Orgullo e confianza

O BNG a favor de tomar medidas contundentes para frear a segunda onda da COVID e esixe á Xunta que actúe con decisión

Galiza celebra este 25 de Xullo aínda inmersa nunha pandemia que puxo as nosa vidas patas arriba e que provocou unha crise sen precedentes en tempos de paz.

Por iso, este Día a Patria estará marcado por unha emoción especial, a que supón o reencontro tras un ano de restricións e distancias no físico e no afectivo; a emoción da lembranza das persoas queridas que nos deixaron pero que permanecerán sempre na nosa memoria, o agradecemento aos homes e mulleres que deron o mellor de si para coidarnos, mesmo arriscando a súa seguridade para salvagardar a nosa saúde, desde a sanidade, as residencias e en tantos outros sectores cuxos profesionais resultaron imprescindibles para sacarnos a flote.

Os recoñecementos oficiais están ben e son oportunos, pero hai que ir máis aló: reforzar a sanidade pública, deseñar un modelo de coidados que garanta unha vellez digna, acabar coa precariedade e cos baixos salarios de sectores que foron clave durante a pandemia, pero que están mal pagados e pouco valorados e son maioritariamente prestados por mulleres.

É tamén un Día da Patria marcado pola emoción e o orgullo de saber que o pobo galego estivo á altura das circunstancias, que demostrou a súa capacidade para saír adiante incluso nos peores momentos, e facelo desde a solidariedade, desde a xenerosidade e dando un exemplo de responsabilidade.

Galiza é unha nación con capacidade, talento e riqueza pero precisamos que todo iso se poña ao servizo do desenvolvemento do País, para activar os seus sectores produtivos, xerar emprego de calidade e darlle futuro a xente moza, que hoxe soporta precariedade, paro ou emigración.

Somos unha nación de persoas solidarias cun comportamento exemplar cada vez que nos poñen a proba, unha Galiza diversa, aberta, acolledora, que non admite límites ás liberdades, aos dereitos e ao respecto a todas as persoas.

Somos tamén unha nación rica en recursos, con enormes potencialidades ambientais e materiais, cunha cidadanía traballadora e formada que se esforza para saír adiante e ter un futuro na súa terra. Pero temos que poñer todo ese potencial a favor da xente do País, rompendo co centralismo que nos discrimina e que espolia os nosos recursos naturais.

Un exemplo de libro é o que pasa coa riqueza eléctrica. Como é posible que unha Galiza que produce electricidade a esgalla non teña ningún beneficio? Ao contrario, pagamos un prezo desorbitado na factura da luz e miles de empregos están en risco polos prezo da enerxía.

Desde o BNG defendemos unha tarifa eléctrica galega para que as familias e as empresas paguen menos e se beneficien, porque até agora só asumimos os custes ambientais e sociais. Pero as forzas estatais vetan esta proposta do Bloque, pese a que non inventamos nada, de feito, países como Suecia, Dinamarca, Noruega, Gran Bretaña ou Alemaña teñen tarifas da luz diferentes e os territorios que producen pagan menos. Algo de sentido común e de xustiza.

Cando decide Madrid, Galiza perde, e queremos que este País gane; hai que acabar coa discriminación do Estado, na que se alternan uns e outros, e ganar capacidade para decidir nós nos nosos asuntos e tomar decisións ao noso favor.

Nese camiño estamos, co BNG como referencia de cada vez máis galegos e galegas que ven en nós a mellor ferramenta para construír un futuro de oportunidades. Por iso, digo con orgullo, cada vez sumamos máis apoio social, porque cada vez son máis as persoas que ven esta forza política a alternativa real ao Goberno do PP.

Forzas estatais que se alternan na discriminación a Galiza. Antes o PP, pero tamén agora as forzas do que se autoproclama o goberno máis progresista da historia pero que non cumpre os compromiso asinados con BNG no acordo de investidura, facendo esperar aos galegos e as galegas, como por exemplo coa rebaixa das peaxes da AP9.

O BNG ten unha única lealdade, a do pobo galego. E esa lealdade marca a nosa actuación e traballo político onte, hoxe e sempre. Defendemos os intereses da sociedade galega en todos os foros, contextos, situacións. Somos unha organización seria, con palabra, responsábel e coa man sempre tendida para traballar na defensa dos intereses deste País, avanzar en dereitos e impulsar políticas sociais.

Quero aproveitar esta data do Día da Patria para facer un chamamento a construír sumando co BNG, porque somos maioría as persoas que levamos Galiza na cabeza e no corazón e que, desde diferentes formas de vivir e sentir o País, queremos un futuro mellor para todas e todos. Unha Galiza sen límites.

Ana Pontón.

Portavoz nacional do BNG.