Ornela Fernández Salgado Voceira do BNG de Vilaboa

Ornela Fernández Salgado BNG Vilaboa
Tino Lago

Despois de compartir goberno en Vilaboa co PSOE, bastante tempo, o ano pasado os nacionalistas tomaban a decisión de deixalo, após diversas discrepancias co seus ex socios no momento de producirse o relevo da alcaldía en Vilaboa tras a dimisión de Francisco Costa e a chegada de César Poza. Nós achegámonos a conversar con Ornela ,a voceira do BNG, para coñecer a súa visión da realidade política local

O PASO DO TEMPO NON FIXO MÁIS QUE REAFIRMAR QUE A NOSA DECISIÓN DE ABANDOAR O GOBERNO DE VILABOA FOI A CORRECTA”

Como están sendo estes meses na oposición, Ornela?

Ben, non quedou outra que adaptarse claro, pois levabamos bastante tempo exercendo a acción de goberno e houbo que mudar o chip, de feito fixemos algúns cambios no grupo municipal. Pero estamos moi animadas e coa firme vontade de contribuír ao ben común do noso pobo

Hoxe, oito meses despois de ter tomado a decisión de abandonar o goberno , se puideses volver a vista atrás farías o mesmo?

Si, sen dúbida. O paso do tempo contribuíu a reafirmar que tomamos a decisión correcta

É unha decisión irreversible para os dous anos que restan de mandato?

Eu, agora mesmo, non contemplo ningunha outra hipótese

O alcalde fixo algún tipo de movemento para tratar de convencervos de que mudaredes a posición?

Non

Faime unha valoración da xestión do goberno desde que vós o deixastes?

A impresión que temos é que como se quixeran facer borrón e conta nova coa xestión do anterior alcalde, non tanto das nosas áreas senón das que eles mesmos levaban. Pero os servizos básicos que estaban fallando como a recollida do lixo e a limpeza das vías seguen fallando e nunha situación deficiente. Por outra parte están a prometer a execución de obras que non vexo eu

Por exemplo?

A ampliación do Concello

Vós votastes en contra dos orzamentos verdade?

Si. Chamáronnos para negociar e non recolleron ningunha das nosas propostas que na súa maioría eran referentes á re activación económica do Concello. Dixéronnos que podían meter algo na memoria. Pero claro se iso non vai acompañado dunha partida orzamentaria pode non significar nada. Dixeron que lle ían dar unha volta e mandáronnos un borrador, que era tal cal .Levámolo a unha asemblea e a nosa militancia decidiu votar en contra

Entón os orzamentos saíron adiante chegando a un acordo o PSOE co PP?

Si. Foi un tanto curioso porque na comisión previa ao pleno, a comisión celebrouse un martes e o pleno un venres, o PP votou en contra. Seica chegaron a un acordo de última hora un tanto estraño pois o goberno tampouco recolleu ningunha das propostas do PP, pero comprometéronse a facelo ao longo deste ano e do ano próximo.

Que pasou co intento de facer un parking en San Adrián?

Puxéronse en contacto con nós os veciños para informarnos de que os socios do porto deportivo tiñan unha concesión da autoridade portuaria para facer un aparcadoiro privado. Iso suporía que a veciñanza vise limitados os seus accesos tanto á igrexa como ao recinto de festas alén dunha discriminación flagrante, xa que alí pode aparcar todo o mundo e non ten porque haber un aparcadoiro privado.

Nós presentamos un escrito ao goberno para preguntarlles se tiñan constancia diso, e outro á autoridade portuaria amosando a nosa oposición ao respecto

Que vos contestou o goberno?

Que non tiñan constancia e que ían estudar o tema. Finalmente a autoridade portuaria revocou a autorización e por fortuna non se vai facer ese aparcadoiro

E cal cres que sería o motivo de que desistisen ?

Ben, nós fomos os primeiros que amosamos claramente a nosa posición contraria. Logo veu o PP e o goberno que fixeron o mesmo. E supoño que vendo que terían todo o concello en contra, alén da veciñanza, pois decidiron desistir

Vaia, chámame a atención que o PP local tamén se posicionara en contra?

Pois si

En relación coa xuntanza do alcalde con David Regades sobre un suposto polígono industrial cal é a túa posición?

A nós a visita colleunos por sorpresa porque a coñecemos pola prensa. No PXOM que foi aprobado recentemente, aínda non fai nin dous anos, esa zona que está entre o Concello e o enlace á AP9 xa vai marcada unha zona industrial. A nós o que limos na prensa, porque directamente non se nos informou nada, sobre que se necesitaba unha modificación puntual para ampliar a zona industrial sorprendeunos moitísimo

Nós enviamos un escrito ao concello pedindo que se nos explicaran os motivos do interese da Zona Franca en Vilaboa, e por que se necesita máis terreo do que está cualificado no PXOM xa como industrial

Manexas algunha hipótese?

Nós o que cremos é que pode tratarse dun Porto Seco. Algo que o BNG no quere para Vilaboa. E se esa é a intención do goberno e de Zona Franca van atopar ao BNG en fronte. Iso non quere dicir que non sexamos absolutamente conscientes de que unha zona industrial sexa necesaria en Vilaboa, que si o é. De feito sabemos que varias empresas fóronse do noso Concello ante a falta de espazo para medrar, pero nós consideramos que coa zona que está delimitada no PXOM como área industrial é suficiente

Pero a foto do alcalde con Regades foi nesa mesma zona, non?

Si, foi alí. Pero a superficie que eles indican non cadran cos metros de terreo existentes. Alí hai algo que non coincide

Recibistes algún tipo de contestación ao voso escrito?

Non, a día de hoxe( 15 de maio), non