Aurelio Krook (Lito) presidente da Sar de Redondela

Lito SAR

Lito é o presidente da Sar e un vello amigo desta casa. Nós conversamos con el para coñecer como lle están indo as cousas a unha das institucións máis importantes do noso Concello. O presidente amosou o seu malestar co actual goberno municipal pois ao seu xuízo non os trata de maneira xusta. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

O actual goberno de Redondela non apoia ao deporte como debera”

Cantos anos levas de Presidente no equipo Lito?

Eu de presidente levo arredor de 10 anos, pero exactamente non me dou de conta

O adestrador que tiñades ata o de agora acaba de deixar o equipo para irse para o Chapela?

Si, a nós complicóusenos un pouco a cousa e temos que buscar adestrador. Cando nolo comentou dixémoslle que adiante, que se lle presentaba un proxecto moi bo.

Como están as relacións co Chapela?

A relación entre directivas é moi boa. Temos boa relación con toda a xente do balonmán. Iso non quita que un derbi contra eles sega a ser un encontro cargado de tensión e emocionante en grado superlativo.

Como foi a tempada este ano?

Foi unha tempada boa co equipo feminino de División de Honra Prata. Cumprimos, igualamos o resultado da tempada pasada e quedamos de segundos na liga. Temos un equipo moi xusto en canto ao número de xogadoras, pero as veteranas e as xuvenís achegaron o seu granito. Para min este equipo é o que representa a Redondela no balonmán. Ten desprazamentos a Valladolid, Santander, Tenerife, Lanzarote, León. Un equipo que leva o nome de Redondela a todo o territorio español.

Este ano deuvos máis satisfaccións o equipo feminino que o masculino?

E levan anos facéndoo. A categoría masculina acaba de ascender o ano pasado. Este ano tivemos moitas lesións, pero conseguimos quedar a un punto de igualar a tempada pasada na que quedamos de décimos e este ano de duodécimos. Todo con xente de casa, menos algunha colaboración que temos co Cisne, son todos os xogadores da canteira. Os dous equipos Seniors mantivéronse na categoría e non é nada fácil.

Tedes algún tipo de colaboración económica por parte do Concello?

Si, temos colaboración do Concello pero non temos asignación fixa directa como pasa noutros concellos. Dos equipos de Redondela somos dos que máis cartos recibimos pero, fano en dúas pagas, unha do 80%, normalmente a final de ano, e a outra do 20% restante uns meses despois. Este ano déronnola en marzo e así é imposible organizarse para sufragar as viaxes da tempada. Somos un equipo que nos custa moito cubrir os nosos gastos fixos, e os nosos ingresos directos non nos dan nin para pagarlle aos xogadores e as xogadoras das diferentes categorías como pasa noutros equipos. As demais administracións si que nos pagan en data e sen problema. Creo que é triste que, neste caso, o Concello non apoie ao deporte como debera e non nos dea unha concesión directa ao principio do ano para poder organizarnos.

Isto pasoulle ao Sar só ou aos demais clubs tamén?

Este problema tivérono todos os clubs do Concello, pero considero que a nós aféctanos máis. Só en viaxes, para o equipo feminino da división de prata necesitamos 18.000 € para os autobuses. A achega que nos dá o Concello anda sobre os 20/21000€. Contía que rebaixaron fai catro anos, antes dábannos 28.000 €. A maneira de fraccionar estes pagos non é a correcta para nós poder facernos cargo de todas estas viaxes. O equipo de prata, sen darlles soldo a ningunha xogadora, suponnos un gasto por tempada duns 42.000 €. Temos que casar todo o orzamento coas subvencións, tanto a que nos dá a Xunta por deporte de elite, o Concello e co dos patrocinadores privados. Se o orzamento do Concello non nolo pagan en data ponnos nunha situación moi complicada, economicamente falando.

A afección polo balonmán en Redondela é moi importante,verdade?

Abofé que é así. Levamos dous anos sendo o equipo con máis licenzas de toda Galicia, o que é recoñecido pola Federación Galega do balonmán. Contamos agora mesmo con 16 equipos e 251 licenzas entre xogadoras, xogadores e adestradores. O Concello ten que poñer en valor toda esta canteira e este traballo. O equipo Infantil feminino acábase de clasificar para o campionato de España que se xogou aquí en Redondela a principios de xuño, contando con equipos do País Vasco, Valladolid, Lanzarote e Asturias. Estamos a darlle unha representación a Redondela, estes equipos veñen todos a facer gasto na vila e, gustaríanos, que o Concello nolo puxese en valor. Tanto o traballo dos xogadores e as xogadoras como dos adestradores, da directiva e de xente colaboradora que non forma parte do equipo, pero que nos bota unha man.

Ese traballo que mencionas é puro e duro compromiso?

Si. Todo este traballo facémolo altruísta e gratuitamente e, a día de hoxe non temos ningún recoñecemento do éxito de todas estas categorías. Triste dicir que non contamos con orzamento para manter aos equipos neste nivel de competición nacional. Levamos máis de 3 semanas pedindo unha reunión no Concello para abordar este tema. O tema do orzamento da dotación que nos asignan, tentamos asinar un contrato de colaboración directa dos orzamentos, a día de hoxe non temos resposta por parte do Concello e isto fainos pensar se merece a pena seguir co traballo e o esforzo. Polo único que si temos claro é que merece a pena é polos xogadores e xogadoras.

Este verán, no mes de agosto, éntranos un gasto duns 18.000€ Temos que pagar todas as licenzas e o seguro deportivo dos xogadores e as xogadoras. Co anterior alcalde conseguiamos que por estas datas nos achegasen uns 10.000€. Agora estannos prestando ata o patrocinadores diñeiro para poder facernos cargo destes gastos.

Que expectativas tedes para a tempada que vén?

Seguimos coa colaboración que temos co Cisne, en categoría masculina trataremos de manter o mesmo persoal. O primeiro, seguir pelexando por salvar a categoría e, se temos sorte e non temos tantas lesións, tratar de pelexar por estar entre os 5 primeiros.

Na categoría feminina, na división de prata, temos dúas posibles baixas importantes. Unha por lesión e outra porque está a preparar oposicións. Estamos a traballar en traer a dúas xogadoras que nos fan falta e pretendemos manternos nesta categoría.

Se se dá a posibilidade de pelexar por algún ascenso, teremos que facelo con cabeza e sen moitas aventuras. O noso obxectivo claro ten que ser consolidarnos nestas dúas categorías.