
Ponteareas, 29 de outubro de 2019
Co obxectivo de facilitar a conciliación laboral e familiar a tenente de alcalde e concelleira de Ensino, Cristina Fernández, informa de que xa está aberto o prazo para preinscribirse no Campus Tea Nadal 2019, unha alternativa de lecer para rapaces de 3 a 12 anos.
As preinscricións estarán abertas do día 5 ao 22 de novembro e as familias interesadas poden xa consultar as bases na páxina web do concello de Ponteareas ou directamente na seguinte ligazón https://ponteareas.gal/servizos/ensino/campus-tea/

Tamén se poden achegar ao departamento de Ensino do concello de Ponteareas para obter as bases e os anexos para cumprimentar de luns a venres de 9 a 14 horas.
Do 23 de decembro ao 7 de xaneiro as familias disporán deste servizo de apoio que se desenvolverá no CEIP Nosa Señora dos Remedios de 9 a 14 horas.
Cristina Fernández salienta a importancia de acompañar ás familias nos seus ritmos e atendendo as súas necesidades diarias para que poidan desenvolver plenamente a súa vida familiar e laboral, facendo de Ponteareas un fogar no que as persoas sempre conten.
A preinscrición deberá ser presentada antes do día 22 de novembro no rexistro xeral da casa do concello en días laborais a partir das 9 e ata as 13 horas.
A efectos de información e posibles reclamacións publicarase a listaxe provisional de admitido/as nos taboleiros do Concello de Ponteareas e na web do Concello https://ponteareas.gal/servizos/ensino/campus-tea , o día 27 de novembro.