Véñennos mensaxes de todos os lugares do mundo, veñen en calquera formato e parecen vir como a civilizarnos. Son de calquera sitio e veñen e traen a imaxe reflectida desta colonización moderna e global, uniforme. Invitan a esquecernos de nós mesmos. Traen o futuro e as solucións aos problemas. Hai outra verdade paralela, semellan dicir na pantalla da “tablet”. Veñen coas súas cousas, mesmo parecen boas persoas e con boas intencións, mais nunca na nosa lingua -ese refugallo infeliz que se perde- e nunca xamais virán promovendo e estimando o que temos no noso arredor, na nosa tradición, na cultura e na paisaxe que ven os nosos ollos. Semella que todo o novo, todo o que non chegou é o mellor, e está fóra. Entón tráennos esa modernidade de largueza, esa liberación aparente que esconde sempre un beneficio que se debe reconducir para fóra e que, sabemos, non nos aporta nada bo, como moito seguir tirando pero desposuídos da materia prima que levaron. Aquí como moito dan traballos menores, temporais e mal remunerados. Colocan nos mellores aos adictos, mellor se son do partido, e a quen se prega nas demandas. Son persoas listísimas que veñen onda aos “aborixes” que non sabemos vivir nin adaptarnos aos tempos. Quedamos desclasificados e perdidos. Traen hábitos novos e nunca se integran, seguen a falar o seu idioma. Poñen distancia. Quede claro que o beneficio está sentenciado indubidablemente para fóra, estamos obrigados por acordos internacionais que calaron en secreto e que nos ignoraron. Veñen co novo invento, sexan eucaliptos, minas, eólicos e outras novidades en múltiples formatos. Son a solución á nosa falta de adaptación aos novos tempos, repítennolo moitas veces e collemos complexo de que non damos chegado. Eles veñen axudarnos a chegar. Fannos ver que doutro xeito non hai futuro, que o de sempre non abre horizontes, está obsoleto. Algúns chegan a entender que fai falta abusar da terra e dos medios que nos ofrece. Mais a vida segue, e nós temos que apeitar cos gastos desta vida que queremos levar, comer todos os días, o fogar, as carreiras da descendencia, a roda do consumo. É así como, de paso, metémonos nesa roda de suicidio colectivo contra a terra que nos sostén.
Poderemos darnos conta que temos que abandonar o que fomos, a orixe, o rural e as aldeas. Fannos saber indirectamente que aquí non hai futuro. Estamos na desbandada e ninguén pensa que todo isto sexa froito dunha mala política ou desatención secular ao rural, deixado do coidado que merece. Esta sería a nosa colaboración ao servicio de extinción, seguir acabando coa Terra e, nas súas contas, a nós tamén nos suman. Son moitos negacionistas os que din que é unha trola iso do cambio climático, terraplanistas de preclaras ideas tan sabidas e sabias, “ayusos varias”, herdeiras dos “hilillos plastilínicos” e sumadas aos que amañan con diñeiro e privatizacións as crises e outras invasións medioambientais, tamén nas aldeas mínimas da nosa xeografía. A metodoloxía é a mesma.
E é aquí onde eu reparo nesta maraña de feitos que enlazan coa pretendida colonización, que sempre vén de fóra, das marabillas que fabrican en empresas europeas onde lles importamos pouco e só pensan extraer beneficio. Despois non repararán o mal que fixeron ou o estado en que queda todo. Chegados aquí é onde debemos parar a pensar na tremenda inxustiza cometida nestes nosos lugares de orixe, nestas sociedades que chaman “menores”, nas nosas aldeas, onde quedamos sen escolas, sen médicos, sen transporte, sen vías de comunicación, sen servizos, sen poboación, sen atención. A culpa non é da xente, menos aínda da que resiste nas aldeas que aguantou a política de esquecemento e de desprezo. Eu sei que non fai falta sinalar a ninguén e que todos sabemos quen son os culpables, quen foron os que omitiron o necesario para conformar esa variable da vida en contacto coa terra e coa natureza. Esa variable que preservou a Lingua e a Cultura da que procedemos.
Tamén aí xogan os que nos gobernan, tamén eles pensan en moderno e contabilizan os votos. Agora no rural xa somos menos. Quérennos reconducir, invitar a marchar. Porque nos grandes núcleos das vilas e cidades, xa poden domear con subvencións e logros nos medios de comunicación vendidos. Vén sendo todo unha cadea de despropósitos. Pois desde eses despropósitos nos que habitamos, por culpa de tanta ruindade, eu quérolles felicitar as festas e desexar que, no novo ano, a verdade esclareza e nos abra os ollos.