Mariano Abalo concelleiro de facenda de Cangas

Mariano Abalo

Unha vez máis , e xa perdín a conta de cantas van nos últimos anos, foi un pracer compartir un café co meu vello amigo Mariano. Neste caso tratei de que nos aclarase o galimatías no que se encontra a esquerda política de Cangas. Xulgade vós, amigas e amigos, se achegou algo de luz ou non.

Tanto en Cangas como en Galicia é imprescindible reforzar un polo soberanista de esquerdas”

A situación económica de Cangas é, como di o PP, catastrófica?

Ben, fronte á demagoxia e a propaganda da dereita cómpre poñer os datos enriba da mesa.

Cando no ano 2.015 asumimos a responsabilidade de goberno o concello tiña unha débeda superior aos 15 millóns de €, débeda resultante da nefasta xestión económica do goberno do PP. Agora mesmo a débeda está en 5,3 millóns. Confío en que ao longo do 2.022 poidamos reducila ata os 4,2 millóns. Por outra parte no 2.020 tiñamos un remanente negativo en tesourería de 1,4 millón de € e este ano xa estamos cun remanente en positivo de máis dun millón de €. E no que respecta ao período medio de pago a provedores estamos en rexistros históricos pois estamos pagando en pouco máis de dous días.

A sentencia xudicial de Promalar non pon en serio perigo a saúde económica do concello?

A política urbanística do PP de Cangas foi unha barbaridade e deixou ao noso pobo graves problemas que comprometen seriamente o noso futuro. Unha primeira sentencia xudicial xa nos obrigou a pagar polo asunto Promalar cerca dun millón de €. E agora o administrador concursal de Promalar reclámanos xudicialmente máis de 2 millóns. Por outra parte no convenio de Masso pode existir a vía dunha reclamación que supere o millón e medio de €.

O PP deixounos unha espada de Damocles que , dependendo da resolución xudicial destes dous asuntos, poden volver a comprometer a nosa saúde económica

Ben, falemos de política Mariano. Como vai saír a esquerda de Cangas do galimatías no que está?

Non é fácil responder a esa pregunta. Eu o que teño claro é que entre o interese partidista e o interese público eu sempre estarei na defensa do público. E cando a dicotomía estea entre as políticas estéticas, e as políticas de esquerda real eu vou estar sempre na esquerda. Ese conflito entre vertebrar a política nunha liña clara de esquerdas, ou defender os intereses partidistas é a raíz dese galimatías que mencionas.

No bipartito que tiñades co PSOE non había a posibilidade de desenvolver políticas de esquerda real?

A proposta do PSOE de Cangas está tan dereitizada que é imposible establecer un goberno cuns criterios minimamente de esquerdas

Pon algún exemplo ao respecto?

Cando estabamos a traballar nun borrador de plan xeral pretenden unha modificación puntual das normas para supostamente favorecer intereses privados. Esa situación foi traxicómica ata o punto que foi denunciada polo propio PP. Ese é un episodio, dentro de moitos, que pon en evidencia a imposibilidade de desenvolver políticas de esquerdas co actual PSOE de Cangas

ACE está definitivamente esnaquizada?

ACE como formación política existe. Evidentemente hai diferencias importantes

Por que?

É unha consecuencia de todo o que veu acontecendo a nivel galego, tanto con AGE como con En Marea. No canto de prevalecer unha política de Fronte Popular prevaleceron os intereses partidistas. E eu creo que eso tamén está afectando a ACE

Cando morre Xose Manuel Pazos ti enganaches a Esquerda Unida nas negociacións previas á investidura da nova alcaldesa?

Son consciente de que algunhas persoas vinculadas a Esquerda Unida utilizaron naquel momento eso que mencionas que non é máis ca unha falacia. É un argumento impresentable e tramposo. A candidatura de ACE foi confeccionada e votada en asemblea. Que alguén pretenda que os seus intereses partidistas están por riba do que se votou en asemblea é unha trampa e o problema teno quen pretende actuar así.

No ano e pouco que falta para rematar o mandato hai posibilidade de concretar algún acordo co BNG, e ou con Avante, que permita un goberno máis cómodo que o que tendes agora?

Eso xa o respondeu cos feitos a nosa alcaldesa pois desde un primeiro momento chamou ás forzas da esquerda nacionalista a construírmos en común. Vemos como o PSOE local prefire ir da man do PP formando un bloque de dereitas, que non é a primeira vez que acontece en Cangas, e para podelo confrontar con éxito o nacionalismo de esquerda da nosa vila debe camiñar en común. Agora ben, veremos como se posicionan Avante e o BNG.

Que receptividade encontrades en ambas forzas?

Canto menos no BNG vemos movementos importantes e positivos. Así quixera mencionar o acordo con eles para quitar adiante o plan concellos. Avante non está nesa liña. Pero non me quero confundir de inimigo. Tanto en Cangas como en Galicia é esencial reforzar un polo soberanista e de esquerdas.

Neste ano e pico que falta para rematar o mandato hai algún proxecto de goberno que che ilusione?

Nós ambicionamos unha cesión do espazo de Masso que é fundamental para o desenvolvemento de Cangas. Tamén estamos xestionando a desafectación da zona que vai desde Ojea ata a praza de Abastos. Outro proxecto moi importante é o Centro de Alta Resolución, que o PP non quere. É moi importante para nós o plan de vivenda. Conseguimos recuperar as vivendas de Nazaret .A política de vivenda social é fundamental para o noso goberno.

Cangas ten moito por facer, como é a recuperación do plan xeral. Necesitamos potenciar a participación de todos os sectores sociais e veciñais que permitan a Cangas dar o salto de calidade que precisa.

A Xunta pórtase ben con Cangas?

O Concello está xestionando, cun custe económico moi importante, servizos que debera de estar sufragando a Xunta. Por exemplo atención temperá, a unidade de atención a drogodependentes, o SAF ou o propio conservatorio. Nós asumimos ese custe con gusto pola inmensa repercusión que ten. Pero é incrible que a Xunta desatenda as súas obrigas en aspectos tan significativos.

Segues sentindo que a DEP maltrata ao Concello de Cangas?

O seu maltrato ao noso pobo en ocasións é máis grave que o da Xunta. Hai unha negativa absoluta , pola súa parte, a contestar os requirimentos que lle fai o Concello. Por exemplo o PSOE tiña o compromiso de que ían financiar uns muros na obra da estrada Viso Igrexario, na parroquia do Hío, e ese compromiso incumprírono absolutamente.

Rematamos Mariano. É posible debullar un escenario realista de como se poden formular as candidaturas de esquerda de cara ás próximas municipais?

Aínda queda un tempo por desenvolver para poder responder a esa pregunta. Todo pasa pola práctica que os grupos adoptemos no que queda de mandato.

Pero ti que pensas que sería desexable?

Tanto en Cangas como en Galicia: reforzar un polo soberanista de esquerdas que faga fronte ao desprezo que os gobernos estatal e autonómico amosan cara a Galicia e aos concellos que, como o noso, non sexamos considerados amigos. Os meus esforzos van ir por aí, tratar de plasmar unha alternativa soberanista e de esquerdas.