Xurxo Agra , o “Willy Fog “ de Marín

Xurxo Agra
Na explanada das mesquitas de Xerusalén
Tino Lago

As persoas da miña xeración gozamos nos últimos días da nosa infancia cunha serie televisiva de debuxos animados de enorme éxito chamada :”A volta ao mundo de Willy Fog”, baseada na marabillosa novela de aventuras de Jules Verne “ A volta ao mundo en 80 días” na que o seu intrépido protagonista Phileas Fogg logra rodear o globo terráqueo nese número de días , despois de múltiples peripecias, para gañarlle unha substanciosa aposta económica aos seus colegas dun club británico. E malia que ler ao insigne escritor francés sempre é un exercicio moi agradable non é preciso irmos tan lonxe para atopar a alguén do perfil do protagonista da novela ou da serie televisiva pois en Marín vive o noso “Willy Fog” enxebre. El chámase Xurxo, ten 43 anos , traballa no hospital Montecelo de Pontevedra e desde os 22 que fixo a súa primeira viaxe a México ten realizado máis de 20 viaxes por todos os continentes agás( de momento) por Oceanía, e por máis de 25 países distintos. El é un home con enormes inquietudes polo coñecemento coa mente moi aberta e non en 80 días, pero como Willy Fog ,vai rematar dando a volta ao mundo varias veces con seguridade. Ademais Xurxo é un excelente conversador e foi un pracer para min charlar con el. Velaí vai o que dei de si

AO MARXE DAS ENORMES DIFERENZAS CULTURAIS QUE HAI ENTRE AS DISTINTAS ZONAS DO MUNDO OS TIPOS HUMANOS SON UNIVERSAIS.TODAS AS PERSOAS TEMOS AS MESMAS EMOCIÓNS, DÚBIDAS , MEDOS E CONTRADICIÓNS”

Ti que opinas daquel verso de Machado que dicía :”caminante no hay camino se hace camino al andar”?

Eu concordo absolutamente co seu significado claro. Despois de ducias de viaxes por moitos sitios de mundos. Despois de coñecer persoas , culturas ,sociedades e circunstancias tan diferentes, estou seguro de que a suma de experiencias vividas son as que constrúen o noso camiño vital persoal. E canto máis diversas máis nos acabaremos enriquecendo nós

Eu non viaxei tanto coma ti nin de lonxe, pero da miña escasa experiencia conclúo que malia as diferenzas sociais, culturais ou de calquera tipo entre as distintas sociedades, os tipos humanos son universais. Estás de acordo?

Estou completamente de acordo. Todos os seres humanos , vivamos onde vivamos e teñamos a cultura que teñamos, temos as mesmas emocións. Todos queremos igual, todos temos as mesmas necesidades de paz, amor e seguridade. E todos os seres humanos temos os mesmos medos dúbidas e contradicións. Como ti dis, os tipos humanos son universais sen ningún tipo de dúbida

Onde naciches ti Xurxo?

Eu son de Marín, da parroquia de Mogor

A que te dedicas?

Traballo de auxiliar administrativo no hospital de Montecelo. Xa levo cerca de 20 anos traballando alí

Como comezou a túa paixón polas viaxes?

Eu creo que o levo no sangue. A miña nai e o meu pai alén de proporcionarme unha forma de entender a realidade pola que lles estarei eternamente agradecido, tiñan unha grande afección a viaxar e tamén a facer sendeirismo, e desde neno xa sementou en min a curiosidade polas viaxes. Asemade recibín tamén a influencia enorme , na miña adolescencia, do profesor Alfonso Díaz. El é un viaxeiro incansable na procura de aventuras e coñecementos. Cando o coñecín, escoitar as súas experiencias resultábame fascinante

Cando fixeches a túa primeira viaxe digamos importante?

Tiña 22 anos e foi a México. Agora teño 43, pois foi hai 21 anos. Estiven un mes enteiro naquel país

Foi importante na túa vida aquela experiencia?

Enormemente. Se xa tiña eu curiosidade e gañas por coñecer, aquela viaxe fixo que eses sentimentos se espallaran de maneira tan intensa que xa me foi imposible parar

Ben, tiñas 22 anos , agora tes 43.E nos 21 anos que hai no medio cantas viaxes fixeches desa dimensión?

Arredor de 20. Fago unha ao ano aproveitando os períodos de vacacións. Creo que agás o ano pasado, polas circunstancias sanitarias, fixen unha viaxe grande cada ano

Vaia, impresionante. O do ano pasado debeu de ser frustrante para ti?

E tanto que si, de feito tiña unha viaxe a Tunes que tiven que cancelar. Pero non creas que quedei quieto. Substituína por outra por España, tamén moi interesante

Estiveches nos 5 continentes?

En Oceanía aínda non

En América en que países estiveches?

En México, Costa Rica e Panamá

Hai algo que te chamara especialmente a atención?

Se cadra que son sociedades nas que hai un elevado nivel de violencia. Eu entendo que as elevadas bolsa de pobreza que existen, pois son as que causan este tipo de situacións

Sufriches algún episodio no que sentiras que estabas en perigo?

Si. Nunha ocasión en Costa Rica metinme á aventura nunhas rúas que non coñecía, ía asemade co meu fillo pequeno, e a verdade o contexto era estarrecedor. Incluso cando comentei no aloxamento o sitio polo que fora, botaron as mans á cabeza e, pouco menos que me dixeron que tiña que dar as grazas por ter saído vivo.

