Un ano despois das eleccións autonómicas e un ano despois dos primeiros confinamentos os sectores produtivos galegos continúan agardando que a Xunta de Galicia aprobe algún plan con dotación orzamentaria propia para facer fronte á desfeita económica.
A realidade é que a maioría das axudas administradas pola Xunta foron asignacións nutridas con fondos do Goberno Central. E as únicas ocasións en que o Goberno Autonómico se dignou en aprobar un paquete de axudas, as contías foron francamente inaceptables.
Por poñer un exemplo, a Xunta de Feijóo anunciaba recentemente o chamado “bono autónomo”, unha liña de axudas dotada con 5,5 millóns de euros. Sí, unha liña de 5,5 millóns de euros para as 290.254 traballadoras e traballadores por conta allea de Galicia, segundo os datos do Ministerio de Traballo a xuño de 2021. Ou o que é o mesmo, se todas elas recibiran unha axuda, tocaría a algo máis de 26 euros por cabeza.
Cifras de carácter cosmético, só útiles para encher portadas, que chocan cos 472 millóns de euros que a Xunta recoñeceu deixou de ingresar neste 2021 pola baixada de impostos a moitos que sí poden pagalos. Pouca broma.
Os fondos europeos tamén están a funcionar como un velo cosmético, un titular apañado para aqueles días nos que a Xunta non ten máis que anunciar.
Resulta que os fondos Next Generation son coma o maná, un riquísimo alimento económico que nos vai caer do ceo. Parecera que sen condición e sen límite.
A realidade é que desde fai un ano a Xunta vai anunciando cifras sen ton nin son e mesmo chegou a facer referencia á existencia de máis de 354 proxectos. Proxectos dos que a día de hoxe só coñecemos os seus “títulos” ,gracias ao medio de comunicación Praza.gal porque a Xunta mantén ocultos os presuntos textos de desenvolvemento dos mesmos.
Recentemente, Núñez Feijóo anunciaba unha candidatura de Stellantis para producir na PSA baterías eléctricas, manexando un investimento de “3.000 ou 4.000 millóns” , seis días despois o Vicepresidente Rueda recoñecía non saber cantos fondos virían para Galicia, ao tempo que reclamaba maior porcentaxe dos mesmos para o turismo.
O pasado día 13 o Parlamento de Galicia aprobaba o ditame da Comisión de Estudo para a Reactivación Económica con 400 propostas no papel. Propostas que en ningún caso debulla o ditame como se van levar a cabo e que deixan ás claras, unha vez máis, a inutilidade deste tipo de comisións parlamentarias.
Sen embargo, o que si sabemos é que mentres a Xunta nos ten entretidas e entretidos co baile de cifras e coa escenificación parlamentaria, xa se ten encargado de asegurar que os poucos ou moitos fondos que recibamos en Galicia vaian a parar ás mans dos de sempre.
A constitución dunha sociedade privada de xestión dos fondos públicos así o garante. Xunta, Abanca, Reganosa e Sogama marcarán as pautas de onde se van a empregar boa parte dos fondos. Onde quedaron as PEMES? Onde fican as persoas autónomas? E os servizos públicos?
Lonxe de discursos solemnes e de cuestións territoriais, este 25 de xullo máis nos vale a galegas e galegos abandeirar o discurso de clase e mirar cara os nosos sectores produtivos, antes de que nesta encrucillada económica os investimentos nos pasen de longo sen ter posto un pé na rúa para reclamalos.