As “Sequoiñas” de Priegue-Nigrán

Secuoias Nigrán
José Manuel Rodríguez Crespo

O pasado 11 pro 12 de Outubro inaugurouse na parroquia de Priegue do Concello de Nigrán polo Alcalde do mesmo, Juan González, un parque con Sequoias. A Sequoia é unha árbore endémica de California (EEUU) e que na actualidade ven sendo a máis alta e máis lonxeva árbore do planeta. Vostedes preguntaranse que teñen de especial e porqué se buscou pra inaugura-lo parque, a data en que pra os desta parte do mundo, un galego hai 523 anos descubriu un novo mundo (Salvo proba de mellor dereito, como din os xuristas…)

Estas “Sequoiñas”, imos chama-las así, e agora verán porqué, teñen moito de especial por moitas razóns que imos ir debullando.

Primeiramente dende o punto de vista Biolóxico, porque son as Primeiras nadas en territorio galego de xeito natural, sen a intervención da man do home, como practicamente faise hoxe en día na súa rexión orixinaria, dado que se teñen que dar á vez unha serie de factores complicado de darse como son que as sementes so poden agromar con moita temperatura ambiente, pero nun chan rico en minerais e con un grao elevado de humidade e libre de vexetación competidora, e ademais estas condicións teñen que darse 8 ou 9 meses despois da polinización. E isto deuse nun cachiño de monte de Baiona no Val Miñor, de xeito totalmente casual como veredes máis adiante.

E dende o punto de vista Histórico, porque son fillas –nin máis nin menos- que das 500 Sequoias doadas polo Congreso dos EE.UU. de América –e rubricado ca sinatura do Presidente do País- co gallo do 500 Aniversario do descubrimento de América, o famoso “V Centenario” (unha sequoia por cada ano), e coma árbore endémica de EEUU pareceulles unha magnífica idea pra amosa-la súa Irmandade Transatlántica. Dita doazón fíxose baixo a cobertura legal da PUBLIC LAW 102-472-OCT. 23, 1992 do Congreso USA. E o autor da idea foi o hoxe octogenario (o ano que ven cumpre 90) Catedrático de Literatura Americana da Universidade de Arizona e Historiador John Harmon MacElroy, o cal “moveu fíos” pra que a súa magnífica idea puidese ter éxito. Hai que dicir que alí é máis doado pra un cidadán acceder ás altas instancias que aquí, se a túa proposta redunda no beneficio do país. Chegados a este punto, temos que salientar que nos EEUU, o dia de Cristovo Colón é un dos doce festivos Nacionais Federais, xa que é considerado o primeiro inmigrante Europeo en América.

Aquela idea, que o Profesor MacElroy soubo transmitir, pareceu brillante e nun espazo de tempo que pros lares hispánicos parecería de “lóstrego”, chegou ata o Despacho Oval, onde o Presidente dos EEUU George Bush (Pai) asinaba a Orde Presidencial. A Partires daquí o Profesor organizou a “The Columbus Kids Expedition”, un grupo de 24 rapaces e rapazas Norteamericanos estudantes de entre 15 e 18 anos, que viñeron pra planta-las devanditas Sequoias. E aquí comeza a “typical spanish” historia destas árbores que por veces tivo tintes surrealistas.

Unha vez chegados a España, mentres a “Columbus Kids Expedition” é recibida polo naquel intre Rei de España Juan Carlos I no seu pazo da Zarzuela, as Sequoias son “recibidas” na Alfándega…Alí na aduana, se as pobres árbores tivesen conciencia e falasen, poderiamos dicir que coñeceron ós funcionarios españois de aduanas…Bienvenidas a España! A ver, papeles!…oiga que vienen donadas de USA con la firma del Presidente… ¿cómo?…No, eses no, otros… En fin, interveu o Profesor -naquelas alturas 25 anos máis novo- e ó final as “pequenas sequoias” puideron por rumbo a Galicia. A Poio. Ó lugar elixido polo Profesor MacElroy porque cando estivo nos anos 60 de “Lector” na Universidade de Salamanca tra-los pasos de Washintong Irving, que publicara un libro en 1828 sobre Cristovo Colón, atopouse a teoría do Colón Galego de Celso García de la Riega, e viaxa a Pontevedra, empápase dela, e tamén chega a conclusión de que pode ser de San Salvador de Poio, pero tamén se decata de que o clima das rías baixas e moi semellante ó dos condados de California onde son orixinarias as sequoias, e así llo comenta ó Presidente George Bush na elección de Poio xa que o noso clima é o tal pra esta árbore… ¡Manda carallo!, como diríamos vulgarmente.

