Os camaradas, os compañeiros e compañeiras

Camarada Nocho
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

Nas persoas da miña xeración, que vivimos a nosa adolescencia nos primeiros anos da década dos 80 do pasado século, había un nivel moi elevado de politización e non era estraño que un estivese, sen pretendelo, metido no medio de debates de elevada complexidade teórica política con matices que agora serían impensables. Non me imaxino, nin de lonxe, a mozos que rozan as dúas décadas de idade discutindo sobre o maoismo ou trotskismo cun grao de paixón e intensidade semellante ao que puidese existir nas estúpidas discusións entre fanáticos seareiros de calquera equipo de fútbol. Ás veces cando a nostalxia compartida daqueles azuis días da mocidade invade o meu corazón, lembro co meu amigo Quique un episodio no que estabamos a debater cuns comunistas dun grupo, de cuxo nome non me quero acordar, e no medio da treboada dialéctica a Quique ocorréuselle chamar “ social demócrata” a un dos nosos interlocutores. Non podo evitar o sorriso oceánico cando lembro a indignación enorme do aludido, como o máis enorme dos raña ceos , ao ser interpelado desa maneira. E non creo que nunca esqueza a súa resposta: “Mira, prefiro que me chames fillo de puta que socialdemócrata. Ese é o peor insulto que me podes facer”

Entre todo o universo nos que nos moviamos as persoas que dun modo ou outro tiñamos relación coa esquerda política naqueles tempos era moi frecuente substituír o noso nome, ao dirixirnos a alguén, polo termo camarada ou compañeiro. Ambos simbolizaban o desexo de manifestar a intención de manter unha relación entre iguais, na que ninguén fose máis que ninguén e na que a solidariedade e a fraternidade fosen os eixos que definisen as interaccións recíprocas. De feito eu aínda manteño ese costume á hora de dirixirme a alguén que aprecio que me fai compañía e co que sei que podo contar nos momentos de debilidade e angustia existencial. Malia as enormes decepcións vitais acontecidas no meu camiñar persoal, seguro que igual ca no de todo o mundo, malia a recua de traidores, crápulas ,interesados e desagradecidos cos que me teño cruzado, seguro que igual que todo o mundo, sirva este texto como homenaxe, desde o mais íntimo e profundo de min, aos compañeiros e compañeiras, aos e as camaradas de verdade, a quen aconsella sen, xulgar a quen dá sen pedir e a quen se move pola forza motriz dos seus valores das súas ideas e das súas conviccións. A imaxe que ilustra este texto é a do meu camarada Nocho da Guarda. Camarada no sentido estrito do termo. E a súa imaxe é unha metonimia de todos aqueles e aquelas que coa súa xenerosidade fan mellor á humanidade. Grazas Lare de Redondela, Grazas Antón de Salvaterra, Grazas Lucía de Marín, Grazas Susana de Vigo, Grazas Miriam de Tui, Grazas Waldo de Mos, Grazas Pedro do Porriño, Grazas Quique, Raquel, Segundo Dani, Paco Sio e Triqui de Vigo……………Sen vós A Nova Peneira sería imposible.

Primer comentario

Deixa a túa opinión