En Asia en que países estiveches?

En Turquía varias veces, en Xordania, en Palestina, na India, Tailandia, Vietnam e Camboxa

E das sociedades asiáticas que te chama atención?

É difícil salientar algo pois son sociedades abraiantes .A riqueza cultural e paisaxística do sur leste asiático, para min convértena nunha das zonas máis fermosas do planeta. É unha zona de enorme beleza na que un síntese enormemente cómodo e seguro. Ademais a vida alí é moi económica

A xente deses países ten sona de ser moi amable, non?

Abofé que é unha sona ben gañada, pois si, son extraordinariamente amables

E o tema das comidas como o levas?

Buff. Se cadra ese é o meu punto débil .E é moi curioso porque unha das principais motivacións que me impulsan a viaxar é a necesidade da aprendizaxe. Teño verdadeiro interese en coñecer todo o que poida sobre a sociedade na que estou. Pero hai unha excepción que é a cuestión gastronómica. Non me gusta probar cousas raras, e nas comidas eu son moito de sota cabalo rei

Ha ha ha ha ha .Entón ti es coma min. Lembro nunha viaxe a Granada na que na primeira cea nun restaurante, a carón da Alhambra, a moza que me acompañara cabreouse comigo porque pedín polbo á feira e pementos de Padrón…

Ha ha ha ha pois si, son coma ti. E iso que a miña parella é todo o contrario. Ela proba calquera cousa por rara que pareza, pero eu vou sobre seguro ao que coñezo e sei que me gusta. Por exemplo , a min gústame moito o polo, pois como se teño que almorzar polo, comer polo e cear polo en calquera sitio do planeta

E non me digas, seguro que como o preparan en Marín non se come en ningunha outra parte do mundo?

Ha ha ha ha ha ha. Non recordo en que viaxe volvín un pouco farto do polo, pero claro despois dun mes coméndoo pois non me estraña. Pero logo se me pasou

Probaches algunha comida especialmente estraña?

Non. Eu ese tipo de cousas raras como por exemplo os insectos nin os pido. Xa che digo que eu son un home de mente moi aberta para todo, agás para a comida. Iso é unha liña vermella para min

Ben, sigamos cos continentes. En África que países visitaches?

En Marrocos 3 veces, e en Exipto

Como é a sociedade marroquí?

Marabillosa. Encantadora. Son tan amables que o trato con eles fai sentir un enorme apego á humanidade

E fáltanos Europa. Cóntanos que países visitaches no noso continente?

Estiven en bastantes, agardo non esquecer ningún. Imos ver. Estiven en Ucraína en Bulgaria, Finlandia, Estonia, Letonia, Lituania, Grecia, Chequia, Eslovaquia, Romanía, Macedonia e Francia. E finalmente nos Balcáns estiven en Croacia , Bosnia e Eslovenia

En que época estiveches nos Balcáns?

No ano 2.009

Quedaba algunha pegada das guerras que sufriron nos anos 90 do pasado século?

Atopei e moitas en Bosnia. En Croacia e Eslovenia, fóra dalgún museo non atopei nada

Desa Zona de Centro Europa que nos recomendas?

Dubrovnik é precioso

As pegadas que atopaches eran só físicas ou tamén emocionais?

As pegadas físicas en Bosnia eran moi numerosas en forma de restos de impactos de balas e bombas en distintas construcións. Se cadra porque é o país balcánico que dispón de menos medios económicos e xa que logo ten máis difícil a reconstrución.

No que se refire ás emocións algo de carraxe si que queda. Pero xa pasou tempo e teño a sensación de que se vai esvaecendo aos poucos. Son sociedades moi dinámicas, especialmente a Eslovena e a Croata, e prefiren mirar para adiante.

Fálame de Chequia. Lembro unhas fotos túas en Praga cunhas xerras de cervexa inmensamente grandes

E ben rica que está .É unha cervexa exquisita, pero hai que bebela con moita prudencia porque alí o menos que che poñen e ½ litro

Vaia, entón iso de pedir 1/5 alí non se leva non?

Ha ha ha. Non, soaríalles ridículo se pides un corto de cervexa.

De todos os hoteis do mundo, nos que estiveches, dime algún especialmente bonito?

Eu o único que lle pido a un hotel é que estea limpo. Asemade tampouco me aloxo en hoteis especialmente caros porque non mo podo permitir. Pero se me pides que destaque un pois quédome co que estiven na cidade turca de Bergama, que está no que era a antiga cidade grega de Pérgamo preto do mar Exeo. Era unha casa antiga preciosa de estilo grego .

Supoño que ti millonario non es?

Pois non, non o son

Entón como fas para financiar todas esas viaxes?

Todo é organizarse ben e estar moi pendente dos vós para cazar rápido as ofertas de viaxes baratas. Eu en febreiro de cada ano xa comezo a pescudar ofertas de vós para o verán

Supoño que os avións non che darán medo?

Non

E nalgúns dos vós tiveches algunha situación complicada?

Se cadra nunha escala que fixemos en Alemaña, volvendo dos países bálticos que tivemos que volver aterrar ao pouco de despegar, pero nada serio

Rematamos Xurxo, cal vai ser a próxima viaxe?

Teño na mente Perú, Bolivia , Indonesia, Albania e Serbia. Non sei en que orde pero esas van ser as próximas