Unha vez en Poio, e ca axuda inestimable do Garda Forestal Manuel Vieites e os membros da Xunta de Montes en Man Común de San Xoán de Poio, comezan a seren plantadas, pero cando estaban en plena faina estudantes e veciños (os primeiros estaban aloxados repartidos polas casas dos segundos), “alguén” decátase que a Carabela Pinta ¡non chegou á ría de Pontevedra!, nin a Combarro, nin a Marín nin ó Porto de Moureira, senón que dúas rías máis ó Sur, ó porto de Baiona. Entón collen as 50 últimas que quedaban por plantar e tráenas pra Baiona a toda presa, onde estaba de Alcalde Manuel Vilar, o cal o ser preguntado onde as plantaban, após de barallar varias ubicacións, acorda no terreo onde poucos meses despois construiríase o instituto de Bacharelato, chamado precisamente “1º de Marzo”, data da Arribada da carabela Pinta ó porto de Baiona.

Alí son plantadas a finais do 92, mais pouco despois cas obras de construción do edificio do Instituto, as pequenas sequoias resulta que “estorban” (ou parte delas)…Mi Madriña! Que facemos agora? Pra onde as levamos? Pois nada! Cámbianse ó monte de Chan da Lagoa –ou por alí cerca-, total…todo é monte. Total, que son transplantadas, e total, que se esquecen delas!. As que quedaron no Instituto de Bacharelato foron coidadas polo profesorado e alumnos, pero sobre todo polo Profesor de debuxo técnico “Chema”, que se encargou de rega-las e protexe-las.

Pero esta Historia no tocante a nos, que lles vou contar, arranca no vran de 2017 cando o que isto escrebe, recibe unha chamada telefónica de Pedro Martín Gilarranz, daquela Secretario e actual Presidente da asociación “Galicia Histórica” (que defende a tese do Colón Galego identificándoo con “Pedro Madruga”), comentándome que en Poio encabezados polo que hoxe é o actual Alcalde Ángel Moldes, estaban preparando a viaxe de volta a Galicia do historiador John Harmon MacElroy, lembremos, o “pai” intelectual de que hoxe teñamos no monte Castrove o maior bosque de sequoias de Galicia; Pero non só no monte Castrove como vemos…

Esta viaxe era polo 25º cabodano da plantación das 500 Sequoias doadas polo Congreso dos EE.UU.

E pasan así os 25 anos ata que este que escribe e o seu fillo maior (na aquela altura con dez anos) collen as bicicletas de montaña despois de recibiren a chamada de Pedro (e as súas indicacións), decididos a atopa-las “pequenas sequoias”. Realizamos a busca en varias etapas. A primeira no IES Primeiro de marzo. Efectivamente, alí as están, maxestosas e con boa saúde –aparentemente- e proceden “os expedicionarios” a conta-las: Resultado 21, máis tres “brotes” que saíron de senllas sequoias nai, pero que debido ó “cego cumprimento do deber” dos operarios de mantemento, virtuosos da “desbrosadora”, non sobreviviron a ese ano.

Postos á fala con Pedro Martín, dinos que cría lembrar que escoitou dicir que as trasladaron ou que parte delas xa as plantaron directamente nun monte preto daí cun lugar de merenda ou algo así…Tira pois pra “Chan da Lagoa”, un monte relativamente preto, pero que como o seu nome indica é o lugar dunha antiga lagoa que se formaba ca auga da chuvia e que pra “civiliza-lo lugar” foi aterrado pra colocar mesas de pedra e grellas e “aproveitar” o lugar pra desfrute de xente; alí chegamos non sen esforzo (pois a costiña de subida “tira” un pouco) e efectivamente, alí atopamos catro delas e restos doutra. Ledicia por unha banda mais tristura pola outra pola perda dunha delas. Empezamos a cavilar onde poderían estar as outras ca esperanza que estivesen vivas e non lle pasara o mesmo que a que atopamos o pequeno cañoto. Volvemos pra casa, e o domingo seguinte pola tarde fun dar un paseo ca miña muller –no coche- ata Chan da Lagoa. Afastámonos do lugar abrindo a busca…Pois se están vivas, teñen que ser do alto das outras!… eu ollando pros pinos, e nisto báteme miña muller nas costas e dime: ¿non serán esas que saen por riba das copas dos piñeiros? Doume media volta, e ¡alí as estaban! –e seguen estando- ¡maxestosas cos seus máis de doce ou quince metros e por riba da pirucha dos piñeiros!. Unha visión realmente reconfortante.

Días despois volvín co meu fillo e contamos trece, a maioría cun perímetro de dous metros ou máis. Pero…ollo, trece adultas! Porque cando vemos, había outra que era pouco máis alta ca min e que non podía ter baixo ningún concepto 25 anos, e máis adiante outra tamén noviña. Imaxinádevos a sorpresa. A ver quen nos ía crer!. Botamos man de “San Google” e empezamos a buscar información; saen moitas imaxes e efectivamente, saen imaxes con información ben clariña e polo que di na Internet deben ter 6 ou 7 anos!. Seguimos inspeccionando, e vexo unhas plantas pequenas dun par de palmos de alto que as folliñas parécense moito ás das grandes… Mi Madriña! Pero se son crías! Terán un par de anos como moito! Agora sí. Descubrimento bomba. Empezamos a buscar e contamos ata quince nacidas dun ano ou dous. Nadas de xeito espontáneo neste microclima do Val Miñor.

