A alcaldesa de Moaña, que repite como candidata do BNG, colleu o bastón de mando en 2015 con apenas 30 anos, sendo unha das rexedoras máis novas do país. Despois de dous mandatos gobernando en colaboración co PSdG-PSOE, a candidatura nacionalista que lidera Leticia Santos aspira a unha maioría absoluta nas eleccións municipais deste 28 de maio que lle permitiría dar continuidade ao proxecto político iniciado hai oito anos.
Despois de dous mandatos como alcaldesa de Moaña, que valoración fai desta experiencia?
Persoalmente fago unha valoración moi positiva do que me aportou a Alcaldía. Os últimos anos foron moi intensos, non paramos nin coa pandemia. De feito, este foi o período no que traballamos con máis intensidade para dar novas solucións a problemas que non existían antes. Superamos numerosos retos, fixemos melloras en todos os eidos e a día de hoxe temos un concello moitísimo mellor do que atopamos en 2015.
A xestión económica é un dos grandes éxitos dos seus mandatos. Cales foron as claves para superar a débeda municipal sen recortes en servizos públicos ou investimentos?
Cando chegamos ao Goberno municipal, o Concello de Moaña tiña unha débeda financeira de 13,2 millóns de euros. O orzamento estaba prorrogado desde 2011 e non respondía á realidade económica, así que o primeiro que fixemos foi un orzamento novo para 2016. O seguinte foi axustarse ás partidas orzamentarias anuais en cada área. Tamén comezamos a licitar todos os servizos nos que máis diñeiro gastaba o concello, apostamos por políticas de eficiencia enerxética e solicitamos subvencións que nos axudasen a realizar este cambio de sistema para mellorar as instalacións municipais e o alumeado público. Ademais, conseguimos administrar mellor os nosos recursos a través dun proceso de participación veciñal nos orzamentos. E todo isto sen reducir o gasto social e sen aumentar impostos, senón todo o contrario. Nestes oito anos pasamos de 1,1 millóns a 2,3 millóns de euros en partidas sociais. En todas as ordenanzas nas que a lei de facendas locais nolo permitía introducimos cláusulas para rebaixar a carga impositiva daquelas persoas máis vulnerables. Demostramos que un concello ben xestionado non precisa facer recortes nin subidas de impostos para atender as necesidades da súa xente.
Durante este tempo estivo acompañada de Aldán Santamarina como concelleiro de Facenda, mais este ano non aparece nas listas do BNG de Moaña en postos relevantes. De renovar o mandato, xa ten substituto ou substituta para Facenda?
O equipo que presentamos é solvente, capaz e está enormemente preparado. Ademais, conta coa vantaxe da experiencia de goberno. En 2015, ningunha das persoas que entramos no Goberno municipal tiña experiencia e iso non nos impediu facer esta transformación. Temos a Aldán no equipo e imos seguir contando coa súa colaboración para axudar no que se precise. Incorporamos xente con capacidade de traballo para asumir as áreas que a veciñanza teña a ben confiarnos.
Aldán Santamarina tamén liderou iniciativas de normalización lingüística como “21 días en galego”. Teñen previsto continuar con iniciativas como esta, a pesar de que as persoas que as promoveran xa non estean como concelleiras no Goberno municipal?
O BNG presenta un programa de goberno con 160 medidas, nas que a normalización lingüística é unha área fundamental e transversal. Os programas que temos consolidados van continuar, asuma quen asuma a concellería responsable. A nosa intención é facelos medrar e potencialos aínda máis. A lingua é unha cuestión identitaria que sempre defenderemos.
Alén da xestión económica eficaz para superar a débeda municipal, que outros proxectos marcaron o seu mandato durante os últimos catro anos?
Conseguimos facer visible todo o traballo iniciado durante o primeiro mandato e o recollido de mandatos progresistas anteriores. Despois de 20 anos de loita, logramos que o SERGAS constrúa un novo centro de saúde. Tamén temos a disposición unha parcela municipal para levantar un auditorio e as primeiras vivendas sociais de Moaña. Son fitos importantísimos que de non ter feito traballos previos serían inalcanzables. Por outra banda, estamos rematando as obras de rehabilitación integral da antiga Casa do Concello, realizadas con fondos europeos. É un edificio pensado desde a sustentabilidade, a participación, o feminismo e a equidade. Desde 2020 recollemos a bandeira verde de Galicia como concello promotor de políticas sustentables, e iniciativas como o programa de compostaxe comunitaria e a recuperación do Camiño Real entre Moaña e Cangas foron recoñecidas nos últimos anos polo seu carácter pioneiro. Identidade, feminismo e medio ambiente foron os eixes que vertebraron a acción de goberno.
Cales son os proxectos de futuro?
