O pasado 13 de outubro esta redacción recibía a primeira nota de prensa do novo goberno das Neves. Si, non é broma, a primeira nos aproximadamente cinco meses que levan no goberno. Non sei se é que non lles gusta moito traballar, se prefiren dar a coñecer o seu traballo a través de publicacións no facebook, ou se, como é habitual nos gobernos do PP, simplemente vetan aos medios de comunicación que eles identifican como non amigos condenándonos a ser ignorados e a realizar un esforzo extra para que os nosos lectores e lectoras deste fermoso concello poidan coñecer nas nosas páxinas a actualidade municipal.
En calquera caso alegrámonos de que por fin nos teñan en conta, agardamos que se converta na práctica habitual, e desde logo non imos dar as grazas por algo que non é ningún tipo de mérito, senón que debera ser unha obriga de calquera administración decente: trasladar a información por igual a todos os medios de comunicación con independencia da súa liña editorial.
Reproducimos o titular e o primeiro parágrafo da nota de prensa referida:
O CONCELLO DAS NEVES ACADA O COMPROMISO DA XUNTA PARA CONSTRUÍR O ENLACE DA ESTRADA PO-400 EN SETADOS E UNHA SENDA PEONIL ATA O CENTRO DA CAPITAL MUNICIPAL
-O alcalde, José Manuel Alfonso, xestionou esta mellora viaria coa conselleira Ethel Vázquez en xullo e xa recibíu o proxecto definitivo desta actuación e unha comunicación de que a expropiación será asumida polo Goberno galego
Na devandita nota anúnciase que o goberno autonómico vai solucionar o problema de seguridade viaria que padece Setados. Alegrámonos moito a verdade é que é unha moi boa nova para a veciñanza da parroquia, pois o asunto é moi serio. A saída de Setados á estrada que vai para Arbo ten unha visibilidade escasísima, ás veces non queda outra que saír por intuición pois non é posible ver os coches que veñen.
Pero o que é lamentable e indicio dunha baixeza moral estratosférica é que ese mesmo problema fora formulado á Xunta polo anterior alcalde Xose Manuel Rodríguez en innumerables ocasións reclamando unha solución, e a resposta da Xunta, a reposta desa mesma conselleira que se menciona na nota de prensa fose sempre a mesma:
Non.
Se cadra ao PP só lle importa a seguridade das persoas cando gobernan eles?, e que ao PP utiliza a seguridade das persoas e os cartos públicos para tirar rédito político?
Que vergonza, que indecencia e que inmoralidade.