“Xa temos concedidos 14 millóns de € para a ampliación da depuradora de Ponteareas. O próximo será o mandato do saneamento”
A alcaldesa nacionalista de Ponteareas, Cristina Fernández Dávila, fai balance de case oito anos no Goberno municipal e aspira a un terceiro mandato con 11 concelleiros e concelleiras para continuar coa estratexia de transformación urbana planificada en 2015 e desenvolvida durante os últimos anos. “En 2019 dixémoslle á veciñanza que agora vén o mellor e cumplimos. En Ponteareas, nunca se fixo tanto en tan pouco tempo”.
Cristina Fernández Dávila asumiu o bastón de mando da Alcaldía de Ponteareas en maio de 2021, nun contexto de gran conmoción social e persoal pola pandemia e o falecemento do alcalde Xosé Represas. Malia ser unha figura importante no Goberno municipal desde 2015, a súa discreción política como concelleira de Ensino e Saúde a situou á sombra de Represas de portas para fóra ata que foi visibilizándose máis como alcaldesa en funcións e finalmente alcaldesa de pleno dereito. Dos diferentes tipos de carisma que existen, o seu parece ser o da amabilidade, o das persoas que actúan con honestidade e son fieis á súa intuición. Sen renunciar ao legado de Represas, Fernández Dávila aspira a manterse na Alcaldía de Ponteareas co aval das urnas.
En maio cumprirá dous anos como alcaldesa de Ponteareas, tomando o relevo de Pepe Represas como líder do Goberno municipal de coalición. Que balance fai desta etapa a nivel político?
Tendo en conta que partiamos dunha situación muy dura, contando coa enfermidade e o falecemento do compañeiro Pere Represas, penso que ben. Ben porque seguimos afrontando o goberno con forza e cun liderado claro, desenvolvendo proxectos que viñan do 2015 e tamén deste mesmo mandato, así como incorporando proxectos novos. Nese aspecto estou moi orgullosa e moi honrada de poder representar ás miñas veciñas e veciños.
Cales están sendo os retos principais deste último treito de mandato?
Creo que este mandato se está resolvendo cunha serie de proxectos que están mudando o aspecto de Ponteareas. A Ponteareas que tiñamos ata 2015 ou ata 2019 desapareceu para dar paso a unha nova imaxe, completamente distinta, máis moderna e tamén máis amable, cunha vida mellor. Os nosos retos son informar o suficiente e afrontar os novos cambios. Desde logo, non se fixo nunca tanto en tan pouco tempo.
A estratexia de desenvolvemento urbano que se trazou en Ponteareas durante o primeiro mandato de Pepe Represas visibilizouse nestes últimos anos en proxectos de humanización que están transformando o centro urbano de Ponteareas. Malia seguir as tendencias actuais en materia de urbanismo, estes cambios na mobilidade urbana teñen recibido críticas por seren quizais incomprendidos. Que está facendo o Goberno municipal de Ponteareas para resolver esta situación?
A Estratexia Ponteareas Hábitat Saudable xurdiu entre os anos 2015 e 2016, no noso primeiro mandato. Con ela conseguimos 5 millóns de euros (de financiamento europeo) para facer todo tipo de proxectos e converter Ponteareas nunha cidade máis moderna e máis amable. Durante estes anos realizamos actuacións na praza Bugallal, en rúas como San Roque e Redondela, parte do Paseo Matutino, zonas como a contorna do centro de saúde e o pavillón polideportivo Álvaro Pino, a zona de Trobador,… Todas estas actuacións cambiaron o deseño e o modelo de mobilidade en Ponteareas, priorizando as persoas sobre os vehículos. Neste momento estamos desenvolvemento outros proxectos porque, con cambio desa mobilidade, houbo rúas que conflúen na praza Bugallal que se pecharon. Realmente non están totalmente pechadas, pois si se permite o tráfico de necesidade e é posible acceder a garaxes, achegarse a recoller compras ou paquetes pesados ou trasladar a persoas maiores e con mobilidade reducida. Agora son as familias, as persoas maiores, as persoas con mobilidade reducida e as crianzas as que poden desfrutar do espazo público. Actualmente estamos traballando nestes proxectos para humanizar as rúas da contorna da praza Bugallal, que polo momento presentan un urbanismo táctico. Nas próximas semanas vanse colocar carteis para que as veciñas e os veciños poidan mirar como van lucir esas rúas, xa que os proxectos de humanización están en curso; algúns xa están subvencionados e en proceso, outros optando a subvencións. Temos moito traballo, pero son proxectos tanxibles e reais.
