O pasado 1 de maio as tropas dos EEUU e da OTAN debían ter abandonado Afganistán, en virtude do acordo, tras 18 meses de conversas, que o ex-presidente D. Trump asinara cos talibán en febreiro de 2020 en Qatar, a cambio de que o solo afgán non sexa utilizado para ameazar a seguridade dos EEUU e os seus aliados, e que os talibán sentaran a negociar co goberno afgán.
Mais a chegada de Joe Biden á Casa Branca alterou as cousas e o prazo para a retirada das tropas estranxeiras ampliouse até o 11 de setembro, coincidindo co 20 aniversario do ataque máis mortífero da historia nos EEUU, cando Al Qaeda causou a morte a 3.000 persoas en Washington e Nova York. A retirada, que máis parece unha desbandada, é practicamente total desde comezos de mes e o goberno estadounidense anunciou que a finais de agosto estará totalmente rematada.
Afganistán é hoxe un país devastado por máis de 40 anos de conflito, desde que en 1978 comezara a guerra entre o goberno comunista de Afganistán e insurxentes muxahidin, guerrilleiros islámicos, financiados e armados polos EEUU. Este conflito involucrou tamén á URSS, que acode en 1979 en auxilio do goberno afgán, onde permanece até 1989. Mais a guerra prosegue tras a retirada soviética e en 1992 os muxahidin fanse co control de Kabul, a capital afgá.
Unha vez no poder as loitas entre as diferentes faccións sucédense e o caos resultante facilita o avance dos talibán, grupo creado coa axuda de Pakistán a comezos da década dos 90, quen prometían rematar coa corrupción imperante e establecer a paz e a seguridade no país. Moitos dos seus membros estudaran en madrasas relixiosas pagadas por Arabia Saudita en Afganistán e Pakistán, a onde fuxira un gran continxente de refuxiados na década dos 80, onde reciben unha visión extremista do islam sunnita (wahabismo). Desta relación coas madrasas provén o seu nome, pois talibán é o plural de talib, que en pastún significa estudante.
O pobo afgán, canso das loitas internas e dos excesos dos muxahidin, viu en xeral con bos ollos a chegada dos talibán a Kabul en 1996, quen establecen un emirato islámico cunha interpretación estrita da sharia (lei islámica): prohiben a música, o cine e a televisión; os homes son obrigados a deixar barba e as mulleres a vestir o burka; ás nenas prohíbeselles ir á escola…, e os castigos para quen incumpría os seus ríxidos preceptos son moi severos: execucións públicas, amputacións, flaxelacións…
Por aquel entón Afganistán convertírase no refuxio de Al Qaeda e do seu líder, Osama Bin Laden. Tras o 11/9, os talibán néganse a entregar a Bin Laden e outros líderes de Al Qaeda vinculados aos ataques, o que motivou a invasión da coalición liderada por EEUU o 7 de outubro de 2001, denominada operación “Liberdade Duradeira”.
O réxime talibán cae en decembro, mais o carácter montañoso do país facilita o refuxio e reagrupamento dos seus militantes, e moitos dos seus líderes atopan acubillo e reciben armas en Pakistán, a onde chegan a través da porosa fronteira.
Tras 20 anos de conflito non se acadou gran cousa. Afganistán é hoxe un país en ruínas, a guerra prosegue e os niveis de violencia son enormes. Malia o gran número de soldados estranxeiros e a enorme diferenza en equipamento militar (os talibán non teñen avións, helicópteros ou tanques), os talibán pouco a pouco foron extendendo a súa influencia e hoxe, máis fortes ca nunca, controlan máis da metade do territorio e teñen unha importante presenza no resto, quedando en mans do goberno pouco máis que unha constelación de capitais provinciais.
As consecuencias da guerra son enormes: 241.000 persoas morreron como resultado directo da guerra e centos de milleiros máis, a maioría civís, debido á fame e enfermidade. Entre os falecidos cóntanse 71.500 civís (47.250 en Afganistán e 24.100 en Pakistán), 84.200 rebeldes, 70.000 policías e militares afganos, 3.600 soldados da coalición, amais de innumerábeis feridos e mutilados. Só na pasada década morreron 7.800 nenos e 19.000 resultaron feridos.
