A enquisa sobre o uso do galego cifra as consecuencias da aplicación do Decreto contra o galego no ensino, cun 30,04% das nenas e nenos entre 5 e 15 anos que non saber escribir galego e un 23,9 %, que non saben falalo
Só 30,33% das galegas e dos galegos consegue manter o uso da súa lingua, malia os obstáculos
Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2019
Os
resultados da enquisa sobre Uso
habitual e inicial do galego
feitos públicos esta mañá polo IGE constatan a falta de liberdade
para vivir en galego coa normalidade que sería propia dunha lingua
oficial que vén sinalando A Mesa reiteradamente. Consolídase a
perda continuada de falantes, especialmente no ámbito urbano, e mais
a diglosia nas relacións sociais, cunha importante baixada do número
de persoas que empregan só o galego en servizos docentes (23,48%),
sanitarios (27,88%), administrativos (29,30), bancarios (28,72%) ou
comerciais (30,27%). “Unha situación favorecida”, denuncia
o presidente da Mesa pola Normalización, Marcos Maceira, “pola
vulneración de dereitos lingüísticos e pola exclusión do idioma
de Galiza de grande parte dos ámbitos de uso e pola imposibilidade
de devolución, oral ou escrita”.
O
24% das e dos menores de 15 anos non saben galego
“Esta
nova enquisa do IGE proporciona un novo dato aterrador sobre as
consecuencias do mal chamado decreto de plurilingüismo”,
recorda Maceira. No tramo de idade no que se aplica o decreto, entre
5 e 15 anos, o 30,04% recoñecen non saber escribir galego, o 18,32%
non saber lelo e o 23,9 % non saber falalo, o que supón un
incremento do 8,42%, do 4,06%, e do 7,6% (respectivamente) sobre os
datos recollidos no 2008, ano da última enquisa anterior á entrada
en vigor do decreto contra o galego.
“Á vista do datos”,
afirma Maceira, “a efectividade do decreto contra o galego é
indiscutíbel, tal e como indicaban as asociacións de nais e pais,
organización sindicais, movementos de renovación pedagóxica, a
propia Mesa pola Normalización Lingüística ou o Comité de
expertos do Consello de Europa para a Carta das Linguas: a
incapacidade para o uso do galego é a máis alta da historia de
Galiza”. Dende A Mesa, advírtese de que a única maneira de
reverter esta situación é garantindo o galego como lingua vehicular
do ensino, posibilidade anulada polo Partido Popular con
consecuencias terríbeis para o alumnado galego.
Estranxeirización
do galego
A
vontade dunha importante parte da poboación galega por manter o uso
da súa lingua atopa impedimentos de todo tipo, visíbeis ao
contrastarmos datos de uso cos de presenza en espazos como a
programación infantil en galego, que só acada o 4%, o 0,6 % nos
xogos e xoguetes, o 5% na xustiza, o 1% nos seguros ou o 8% na
educación infantil nas cidades, aos que se suma o crecente desprezo
pola lingua propia na administración pública estatal e autonómica
que concentran o 46% das queixas por vulneración dos dereitos
lingüísticos. “A presenza e tratamento do galego en Galiza,
incluído o ensino, é o dunha lingua estranxeira”, denuncia o
presidente da Mesa, “só as persoas galegofalantes se ven
forzadas a mudaren de lingua”. “É este o equilibrio do que
se gaban o PP e o presidente da Xunta? É esta a liberdade para o
galego?”, pregunta.
Unha realidade que limita o uso do
galego amparada por unha lexislación estatal negadora da pluralidade
lingüística en máis de 500 disposicións legais, mais tamén dun
goberno da Xunta de Galiza que cando non actúa contra do galego a
través da lexislación ou fomentando prexuízos e falsidades,
simplesmente se abstén de exercer as súas competencias a favor do
galego. “A satisfacción da Xunta ante estes resultados só se
explica se o obxectivo da súa política lingüística é a
aniquilación do galego”, afirma Maceira.
Compromiso
para o futuro do galego
Porén,
A Mesa quere destacar tamén a conciencia da necesidade da existencia
do galego para manter a dignidade colectiva do pobo galego e o
papel das persoas que se manteñen incodicionalmente no uso do noso
idioma malia as dificuldades. Existe unha enorme vontade social de
manter a lingua, que non se ve correspondida pola presenza real nin
conta co amparo do goberno galego. A este respecto, son
significativos os datos de uso por ámbitos, onde se observa unha
parte da poboación que se mantén no uso do galego, resistindo
activamente a imposición do castelán, concretamente en ámbitos
como o comercio, saúde, banca, ensino e administración. “O
único amparo ás e aos galegofalantes”, asegura Marcos Maceira,
“provén da propia sociedade, de centos de entidades sociais,
entre elas da Mesa pola Normalización Lingüística, que ofrece o
único servizo de atención a queixas, consultas e parabéns
relacionadas co uso do galego, A Liña do Galego.” “O
mantemento e crecemento desta conciencia e da mobilización social
ampla a favor do galego é a garantía de futuro para a lingua”,
remata.
A
Mesa pola Normalización Lingüística
é unha plataforma independente, plural e apartidaria que ten como
único obxectivo a promoción do uso do galego en todos os ámbitos
da vida social propios de calquera idioma. O seu papel é o de
emprender iniciativas que sensibilicen a poboación e que abran novas
vías de uso do noso idioma en distintos ámbitos, así como
denunciar todo tipo de agresións e discriminacións que poida sufrir
a lingua galega e asegurar que se respecte o seu uso individual e
colectivo. Calquera persoa sensíbel coa causa do idioma galego pode
facer parte da Mesa, que coas súas 4000 socias e socios é a maior
asociación cultural de Galiza. Todas aquelas persoas que coñezan ou
sofran casos de discriminación polo uso do galego poden tramitar a
súa denuncia a través da Liña
do galego.