Queremos acadar unha segunda escola infantil en Domaio. Xa estamos co proxecto, tramitando a modificación catastral que se require. A rehabilitación do paseo da Seara e as carpinterías de ribeira vai permitir avanzar na conexión entre Moaña e Cangas a través do Camiño Real. Ademais, cando se constrúa o novo centro de saúde e a Casa do Mar quede baleira, solicitarémola para convertela nun centro potenciador da nosa cultura.
Como alcaldesa de Moaña, a puidemos ver moi activa nas mobilizacións en defensa da sanidade pública. Como está a situación nese eido, a pesar da construción dun novo centro de saúde?
Un edificio non cura á xente. É importantísimo, fundamental e imprescindible, pero ten que estar dotado o persoal sanitario necesario. En Moaña estamos en loita para recuperar o PAC. Levárono a Cangas coa excusa da pandemia e aínda non nolo devolveron. A primeira cláusula que aparece no convenio para o novo centro de saúde é que terá Urxencias. Estaremos vixiantes e combativos se fai falta para seguir exixindo que as prazas estean cubertas e se incorpore unha terceira ambulancia de reforzo no Morrazo. Coas mobilizacións conseguimos que se repuxeran as quendas de tarde e tamén vamos conseguir que as Urxencias volvan a Moaña.
A expansión da eólica mariña é outro dos temas que pode afectar á localidade. Que opina do proxecto eólico mariño diante das Cíes?
Estamos moi preocupados pola expansión da macroeólica. Nós temos aprobada unha moción municipal que rexeita a eólica mariña e a macroeólica nos nosos montes. A eólica mariña vai afectar aos nosos recursos pesqueiros e aquí en Moaña hai moitas familias que viven do mar, pero a macroeólica en terra tamén está a ameazar recursos tan valiosos como os acuíferos que nos abastecen de auga potable. Defendemos a enerxía sustentable, pero esta non pasa por macroeólicos que veñen a destrozar o territorio e a causar máis problemas dos que resolven. Hai alternativas, como o aproveitamento da enerxía solar, nas que tamén estamos implicados, apoiando o proxecto Moaña Solar, que é unha das primeiras comunidades enerxéticas que se está constituíndo no país.
Despois de ser a forza política máis votada en 2019, confiades na maioría absoluta este 28 de maio?
A valoración da xente é moi positiva. Sinto que non se cuestiona a capacidade de traballo que vimos demostrando nos últimos oito anos. Encantaríanos seguir transformando Moaña, xa que abrimos un tempo novo. Hai proxectos que eran inasumibles hai oito anos, cando non tiñamos nin para pagar as facturas da luz. Aquí se presenta a oportunidade de seguir transformando Moaña ou que volva a caer na desidia que atopamos en 2015, despois de catro anos de goberno do PP. Esperamos que iso non pase.
De non acadar maioría absoluta, continuarán co PSdG-PSOE como socio de goberno?
Iso será algo a tratar despois do 28 de maio, en función do que decida a veciñanza. En 2015, a veciñanza apostou por un goberno de progreso e fixemos todo o posible para entendernos co grupo socialista. Volvemos facelo en 2019 desde outra posición, sendo nós a forza máis votada. Demostramos capacidade de diálogo, capacidade de traballar conxuntamente e de liderar un equipo de goberno centrado en sacar adiante o programa pactado. Neste sentido, quero agradecer a Marta Freire polo seu traballo dentro do goberno.
Despois de oito anos está totalmente aceptada como alcaldesa, mais ser muller e sobre todo moza supúxolle un esforzo adicional para facer valer a súa autoridade no contexto político e administrativo actual?
A miña experiencia é moi positiva. Estou orgullosa de que as nenas de Moaña miren que ser alcaldesa é unha posibilidade tamén para elas. Conseguimos romper o teito de cristal, non só coa Alcaldía, senón tamén sendo o único concello do país liderado por dúas mulleres e as dúas novas, porque Marta Freire é dous anos maior ca min. Tivemos que facer moita pedagoxía e romper normas e estereotipos. A mocidade, que nun principio podía verse como unha desvantaxe, finalmente axudou a empatizar e mirar con outros ollos. Penso que se apreciou que a mocidade se puxese en primeira liña e dese a cara. Gañamos o respecto e o cariño da xente. Rompemos a barreira do status que dá a Alcaldía noutros lugares e noutras épocas. Hoxe por hoxe ninguén cuestiona que estamos preparadas. Fixemos equipo coa veciñanza, coas persoas que traballan no Concello e dentro do noso propio equipo de goberno. Todas as eivas que podiamos ter individualmente as superamos con creces como colectivo. Enchemos Moaña de vida entre todos e todas. Vai ser difícil alcanzar este nivel se a veciñanza opta por un cambio.