Polo menos 2.7 millóns de afgáns víronse obrigados a fuxir do país, convertíndose en refuxiados en Pakistán, Irán e outros países, aos que hai que sumar 4 millóns de desprazados internos. O país ocupa o posto 177 de 180 no ranking mundial de corrupción e continúa producindo enormes cantidades de opio. A taxa de pobreza ven aumentando e máis da metade da poboación vive baixo o umbral da pobreza, cando en 2012 era o 37%. E polo menos 18.4 millóns de persoas, a metade da poboación, precisan asistencia humanitaria, incluíndo máis de 3 millóns de nenos en risco de desnutrición aguda.
EEUU, que gastaron neste conflito 2,26 trillóns de dólares, pon fin á guerra máis longa da súa historia ante a constatación de atoparse empantanados nun conflito que nunca serán quen de gañar, unha “guerra interminábel”. Para os diferentes presidentes dos EEUU Afganistán converteuse nunha pesada carga.
Moito mudaron as cousas desde que George W. Bush declarara a guerra global contra o terror, poñendo no punto de mira ao terrorismo xihadista. Co paso do tempo, a orde de prioridades para a administración estadounidense mudou e actualmente está máis preocupada polos desafíos que representan potencias como Rusia ou China.
Todo isto fixo que, a ollos dos EEUU, os talibán pasaran de ser unha organización terrorista que supuña unha ameaza global a converterse en interlocutores válidos negociando en plano de igualdade, primeiro co goberno norteamericano e logo co afgán.
Mais a retirada das tropas estranxeiras abre numerosos interrogantes. As tropas gubernamentais están sendo incapaces de conter o avance talibán e, malia as promesas de apoio dos EEUU e a confianza manifestada publicamente polo presidente Ashraf Ghani, a volta dos talibán ao poder é unha posibilidade real, coas conseguintes incertezas en canto ás consecuencias que isto pode ter en relación aos dereitos da muller, das minorías…
As conversas entre o goberno e os talibán non presentan avances desde que se iniciaron o 20 de setembro do ano pasado, polo que as perspectivas de paz e estabilidade son escasas. Desde o acordo cos EEUU os talibán non atacaron as tropas estranxeiras mais produciuse un aumento da violencia entre os talibán e as forzas afgás, intensificada aínda máis despois de que en maio os EEUU e a OTAN comezaran a retirada dos últimos 10.000 soldados (3.000 dos EEUU e 7.000 da OTAN), convertindo o mes de xuño no máis mortífero para as forzas afgás dos últimos 20 anos.
Os talibán, envalentonados pola retirada das tropas estranxeiras, tomaron desde maio importantes zonas do país, moitas de gran importancia estratéxica (fronteiras cos veciños países de Asia central) e en non poucos casos sen sequera combates, e rodean xa as capitais provinciais, facendo saltar todas as alarmas e aumentando o temor de que o goberno afgán poida colapsar en meses.
O rápido avance talibán, incluído no norte dominado por minorías étnicas e tradicional baluarte dos antigos líderes muxahidin, os señores da guerra, poderosos en Afganistán desde a caída dos talibán en 2001, propiciou a acción desesperada do goberno afgán de armar voluntarios locais e revivir milicias cunha historia de violencia brutal para axudar as forzas de seguridade. Isto supón a admisión do fracaso das forzas de seguridade e aviva os temores a reproducir os conflitos da década dos 90.
Os talibán, que se definen como insurxentes que loitan contra a ocupación estranxeira, contra un goberno “ilexítimo e títere” sen poder real e que desexan voltar a Afganistán a unha sociedade máis puramente islámica, confían en acadar o poder a través das armas, malia as palabras a prol da paz dos seus portavoces. Moi ben organizados baixo o liderado do Mullah Hibatullah Akhundzada, son un movemento maioritariamente pastún, etnia predominante en Afganistán co 42% da poboación, se ben entre as súas filas tamén hai uzbekos, baluchis, taxikos e algúns hazaras, e contan cuns 200.000 membros.
Por se isto non fora suficiente, cómpre non esquecer a ameaza que representan Al Qaeda, cuns 500 combatentes en Afganistán e vínculos próximos cos talibán, segundo un informe recente da ONU, e un cada vez máis activo e mortal Estado Islámico.