Como se afrontan as críticas?
Cada vez que sacamos un proxecto adiante, antes de pechalo, xuntámonos cos colectivos sociais e coas persoas que poden resultar afectadas por ese cambio de rúa, por exemplo. Ademais de presentar os nosos proxectos, tamén recollemos ideas e inquedanzas. Temos moi en conta os problemas ou as vantaxes que nos trasladan porque son precisamente as persoas usuarias as que coñecen mellor o espazo. En relación ás críticas, si somos conscientes de que temos que informar máis sobre o acceso ás zonas restrinxidas, xa que moitas persoas pensan erroneamente que non é posible achegar a persoas maiores ou con mobilidade reducida. Este tipo de acceso nunca foi máis doado, agora si que é posible parar xusto na porta desa persoa con necesidades. Antes tiñas que dar voltas e voltas ata conseguir un oco e aparcar o vehículo.
De cara ás eleccións de maio, pensades que esta incomprensión e desinformación sobre os proxectos de humanización no centro urbano, quizais interesada, podería afectar ao BNG no referente a intención de voto?
A oposición está preocupada porque o balance que temos, despois de dous mandatos co BNG na Alcaldía, é moi grande. Foi en 2015 cando comezamos a planificar todas estas actuacións e conseguir financiamento, e en 2019 presentamos todo isto con perspectivas de futuro. Agora vén o mellor!, ese foi o noso slogan de campaña. Nós atopamos o Concello de Ponteareas en 2015 totalmente en bancarrota e fomos quen de sanealo e planificar. En 2019 tivemos un gran respaldo da veciñanza para asentar esa estratexia de desenvolvemento planificada no primeiro mandato, e pasamos de cinco a nove concelleiros. O que fixemos o fixemos co respaldo da veciñanza. Agora esperamos sumar apoios e acadar o número máxico de 11 concelleiros e concelleiras
Malia haber moitos investimentos en curso, cuestiónase o desequilibrio de actuacións entre o centro e a periferia da vila. É iso certo?
Hai que desmentir totalmente esa loiada interesada. É un ruxerruxe que alguén puxo aí. Fai dano porque, como se soe dicir, moitas mentiras chegan a ser media verdade. En todas as áreas nas que gobernamos puxéronse enriba da mesa distintas políticas e axudas que benefician ao conxunto da poboación de Ponteareas. Cando se sacan axudas para libros e material escolar, para situacións de emerxencia social, para centros culturais ou clubs deportivos,…, estas axudas son para toda a veciñanza, resida no centro urbano ou nas parroquias. Respecto a investimentos, ademais, non debemos esquecer que durante este mandato se acadaron 14 millóns de euros para a ampliación da depuradora. Esta actuación vai beneficiar principalmente ás parroquias, xa que permitirá que a rede de saneamento chegue a todo o territorio. Pouco a pouco teremos proxectos para as distintas parroquias, e comezaremos a enganchar a finais de 2024 ou principios de 2025, cando Confederación Hidrográfica Miño-Sil autorice a conexión da depuradora. Nunca antes se conseguiu un financiamento deste nivel. Desde o punto de vista medioambiental é moi importante e tamén afecta ao centro urbano da vila, pois o río deixará de recibir augas que non lle corresponden. Por outra banda, as parroquias nunca antes tiveron tanta vida. Levamos alumeado de Nadal, os Reis Magos, axudas para os centros culturais, para as traídas de augas veciñais, un servizo de baleirado de fosas sépticas ao mesmo prezo que a conexión á rede de saneamento,… As parroquias están tendo moito apoio e non soamente cada catro anos para gañar votos, senón ano a ano, todos os anos.
Podemos dicir que o saneamento, coa ampliación da depuradora, vai ser a principal liña de traballo do BNG se se chega a un terceiro mandato?
Este mandato foi o mandato do alumeado, que xa foi moi importante para as parroquias. Conseguimos 4 millóns de euros de fondos europeos para cambiar a LED todo o alumeado público municipal. E o próximo mandato ten que ser o do saneamento, xa que solicitaremos todos os fondos europeos que haxa nese eido para un maior desenvolvemento das liñas de saneamento.
