IV Gala de entrega de premios A Nova Peneira

Gala premios A Nova Peneira

En xaneiro do 2015 celebramos a primeira edición das nosas galas. O evento tiña unha motivación dupla, pois por unha banda pretendiamos premiar a persoas e colectivos cuxa produción intelectual, actividade política ou elevados valores morais fosen, ao noso xuízo, de especial relevancia na sociedade galega e por outra parte quixemos agradecer a compañía dos centos de anunciantes , subscritores e subscritoras sen cuxa axuda un medio como o noso non tería a máis mínima oportunidade de existir. O éxito daquela primeira edición, máis de 100 amigas e amigos honráronnos coa súa presenza no Porriño, animounos a regularizar as nosas galas e así pois decidimos que tiveran unha periodicidade bienal, sempre no mesmo sitio, o restaurante Manolo desa vila da Louriña. En xaneiro do 2017 fixemos a segunda edición e o mesmo mes do 2019 gozamos coa terceira cunha asistencia superior ás 150 persoas en cada unha delas. E para xaneiro do 2021 tiñamos programada a IV. Porén as circunstancias pandémicas que atravesou a humanidade fixeron imposible a súa celebración e obrigáronnos a adiala en varias ocasións.

Por fin, se non hai unha nova hecatombe mundial que o impida, chegou o momento de xuntarnos de novo, brindarmos pola vida e agradecer a compañía de tantos e tantas que coa súa xenerosidade fan posible que A Nova Peneira xa leve 11 anos camiñando, “ sen tutelas nin tu tías” polas rúas, camiños e corredoiras do sur do país galego. O vindeiro sábado 17de setembro ás 14,00 h celebraremos no sitio habitual a nosa IV gala de entrega de premios. Alí recoñeceremos aos nosos 5 mellores anunciantes deste período , a un dos nosos colaboradores ou colaboradoras, premiaremos a unha das administracións que máis nos apoia, agradeceremos a compañía a un dos nosos mellores amigos ou amigas nun premio novo que chamamos “ amigo/a de A Nova Peneira” e remataremos como sempre entregando os dous premios de maior carga emotiva que, como seguro que sabedes, son :-”Bo/a e xeneroso/a” e-”Toda unha vida no compromiso social”. Non será doado acertar coas persoas premiadas nesta IV edición para igualar ás persoas ou colectivos que xa foron galardoados: Elvira Souto, Camilo Nogueira, o colectivo de pensionistas da CIG, Carlos Méixome…. son algúns dos que xa recibiron o noso humilde recoñecemento en pasadas edicións das nosas galas e cada vez ponse máis complexo non baixar o nivel das persoas ás que premiamos.

Confío en que saberemos estar á altura e que, unha vez máis, todas as persoas que suban a recoller o seu galardón recollan o cariño e recoñecemento unánime das amigas e amigos que nos acompañen. Como non podía ser doutra maneira haberá actuación musical e algunhas sorpresas que non podo comentar aínda. E sobre todo, quen teña a bondade de prestarnos a súa compañía recibirá o afecto máis profundo, de significante e de significado, de todas as persoas que aquí traballamos e en particular de quen isto escribe.

Sábado 17 de setembro ás 14,00 h no restaurante Manolo de O Porriño IV Gala de entrega de premios A Nova Peneira.