O ENTREVERBAS é un marabilloso encontro cultural centrado no universo da poesía, que cada ano desde o 2015, coa excepción dun dos dous anos da pandemia, celébrase na parroquia de Cabreira no concello de Salvaterra. Nós falamos co seu alma mater, o amigo Xespi, co que unha vez máis foi un pracer conversar
Xose Manuel Martínez “ Xespi”
“A nosa ilusión e a nosa vontade é converter ao ENTREVERBAS nun referente cultural permanente da parroquia de Cabreira”
O pasado día 10 tivemos unha nova edición do ENTREVERBAS?
Pois si, e xa van sete
Foron sete edicións consecutivas?
No ano 2015 fixemos a primeira edición. Só paramos no 2021 a consecuencia da pandemia. No 2020, o ano máis forte si que puidemos facelo ENTREVERBAS, pero no 2021 non.
Cando comezastes no 2015 coa primeira edición imaxinaches que o ENTREVERBAS puidera instalarse de maneira permanente na programación cultural da nosa comarca?
Non, a verdade é que non. Aquela primeira edición foi unha experiencia moi boa, e as persoas que o organizamos fixemos unha pequena asociación para tentar manter un pouco vivo o espírito e poder facer algunha edición máis. Pero en ningún momento pensei en chegar ata a VII edición.
Non o facedes nunha data fixa, verdade?
Non, sempre o celebramos en outono inverno porque na primavera verán a oferta cultural é moi ampla, pero non ten unha data concreta.
Para quen non vos coñeza cóntanos en que consiste o ENTREVERBAS?
Trátase de tecer un encontro arredor das verbas. Está máis centrado na poesía pero tamén abranguemos outras disciplinas culturais como: a fotografía, a música, a prosa….Pero sempre, coa palabra e a conversa como eixo vertebrador. Fundamentalmente celébrase en Cabreira, o acto principal faise no local da AV Xerme da nosa parroquia, malia que tamén temos feito algunha actividade en Salvaterra ou nalgún restaurante de Salceda
Que cambiou no ENTREVERBAS desde aquela 1º edición?
O noso ámbito fundamental de influencia segue a ser Cabreira, a nosa parroquia, pero o que si notamos é que a difusión e o interese son cada vez maiores e nós, desde logo, estamos enormemente orgullosos e agradecidos.
Que receptividade encontras na veciñanza de Cabreira?
En xeral responde moi ben. O ENTREVERBAS xa forma parte da conciencia colectiva da proposta cultural da nosa parroquia.
A vosa vontade é de permanencia no tempo?, queredes que o ENTREVERBAS sexa un referente cultural permanente da parroquia de Cabreira?
Si, sen dúbida. A idea coa que nacemos, achegar ao rural propostas culturais que é moi difícil ver fóra dos centros urbanos das cidades, segue a ser a mesma e pretendemos que sexa sempre así
Que tal se porta o Concello de Salvaterra con vós?
Non tiramos moito do Concello. Nas cousas que lle imos pedindo si que van botando unha man, pero xa che digo que nós somos moi fáciles de contentar.
Cóntame como foi en concreto esta VII edición?
Tivemos tres actividades principais, e as tres quixemos realizalas en tres puntos diferentes da nosa parroquia. A primeira foi a presentación da novela de Cristina Pato: “No día do seu enterro”. Fixémola no bar pon antonomasia da nosa parroquia, o bar Sanrokán. Cando rematamos esta actividade abrimos a exposición do grande escultor de Cabreira Constante González para que quen quixera, coñecera o seu marabilloso traballo. Tamén tivemos un obradoiro de poesía coa poeta rianxeira Noelia Gómez, que fixemos nunha das aulas da escola infantil de Cabreira. A última actividade foi o recital poético musical, como sempre no centro cultural Xerme
Quedaches satisfeito do resultado?
Si, a verdade é que se cumpriron todas as nosas expectativas, incluso houbo momentos de calidez verdadeiramente entrañables.
Ti Xespi, traballas no metal, como é que che veu á afección pola poesía?
Xa desde moi neno tiven inquedanzas e interese por todo o relacionado coas letras. Dábaseme ben escribir e tiña un amigo que me comezou a chamar Shakespeare , pero claro eu galeguiceino a Xespi porque parecíame un pouco ousado que se me coñecera co nome dun dos mellores escritores da historia da literatura
ha ha ha…e quedouche entón ese alcume desde os tempos da escola?
Si, téñoo desde neno
Que tipo de poesía che gusta máis?
A que me transmita, a que me faga sentir e pensar. A poesía reivindicativa vinculada coa terra e coa realidade social.