Sorprende a eficiencia de Ponteareas desde 2015 para captar fondos europeos que permiten poñer en marcha investimentos de gran impacto. Cal é o segredo?
Sen dúbida, a planificación. Durante os primeiros catro anos de mandato, o que fixemos foi planificar estratexias. Agora, mentres outros concellos están pensando en que proxectos poden encaixar nas convocatorias que saen, nós temos un abano importante de proxectos xa elaborados dentro dunha estratexia clara de desenvolvemento. Sabemos perfectamente o que necesita Ponteareas para empezar a optar a eses fondos e sempre optemos moitos puntos na avaliación de proxectos.
Xa queda menos para a próxima cita electoral, e o contexto político de Ponteareas destaca pola fragmentación de candidaturas, principalmente conservadoras e herdeiras da etapa castrista. Recentemente soubemos que o PP recupera a Nava Castro como candidata para tratar de aglutinar o voto de dereita. Como valora esta situación?
Nós temos que estar centrados en gobernar. Os nosos proxectos nunca foron a curto prazo, senón que foron a medio e longo prazo. Non vamos interromper a nosa etapa de goberno porque outros estean montando listas ou porque esteamos en campaña electoral. Nós estaremos centrados en gobernar e traballar para a veciñanza de Ponteareas. Entendo que outros poidan estar preocupados por branquear máis ou menos a súa imaxe de cara á cita electoral, pero a verdade é que nós non o estamos. Temos un balance detrás moi importante, moitas cousas das que estar orgullosos e orgullosas. Independentemente da ideoloxía, calquera pode ver que para nós Ponteareas é prioritario, e que temos un proxecto claro e beneficioso para todos e todas.
A diversidade de candidaturas en Ponteareas non é nova. Creo que incluso houbo máis en 2019, tanto pola dereita como pola esquerda. Nós temos experiencia nese taboleiro de xogo, debemos botar a partida coñecendo os recursos que temos e mostrarlle á cidadanía o balance tan impresionante destes anos, os proxectos tan ilusionantes que temos xa enriba da mesa. Contamos con grupo humano e con liderado claro.
O PSOE, que foi socio de goberno durante estes dous mandatos, tamén presenta un novo candidato á Alcaldía de Ponteareas, o médico Delfín Domínguez. No caso de non acadar unha maioría absoluta, segue sendo o PSOE a principal opción para sumar forzar nun Goberno de coalición?
Nós como socios de goberno funcionamos moi ben, tanto en 2015 como en 2019. Fomos quen de gobernar de xeito harmonioso, negociador e comunicativo, sempre pensando no proxecto de futuro que tiñamos en conxunto. Non houbo liortas, como si aconteceu noutros mandatos. Fomos quen de poder ceder. Niso consiste este tipo de relación. Agora, como BNG, temos que pensar que partimos de 9 concelleiros que aspiramos a 11. Cando se reconten os votos, o 28 de maio, será momento de avaliar a situación e tomar decisións.
A súa propia candidatura polo BNG foi presentada a mediados de xaneiro, nun acto multitudinario que contou coa participación da portavoz nacional, Ana Pontón. Malia non estar fisicamente entre nós, Pepe Represas estivo moi presente naquel acto. Vostede é presentada a miúdo como a persoa que atesoura o legado político do alcalde Represas, pero esta relación pode chegar a eclipsar o seu rol de líder no contexto electoral. Como se xestiona esta situación?
Eu creo que unha persoa non pode esquecer as súas orixes nin a súa traxectoria, onde comezou a súa vida política. A miña comezou da man de Pepe Represas, porque foi el quen me fixo ese ofrecemento. Desde que aterrei no BNG sempre estiven ao seu carón, fun a súa man dereita. É o lugar onde quería estar, e seguiría estando aí se Pepe Represas seguise entre nós. Creo que non teño que renegar desa experiencia, nin antes nin agora. Foi unha persoa da que aprendín moitísimo, que tiña moitas cualidades, e eu mesma véxome reflectida nesa maneira distinta de gobernar, de relacionarse coa veciñanza, de traballar polo interese xeral. Véxome reflectida neses valores e non vou prescindir desas cualidades nas que me sinto ben. Se cadra encaixamos tan ben porque os dous tiñamos unha afinidade non soamente política, senón de maneira de mirar e facer as cousas. Eu non vou deixar de ser quen son para mostrar un liderado distinto, máis agresivo. Na asemblea onde fun escollida como candidata, cando se abriu o turno de intervencións, unha persoa dixo que me coñecía desde antes de entrar no BNG e que era unha persoa empática coa veciñanza e cos seus problemas. A súa recomendación foi simplemente seguir sendo eu mesma, e iso vou facer.
