Patricia Mariño candidata do BNG á alcaldía de Salvaterra de Miño

Patricia Mariño candidata do BNG á alcaldía de Salvaterra de Miño

Natural e veciña da parroquia de Fiolledo Patricia é unha muller nova en idade pero veterana na práctica política. Leva como concelleira do BNG desde o ano 2007. Asemade é unha profesional brillante con 15 anos de experiencia no exercicio da avogacía . Patricia é unha persoa moi implicada afectivamente co seu pobo e amósase ilusionada en protagonizar o cambio que Salvaterra necesita despois de décadas de gobernos de dereitas. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

Ás eleccións de maio o BNG de Salvaterra vai coa intención de gañar, sen ningún tipo de límite e con toneladas de ilusión”

Salvaterra precisa un cambio para saír da situación de esclerose na que se encontra”

Queremos coñecerte un pouco máis Patricia

Ben, eu son licenciada en dereito e levo 15 anos exercendo a miña profesión. E son unha persoa moi implicada emocional e socialmente coa realidade que me tocou vivir. Considero que deixarlle un mundo mellor ás nosas fillas e fillos é un imperativo moral. E iso comézase a facer concello a concello.

Estudaches dereito en Santiago?

Non, a carreira fíxena en Ourense.

Que recordos tes da túa época universitaria?

Unha etapa moi bonita, das máis atractivas da vida. Teño moi bos recordos.

Por que estudaches Dereito, tiñas antecedentes na familia?

Pois non tiña ningún antecedente. A práctica do dereito xa ma atraía desde moi moza, e non che sabería dicir o motivo. Se cadra un ideal abstracto de xustiza foi o que me motivou a camiñar cara ao mundo da avogacía.

Como inicias a túa vida profesional despois de terminar a carreira?

Fixen un máster de práctica xurídica en Madrid. Compaxineino co traballo nun despacho. Despois volvín a Galiza e traballei con Ana Mosquera, unha compañeira de Vigo. Encantoume traballar con ela, faciamos as demandas en galego algo que me ilusionaba especialmente.

E cando comezou a túa relación co nacionalismo político?

Na Universidade. Fun nas listas do BNG de Lobeira, un pobo de Ourense. Empecei no nacionalismo moi nova e medio ocultándollo aos meus pais, porque eu non veño dunha familia de tradición nacionalista.

Ao acabar a carreira púxenme en contacto con Gabriel Martínez e Roberto Mera, deime de alta no BNG. Levo 18 anos no bloque

Es concelleira no teu pobo, verdade.?

Si, son concelleira en Salvaterra desde o ano 2007. Agora exerzo como portavoz tamén. Somos dous concelleiros, Javi e eu, e estamos moi contentos co traballo desenvolvido. De feito creo que boa parte da sociedade do noso pobo comeza a percibilo, tanto é así que está a achegarse ao noso proxecto moita xente nova. Para as próximas eleccións imos presentar unha lista moi sólida, solvente con moitas mulleres, algo moi importante na miña forma de entender a realidade, e profundamente renovada.

É a primeira vez que o BNG presenta unha candidata neste concello, cales son os teus sentimentos ao respecto?

Unha mestura de ilusión , responsabilidade e algo de frustración, porque xa tiña que ter acontecido moito antes, tamén.

É a primeira vez que o BNG presenta unha candidata, e Marta é a primeira alcaldesa na historia de Salvaterra

Si.

Este primeiro mandato de Marta, como o valoras?

Continuísmo total e absoluto. Marta xa estaba con Arturo e apoiaba e votaba todos os proxectos que Arturo presentaba. Continuísmo nas sesións plenarias, na maneira de traballar e nos proxectos. Se a xestión de Arturo era moi deficiente, por desgraza da de Marta non se pode dicir nada diferente.

Cal é a situación económica do Concello de Salvaterra?

A situación é mala, e non o é por casualidade, claro,senón porque se xestiona mal. A única persoa que desaparece do equipo de goberno anterior é Arturo, o resto segue todo igual. Temos unha débeda de case 6 millóns de euros. Temos o orzamento prorrogado desde o 2017.

E tendo maioría absoluta o PP como é posible que non se aprobe ningún orzamento desde o ano 17?

