Falamos coa voceira do BNG de Marín, Lucía Santos, para coñecer a valoración dos nacionalistas sobre os primeiros meses deste novo mandato da alcaldesa popular María Ramallo. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa
“ Este goberno carece de modelo de vila para Marín. O único que fai, e para iso mal, e xestionar o día a día e tratar de resolver os problemas segundo van aparecendo.”
Como valoras os primeiros cen días deste novo mandato de María Ramallo?
No que se refire ao noso grupo municipal só podo dicir que a intensidade do traballo está sendo moi elevada. Asemade creo que podo dicir que tratamos de levar propostas que sexan en verdade útiles para a veciñanza de Marín. E con toda a humildade creo que o estamos a conseguir pois se algo caracteriza e este grupo humano que teño a honra de liderar é que somos un equipo pragmático.
Dime algún exemplo concreto de propostas “beneficiosas e útiles” que teñades levado ao concello?
Destacaría dúas das nosas mocións:
1) Solicitamos algo tan necesario para Marín como a construción de vivenda social que leva máis de 20 anos sen nova construción, e hai unha demanda moi importante.
2) Solicitamos que Marín sexa dotado dun punto limpo, cuxos beneficios serían máis que evidentes.
Cal foi a reacción do goberno a esas dúas propostas?
Deixalas no caixón.
Ben, xa valoraches o voso traballo. E agora tócache valorar ao goberno?
Por desgraza seguimos na liña habitual .Este é un goberno que carece de modelo de vila, que non ten un plan para desenvolver as inmensas potencialidades que posúe Marín. Este goberno o único que fai é xestionar o día a día, e tratar de resolver os problemas segundo van aparecendo, e para iso xeralmente adoita facelo mal.
Dime un exemplo concreto dese suposto mal goberno que mencionas?
A dotación dun Centro Cultural para Marín:Vemos que xorden novos problemas a maiores que implican o aumento do custe desa construción, problemas que resultan da improvisación e da mala xestión dun goberno que presume precisamente diso, de boa xestión , pero que a teimuda realidade dos feitos amosa o lonxe que está de xestionar ben.
Que pasou co cartel da festa de “San Migheleiro”?
Esta é unha festa que ven organizando a hostalaría de Marín desde hai máis de 20 anos. O que criticamos é que o Concello estea a colaborar nunha festa que se foi convertendo nun “macrobotellón”. E dígoo con todo o respecto eo cariño para a hostalaría do noso pobo. No que atinxe ao cartel consideramos que a utilización da boneca “ Barbie” para fomentar o consumo de alcol non é o máis adecuado.
Quero preguntarche por unha cuestión en concreto da que percibo certo malestar nas rúas de Marín: A xestión da recollida do lixo. Cal é a opinión do BNG?
É unha xestión moi deficiente. De feito nos últimos anos estamos trasladando continuas queixas ao goberno municipal por un servizo que obxectivamente é moi malo. Hai acumulación de lixo nas illas de contedores e unha falta de limpeza evidente. Esta cuestión é particularmente grave nas parroquias de Marín. De aí a pertinencia absoluta da proposta que antes che comentaba do punto limpo. Tamén necesitamos un punto verde no que poder deixar os restos da limpeza de fincas .
Como está o funcionamento do centro de saúde?
Segue ser a ser moi grave o mal que está. Nesta verán a lista de espera para o médico de cabeceira chegou a ser de dúas semanas.
Se cadra un dos máis graves problemas que padece Marín é o demográfico. A perda de habitantes que sofre a vosa localidade é en realidade alarmante. Está facendo algo o goberno de María Ramallo para reverter esta tendencia?
Non, por desgraza seguimos na liña de sempre de mirar para outro lado.
E vós facedes algo para impulsar que o goberno tome algún tipo de medida nun tema tan importante como este?
Por suposto que si, desde o minuto 1. Por exemplo trasladamos unha iniciativa para concienciar ás persoas que residan en Marín e que non estean censadas se animen a censarse aquí.
En que consistiría esa iniciativa?
Unha carta informativa dirixida a todas as vivendas , unha serie de carteis publicitarios situados en puntos estratéxicos e unha campaña polas redes sociais.
Como reaccionou o equipo de goberno?
Aprobouna pero cun matiz: sen incluír o da carta informativa.
Vaia que curioso,pois se cadra é o máis importante. E por que?
Din que non o ven viable. Pero sen dar ningún tipo de explicación, din que non e punto. Apostan unicamente por unha campaña nas redes sociais o que ao noso xuízo é claramente insuficiente.
Rematamos: como está a saúde do BNG de Marín e o teu ánimo persoal?
As dúas respostas son idénticas: Excelente. Estamos convencidos e convencidas de que este é o mandato que vai situar ao nacionalismo galego ás portas de facer historia e gobernar Marín a partir do 2027. Si quixera rematar dicindo que o adxectivo excelente quédase curto para describir a calidade humana e política das persoas que me acompañan, Tino. Estou inmensamente agradecida pola súa compañía e teño a certeza de que se o pobo de Marín nos honra coa súa confianza esa mesma valoración farase extensiva á inmensa maioría das nosas veciñas e veciños.