De vostede, a portavoz nacional destacou que é “valente, responsable, honesta e con capacidade para dialogar e chegar a acordos polo ben dos veciños e das veciñas; unha desas alcaldesas que xoga na Champions League, que non está quentando banquiño”. Recoñécese nesas palabras? Engadiría algunha outra aptitude que desde fóra non somos capaces de ver?
Como dicía antes, creo que a maioría das persoas ven esas cualidades en min. Si houbo algo de valentía que eu non sabía que tiña cando nos tocou pasar por esta situación tan dura, non soamente pola historia dramática de Pepe, senón tamén pola pandemia. Tivemos que tomar decisións, algunhas delas duras durante a pandemia, que nos converteron en referente diante doutros concellos. Fomos un goberno valente, non soamente persoal. Se algo podo engadir é que son unha persoa empática, que escoito sempre a todo o mundo. Gústame a relación directa e persoal coas veciñas e cos veciños.
Chama a atención que non se relacione tanto a súa experiencia e activismo no eido educativo coa capacidade de liderado a nivel político. Pensa que esa traxectoria previa á súa incursión na política municipal marca o seu talante, a súa maneira de facer política e o seu estilo de liderado, en contraposición a outros políticos e candidatos que veñen doutros sectores profesionais e da empresa privada, por exemplo?
Obviamente, chegas á Alcaldía cunha maleta que está chea de experiencias. Cando ti desde antes estás reclamando xa un ensino de calidade para os teus fillos e para a sociedade, sería absurdo ter unha liña diferente unha vez estás no Goberno municipal e es concelleira de Ensino. De feito, aí notouse moitísimo que era referente para moitas xeracións que pasaron polo instituto onde eu traballaba. Iso fíxome unha persoa bastante coñecida, mesmo máis coñecida do que eu pensaba. Desde que chegamos ao Goberno no ano 2015, comigo como concelleira de Ensino e Saúde, houbo un cambio significativo de dirección. Agora temos moitísimas actividades educativas e tamén de ocio que son referencia a nivel nacional, como a Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas. Facemos a Semana das Ciencias, estreamos proxectos para os mozos e as mozas máis necesitados como o proxecto Entre Nós,… É dicir, houbo un antes e un despois no ensino público.
Desde a Alcaldía de Ponteareas non agocha o seu activismo social e está defendendo dereitos fundamentais como a sanidade pública en Galicia. Nos últimos anos, a puidemos ver en case todas as manifestacións da plataforma en defensa da sanidade pública de Condado-Paradanta. O 12 de febreiro tampouco faltou na gran manifestación nacional en Santiago. Cal é a relación coa Xunta de Galicia nese sentido?
No caso da defensa dos dereitos sanitarios hai un enfrontamento total. Temos un centro de saúde que está baleiro de médicos e médicas. De 15 que debería haber e xa eran xustos para atender as necesidades dun concello de máis de 23.300 habitantes pasamos a oito médicos fixos e outro que vai de aquí para alá. Chegamos a estar sen pediatra pola tarde durante un tempo, e nunca se conseguiu un pediatra dentro de Urxencias. A demanda desde o Concello a base de escritos e chamadas é constante, pero desde a xerencia da Área Sanitaria de Vigo tan só se responde cos condicionante impostos desde Santiago e non se resolve absolutamente nada. Eu non podo menos que plantar cara e ir ás manifestacións as veces que faga falta. Xogámonos moitísimo, non soamente a saúde en xeral senón as nosas propias vidas. Está afectando individualmente ás persoas. Están aparecendo diagnósticos erróneos e diagnósticos tardíos. Se se ten que converter nunha guerra, será. Caeríame a cara de vergoña se tivera que estar ás costas dun partido que non defendera os dereitos da veciñanza. Non podería estar aí.
Para finalizar, cal será o seu enfoque de cara ás eleccións municipais? A que retos se enfronta Ponteareas e o próximo Goberno municipal no período 2023-2027?
Agora hai que desenvolver realmente os proxectos de humanización naquelas zonas que xa son peonís. Con respecto ás parroquias, o máis importante é desenvolver o saneamento. O proceso de ampliación da depuradora xa está en marcha.