Comunicámosllo á Directiva da asociación e noutro dia tamén fun busca-lo Presidente da Xunta de Montes en Man Común de Baíña, Juan Domínguez, pra amosarllas xa que estaban plantadas no seu monte. Foi ve-las, e xa alguén había arrincado unha que levou (estaba o buraco) e deixou outra tirada alí das “Xuvenís”. Decidimos non facer público o achado ata que estivese mellor garantida a cousa.

Pasan os meses axiña, e en Abril de 2018 por fin ven o Profesor John Harmon MacElroy ca súa dona, as súas fillas e algún neto, e algúns daqueles rapaces e rapazas dos “Columbus Kids” xa corentóns. Chegan a Santiago de Compostela, onde son recibidos como corresponde, tanto polo Presidente da Xunta de Galicia coma polo Presidente do Parlamento Autonómico e despois pola Corporación do Concello de Poio. Dias máis tarde visitan oficialmente Baiona, pero o daquela Alcalde, disque ten que marchar a Santa Fe en Granada ós actos cos Pobos Irmandados e delega na Concelleira de Cultura, esta a súa vez decide marchar tamén a Granada e delega na Concelleira de Educación aducindo que “xa que fala inglés”…

Os distinguidos visitantes na súa vista a Baiona son levados –como non podía ser doutro xeito- ó Instituto 1º de Marzo, onde se descobre unha placa conmemorativa. Alí danse varias anécdotas, entre elas unha dos “rapaces” (+ – 25 anos de erro), que se dirixe a unha das sequoias e sinálanos a que el plantara todo orgulloso.

Despois do xantar, levouse por sorpresa o Profesor e demais visitantes ó lugar de Chan da Lagoa a onde estaban as nosas “Sequoiñas” porque estás sí que xa son galegas. Son as nadas aquí, fillas das “pequenas sequoias” que viñeran de América. MacElroy queda abraiado, uns intres en silencio ollando pras pequeniñas, e nisto meu fillo dálle a asinar o esbozo de plano que fixemos con elas e que o rapaz foi marcando, o cal aquí amosamos na foto. Tempo despois decatámonos que o Profesor escribe o nome das árbores en galego, con “Q” e “i latino”, Sequoias. Curioso. E a vez un respecto pola nosa lingua. Todo un detalle que o honra.

Pasan os dias, volvemos e pegadas ás silvas –pero soas- descubrimos máis “sequoiñas”. Ledos, falamos co Presidente da Xunta de Montes de Baíña, a cal decide entón limpar a tomada a seguir das Sequoias nais, pra transplanta-las pequeniñas, e ampliar o bosque. Mais a ledicia dura pouco…Pasan unhas semanas e descubrimos que xa faltaban catro ou cinco. A ese ritmo levaranas todas. Acordo co Presidente retira-las que quedan e leva-las a lugar seguro ata que sexan grandeiras; pra elo falo co dono de “Viveiros Sabarís” Pedro López, un grande entendido en especies vexetais e moito mellor persoa, o cal súmase encantado ó proxecto despois de contarlle toda a historia. Ca axuda dos meus fillos levámolas pra un dos seus invernadoiros onde alí as vai colocando en caldeiros con preparados pra que boten raizame; e cando empezaban a crecer fermosas atácalles ¡un fungo! A fitóctora…que mata a catro das doce rescatadas. Quedan oito. Pedro aconséllame que as leve pra miña casa, onde alí non estarán tan en risco por non haber tantas especies de plantas e árbores e recéitame o único que as pode remediar, un preparado o “Aliete”, o cal funlle administrando cada mes ou cada quince días segundo a temperatura. Así pasan case que cinco anos con coidados agarimosos, ata que case son coma as miñas filliñas. Neste tempo, “certo” membro da familia preguntándome con retranca qué froito daban esas árbores…

Cando as “sequoiñas” xa están ben lustrosas, é entón cando falo co Alcalde de Nigrán, Juan González, expóndolle o caso. O Alcalde fai de inmediato o proxecto de facer un parque cas sequoias fillas “da conmemoración do Descubrimento”; ata se encarga el persoalmente de busca-la localización, e unir así o seu Concello ó fito histórico da Arribada da Pinta, xa que hai indicios reais de que o Piloto da carabela Pinta fose de Nigrán, e máis tendo en conta que hai 500 anos o propio Piloto declarase que era “do Miñor de Galicia”, uníndose así Nigrán a conmemoración do Descubrimento de América e á Arribada da Carabela Pinta ó Miñorano porto de Baiona.

Agora só desexar que crezan sans e robustas pra que no futuro as xeracións vindeiras veñan a Priegue e poidan desfrutar do seu maxestático porte. Ese será sen dúbida o “froito” que darán as nosas “sequoiñas”.