novas, ex alcalde de Bueu e un home moi implicado na memoria histórica da comarca do Morrazo, ponlles sobre a pista de que as persoas paseadas en Cabreira puideran ser cinco mozos de Moaña que foron secuestrados nas mesmas datas do asasinato ao que nos referimos, e de cuxa sorte non se tiña ningún tipo de nova.

A pista do falanxista.

Nun acto que se celebrou no concello de Moaña, un dos asistentes explica que un dos asasinos falanxistas lle contou a un compañeiro de traballo como asasinaron aos cinco rapaces. Non sabía exactamente onde foi o lugar no que os mataron, pero polas circunstancias espaciais e temporais que describe, podería ser Cabreira perfectamente.

Comeza a exhumación.

Por desgraza hai máis foxas para exhumar que partidas económicas habilitadas para as exhumacións, xa que logo non é nada doado poder iniciar un proceso de exhumación. Sen nomes sería imposible. No caso que nos ocupa ao haber unha posibilidade verosímil de ter identificadas ás persoas soterradas, xa comeza aparecer a luz de que si sexa posible o financiamento público necesario para exhumar.

A exhumación faise con cartos do estado. A Xunta recibe o diñeiro e derívao a un grupo da USC denominado Histagra( Historia agraria e política do mundo rural).

En Cabreira a exhumación comeza o luns 18 de novembro e remata o xoves 28 dese mesmo mes.

Como foi o proceso de exhumación.

Foi bastante difícil, as circunstancias climatolóxicas non acompañaron en absoluto e en varios momentos parecía que non se ía atopar resultado algún. Neste proceso cómpre salientar o brillante traballo de Fernando Serrulla, médico forense do IMELGA.

O xoves 11, cando comeza a agromar o desánimo,aparecen os dous primeiros corpos, ambos en paralelo en cadansúa caixa mortuoria. Recóllense os ósos e lévanse envoltos en follas de periódicos, debido á grande capacidade de absorción da humidade que ten este tipo de papel.

Semellaba que non ía aparecer nada máis. Os especialistas deciden entón estender á escavación en dirección á casa do crego, e o martes 26 volver ser outro gran día pois aparecen dous novos corpos en paralelo. Os catro corpos encontrados non están no mellor estado posible por mor da acidez e a humidade características da terra en Galicia, pero a parte positiva é que se atoparon bastantes pezas dentais, algo moi importante para a extracción de ADN.

Son eles

Ángel López manifestounos que ten a convicción de que os catro corpos encontrados son os restos de catro dos cinco asasinados en Cabreira. Non sabe se son as persoas de Moaña que se especula que poden ser, e non o saberemos ata que non se contraste o seu ADN co dos seus descendentes vivos, pero ten a certeza absoluta de que, sexan ou non as persoas de Moaña, si son os asasinados en Cabreira.

El mesmo conversou con persoas que naquel momento tiñan arredor de 10 anos e que foron testemuñas de que os asasinados foron soterrados no mesmo lugar no que foron encontrados os catro corpos.

Quen son as persoas de Moaña asasinadas, e que poderían estar en Cabreira?

Son dúas parellas de irmáns: Eugenio e Manuel Cancelas Corrales, Manuel e José Benito Blanco Costas, e un cuñado destes últimos chamado José Vázquez Sampedro. Temos o ADN dunha filla de cada parella de irmáns e tamén o dun sobriño.

En que fase estamos agora?

Os cartos que había eran para a exhumación, só para exhumar. E agora estamos na fase de xenética. Cómpre atopar financiamento para as probas xenéticas que consisten en contrastar o ADN dos corpos encontrados co dos 3 familiares vivos dos que se dispón ADN. O financiamento non é precisamente barato, pero parece que finalmente vai ser o Concello de Moaña quen se faga cargo de sufragalo.

O paso adiante do goberno municipal de Moaña é moi de valorar, e un indicio notable da súa elevada sensibilidade pois hai que ter en conta de que o van financiar sen ter a certeza de que os catro corpos encontrados corresponden en realidade cos veciños de Moaña secuestrados.

Cando poderemos saber os resultados?

O día 25 de abril houbo un acto en Salvaterra no que Fernando Serrulla manifestou que os traballos están moi avanzados. E aínda que nun principio parecía que non saberiamos o resultado da proba xenética ata finais de ano, as previsións son agora máis optimistas e cóntase con que en verán poidamos saír de dúbidas, e sabermos se os corpos atopados en Cabreira corresponden en realidade cos veciños de Moaña que se sospeita que puideran ser. No peor dos casos de que non fosen eles, o ADN dos corpos exhumados quedaría incorporado a unha base estatal de ADN de persoas asasinadas polo franquismo para podelo contrastar nun futuro co de algunha persoa que estivese buscando saber que pasou con algún familiar seu represaliado e do que non se tivese nova algunha de onde foi asasinado, nin onde foi soterrado.

En calquera caso os membros da comisión da recuperación pola memoria histórica están enormemente esperanzados en que se poidan confirmar as súas sospeitas de que a identidade das persoas asasinadas en Cabreira se corresponda con estes veciños de Moaña, e poidan cumprir a súa máxima de traballo: “ O noso compromiso é pórvos nome”