Calis: “temos que poñer de novo en valor a praza como un espazo clave para a economía local”
Mondariz, 16.04.2026
Alternativa por Mondariz vén de denunciar a situación de abandono que sofre a praza de abastos do municipio, un edificio singular que constitúe un dos principais espazos de encontro da veciñanza e un elemento fundamental da vida social e económica local.
A formación lembra que o mercado é, desde hai décadas, un lugar vital para Mondariz, onde existe unha arraigada cultura de compra de produtos frescos e de proximidade. Esta función intensifícase especialmente os domingos, coincidindo coa celebración da feira, que converte a praza nun punto de atracción tanto para a veciñanza como para visitantes doutros concellos.
Porén, a realidade actual dista moito do seu potencial. Dos seis postos existentes, só dous permanecen abertos na actualidade, tras o peche progresivo de distintos negocios nos últimos meses. Esta situación, sinalan desde Alternativa, é ben coñecida polo goberno local, que non puxo en marcha os trámites necesarios para a reapertura e adxudicación dos postos dispoñibles a novas persoas interesadas.
Desde AporM criticamos a falta de vontade política do goberno municipal, ao que acusan de dar respostas vagas e dilatar no tempo unha solución que consideran urxente. “Nos últimos plenos preguntouse reiteradamente pola situación dos postos baleiros e a resposta sempre foi a mesma: que se vai facer de inmediato. Pero o tempo pasa e nada cambia”, denuncian.
A formación tamén lembra que no ano 2024, cando AporM estaba no goberno, xa se impulsou unha solicitude de subvención destinada á mellora das infraestruturas da praza de abastos, tanto no seu interior como no exterior, co obxectivo de reforzar o seu atractivo e funcionalidade. Neste sentido, lamentamos que non se estea a actuar na recuperación dos espazos comerciais.
AporM insiste en que a praza de abastos non é só un equipamento municipal, senón un elemento central da identidade local, cun importante valor patrimonial e social. “Estamos a falar dun espazo que xera vida, que dinamiza o comercio e que contribúe a facer máis atractivo
o concello. Non se pode permitir o seu deterioro nin a perda progresiva da súa actividade”, sinalan.
Por todo isto, a formación esixe ao goberno local que actúe de maneira inmediata para reabrir os postos pechados, mellorar as instalacións e recuperar o papel da praza como motor económico e social de Mondariz.

Primer comentario