
En decembro do pasado ano publicabamos a historia de Cristina González. Ela é unha veciña da rúa Castelao de Salvaterra cuxa vivenda está afectada, seriamente afectada , pola apertura dunha nova rúa. O proxecto desta vía xa ven do lonxano 1997, pero despois de máis de dúas décadas na neveira todo parecía apuntar que era inminente o inicio das obras. Cristina manifestounos que nin ela nin ningún membro da súa familia nunca se opuxeron a que se fixera esta rúa pois considérana unha obra que si pode ser necesaria. Porén pedía encarecidamente unha pequena modificación do seu trazado pois tal como está formulado vaille levar unha parte moi importante da súa finca alén ocasionar que a rúa pase a carón mesmo da súa casa. E con esta pequena modificación boa parte da finca podería salvarse.
Cristina xudicializou o asunto e xa está fixada a data na que se debe celebrar o xuízo que será o vindeiro 7 de xullo. Sen embargo o concello decidiu tomar o camiño da política de feitos consumados e iniciar as obras antes da resolución do proceso xudicial.
A mediados do pasado mes de maio Cristina recibe un escrito no que lle informan do inicio das obras para o 18 de maio. Ela en principio tiña a idea de non deixar pasar a ninguén ao seu domicilio pero despois de recibir a visita dun axente da policía local e do avogado do Concello é informada de que se o inicio das obras se atrasa e o xuíz, que terá que decidir sobre a demanda que interpuxo Cristina, falla a favor do Concello será ela mesma a que terá que abonar os custes derivados da demora no inicio das obras.
Nese momento, que eu imaxino de especial tensión ,o avogado do Concello informa de que darán comezo ás obras o luns 23, pero en realidade non é así pois segundo nos manifesta Xose, o irmán de Cristina, foi ao día seguinte da visita, o 18 de maio cando entraron na súa propiedade.
O inicio da actividade ocasionoulle serios prexuízos a Cristina pois seica non se fixo coa dilixencia debida e esa mesma noite a súa casa apareceu asolagada de auga polos catro currunchos .O deterioro foi tal que incluso chegou a mollar as lámpadas das distintas habitacións da casa. Foron arredor dunha ducia de veciños os que de madrugada axudaron a Cristina a achicar a auga que o inicio das obras da rúa ocasionou que inundara o seu domicilio. A Garda civil e un notario acudiron á vivenda de Cristina para dar conta de todos os estragos que está a sofrer a casa de Cristina.
Os cartos para indemnizar a Cristina pola expropiación de boa parte da súa propiedade xa están depositados no xulgado pero ela naturalmente non os vai recoller ata que o xulgado dite sentenza que poderá validar a decisión do concello ou non. E que pasa se a xustiza dá a razón en todo ás peticións de Cristina?, quen lle devolve a súa propiedade?. Porque ningunha indemnización por elevada que sexa pode pagar o impacto emocional que supón ver violentada a túa vivenda , alí onde naciches, onde pasaches os azuis e luminosos días da infancia , e onde residen os teus recordos máis íntimos e persoais. Sen dúbida a aplicación da política de feitos consumados nun asunto tan sensible como este foi unha decisión totalmente desafortunada do concello de Salvaterra.
“Comunismo ou liberdade” dicía a futura líder dos populares españois. Mágoa que iso da liberdade só se aplique cando é en beneficio propio.