Pois por desleixo, incapacidade , pouco traballo…..É intolerable, desde logo, que tendo o PP maioría absoluta carezan da capacidade política, da vontade de cumprir o seu compromiso coas veciñas e veciños de Salvaterra para facer o básico: levar un orzamento a pleno para planificar unha adecuada xestión económica do concello.

Uns orzamentos actualizados evitarían moitos plenos extraordinarios, moitos recoñecementos extraxudiciais de crédito e moitas subvencións nominativas. A lei permite facer todo este tipo de xestións de maneira extraordinaria. Eles esta excepción téñena como regra e traballan así en xeral.

Alén da situación económica que outros problemas graves ten o Concello de Salvaterra?

O PP carece dun modelo de vila. O único que fan e para iso mal, é xestionar o día a día e tratar de ir zafando os problemas como poden. Calquera actividade está estancada. Por exemplo a cultural é todos os anos a mesma.

Ao non ter unha estabilidade orzamentaria o concello sobrevive con subvencións da Deputación e da Xunta. Isto implica que sexan outras administracións as que destinan o diñeiro e avalían os proxectos. A capacidade de manobra do Concello de Salvaterra depende doutras administracións e non pode liquidar ningún proxecto propio.

E o BNG ten modelo para Salvaterra?

Como o ten amosado en todas as vilas nas que goberna. Temos un modelo si: Un modelo de Salvaterra humana, accesible e xusta. Un modelo de Salvaterra no que se trate a todos por igual con independencia das súas simpatías políticas. Un modelo de Salvaterra que trate por igual ao centro da vila e ao último curruncho de cada parroquia. Un modelo de Salvaterra que universalice a atención social a quen máis o necesite, e que sexa capaz de levar a cultura e o lecer a todos os barrios de todas as parroquias.

E algo que para o BNG é esencial é mellorar substancialmente a situación sanitaria do noso pobo, en precario, como a de toda Galiza. Salvaterra precisa un servizo de urxencias e a súa reclamación é unha medida prioritaria para o Bloque

O noso modelo é de amor por Salvaterra, non vimos á política na procura dun traballo, non nos fal falta. Vimos a tratar de mellorar as condicións de vida de todos e de todas por igual.

Este verán no BNG de Salvaterra fixestes unha campaña moi intensa en relación á estado da auga do concello, como está este tema?

Sobre este tema, o PSOE e o BNG levamos a Pleno no mes de xaneiro, unha moción conxunta na que diciamos que a actuación política neste asunto non era a adecuada. Alegamos o que fariamos nós e facemos unha serie de preguntas. Esta moción foi aprobada por unanimidade. Esixiamos responsabilidade política.

A este pleno, a alcaldesa e o seu goberno, fixeron acudir aos fontaneiros traballadores do concello e tentaron botarlles a culpa de que non facían ben os informes. Algo moi grave . A día de hoxe aínda non está claro se esa alerta epidemiolóxica non fose derivada do consumo da auga da traída.

Pode repetirse?

Por suposto que pode volver repetirse. Non se tomaron medidas preventivas, que é o que lle esixiamos.

O Concello de Salvaterra trata por igual aos colectivos que entende como amigos, que aos colectivos que entende como non amigos?

En Salvaterra as subvencións son todas nominativas. Nós avogamos pola concorrencia competitiva

Cales son as perspectivas coas que se presenta o BNG as eleccións de Salvaterra?

Temos perspectivas de gañalas. Imos con toneladas de ilusión e sn ningún tipo de límite. Salvaterra precisa un cambio para saír da situación de esclerose na que se encontra.

Tes xa definido o equipo que che vai a acompañar?

Máis ou menos si. Como che dixen antes un equipo moi sólido e moi implicado coa realidade de Salvaterra.

Antes falábasme de que ía haber caras novas. Podes adiantar algunha?

Pois adiántoche unha que me fixo especial ilusión: Xespi de Cabreira , un referente cultural e humano que é unha honra que nos acompañe.

Que podería atopar un veciño, veciña de Salvaterra en ti como alcaldesa?

Proximidade, transparencia , humildade, capacidade de traballo, amor pola miña vila e un océano de gañas de colaborar en mellorar as condicións de vida de todas e todos por igual.