“O BNG quere que Cangas volva ser motor económico do Morrazo”
Un equipo preparado para Gobernar o noso concello
A candidatura do BNG está formada por mulleres e homes con experiencia e valentía para facer do noso concello o mellor lugar para vivir. Persoas con capacidade de traballo e compromiso, dispostas a escoitar a veciñanza para atender as súas demandas e reivindicacións. Persoas que destacan pola súa dedicación desinteresada nos asuntos públicos nos máis diversos ámbitos da vida social, educativa, cultural, veciñal e política de Cangas.
Forman parte da candidatura do BNG en Cangas:
1.- ARACELI GESTIDO RODRÍGUEZ.
Traballadora Empresa de Mobilidade.
2.- ANTÓN IGLESIAS FRANCO
Profesor de Informática e chinés.
3.- LEONOR GALA TORRES SABÍN
Profesora IES Johan Carballeira de Bueu. Delegada sindical da CIG.
4.- NOËL MALVIDO CRUZ
Estudante. Monitor Club de Remo Vila de Cangas. Fundador CODIMO.
5.- LUCIA DOCAMPO MARTÍNEZ
Profesora na Escola de Idiomas de Pontevedra.
6.- OLIVER ÁLVAREZ BARRANCO
Técnico da Fundación Estatal para a Formación no Emprego.
7.- XIANA ABAL AUGUSTO
Logopeda.
8.- SERGIO NUNES GARCÍA
Profesor de FP e Economía. Docente no IES de Rodeira.
9.- CARMEN SUÁREZ SOBRADO
Mestra CEIP Castrillón-Coiro.
10.- XOÁN C. CHILLÓN IGLESIAS
Mestre xubilado. Activista socio-cultural.
Araceli Gestido candidata
Redacción
“ A cidadanía ten moito que gañar o 28 M e o BNG é a mellor garantía para facelo”
Este mandato municipal veu marcado pola pandemia, o falecemento dun alcalde, o enfrontamento e a desfeita de grupos municipais… como afecta isto a Cangas a curto prazo?
– Cangas está hoxe sumida nunha pelexa constante entre forzas políticas. Parecen máis interesadas en medrar politicamente que en resolver os problemas inmediatos e de futuro que están na mente da cidadanía canguesa. Isto ten que cambiar. O BNG ofrece un novo talante, un barco onde remar todos e todas, xuntas, na mesma dirección. Erradicar a confrontación habitual entre dirixentes políticos e abrir portas e ventás para que entren aires novos, a brisa das rías, para levar a cabo un cambio cheo de esperanza e conciliación. A cidadanía ten moito que gañar nas urnas o 28 de maio, e o BNG é a mellor garantía para facelo, porque Cangas merece máis, e para iso lidero un equipo renovado, forte, coa cabeza nos problemas que sofren Cangas, Aldán, Coiro, O Hío ou Darbo e co corazón no traballo do día a día para resolvelos.
A comarca do Morrazo está a se mobilizar por unha sanidade pública en condicións, pola recuperación das Urxencias, pola volta do persoal médico e servizos sanitarios retirados pola Xunta, que fará o BNG?
– Os veciños e veciñas de Cangas sábeno, e tamén as xentes de Moaña, de Bueu, de Galiza… que levan meses mobilizándose e deixando claro na rúa que non toleran esta vergoña, este roubo de dereitos que perpetra o Partido Popular para privatizar a sanidade. En Cangas, por riba, temos o silencio cómplice do candidato Sotelo, inhumano, insensíbel e frío. Non se inmuta cando a cidadanía canguesa ten que agardar longo tempo para unha cita médica ou mirar nenos e nenas sen atención pediátrica en condicións. Por isto é importante que o BNG goberne, para impedir agravios, para xestionar e demandar os servizos que Cangas merece e ten dereito.
Que lle vai dar o goberno do BNG á cidadanía de Cangas?
– Temos un comercio local con moitos problemas, a sanidade pública desmantelada, miles de euros en subvencións perdidas… un goberno cansado, á deriva, e unha oposición dividida. Fronte a isto: xestión eficaz e medidas para recuperar o tempo perdido, cun talante conciliador para remar xuntos e xuntas na mesma dirección.
Imos desenvolver a nosa acción tendo en conta os sectores produtivos, o mar, a hostalaría, os servizos públicos. Poñer en marcha un concello BNG, como tantos outros que son xa modelo en todo o país e con recoñecemento internacional pola maneira que temos de facer as cousas.
Queremos volver a ser o motor económico do Morrazo e comprometémonos cun modelo de desenvolvemento económico baseado nos recursos propios, na xeración de emprego, cohesión social, participación veciñal e na defensa duns servizos públicos de calidade para Cangas. Avanzaremos na aprobación dun Plan Xeral de Ordenación Municipal que teña ás persoas e ao territorio como eixo principal.
Recuperaremos a participación social, darémoslle un papel importante á mocidade e renovaremos e melloraremos os equipamentos deportivos e culturais, para dotar Cangas daquelas novas infraestruturas que precisa e poñendo en valor o talento da cidadanía canguesa.