Mariano Abalo, Concelleiro do Goberno de Cangas

Mariano Abalo, Concelleiro do Goberno de Cangas

Mariano é un histórico do nacionalismo galego e un peso pesado no goberno municipal de Cangas. Despois de moito tempo tivemos de novo a oportunidade de manter unha longa conversa con el. Velaí vai o que deu de si

“ O NOSO OBXECTIVO TEN QUE SER QUE O NIVEL DE COINCIDENCIA ENTRE ACE, AVANTE .E O BNG SEXA NO DÍA A DÍA CADA VEZ MAIOR”

Hai moito tempo que non tiñamos oportunidade de falar, Mariano. Como che vai a vida?

Ben, pois imos tirando

Eu, sabes que che teño aprecio Mariano, e agardo que a túa vida persoal che vaia ben, pero a pregunta refírese evidentemente á túa vida política, polo que che agradecería que foses un pouco máis preciso

A vida política complexa ,no contexto xeral dun escenario político moi complexo, como puidemos apreciar nas recentes eleccións galegas

No primeiro mandato do goberno ACE ti levabas as áreas de urbanismo e de facenda, e agora só a de facenda, por que?

Ambas son áreas de especial complexidade e importancia, e preferín centrar os meus esforzos nunha soa; facenda, que é capital, en calquera contexto, pero máis nun tan complicado como este, para que un concello poida funcionar como debe e prestar os servizos necesarios para o ben común

Cales son as túas principais liñas de traballo na concellería de facenda?

Tal como están as cousas o máis importante vai ser ter a capacidade de soster a economía municipal, sermos quen de superar a esta enorme crise económica. Por outra banda temos que recuperar os servizos públicos e mellorar de maneira notoria en eficiencia enerxética

Lembro algunha conversa que temos tido cando levabas urbanismo, e tiñas especial interese no asunto MASSO, como está na actualidade?

Está parado. O concelleiro que levaba esa área marchou para Madrid e iso está repercutindo á hora de poder levar a cabo algún tipo de política para arranxar ese asunto

Que habería que facer alí? 

Desafectar o ámbito portuario e que o PP cumprira a promesa electoral da cesión gratuíta deses terreos ao concello. Esa zona ten un potencial enorme e é estratéxica para o desenvolvemento futuro de Cangas

E do plan xeral que nos dis?

Nunha situación de parálise, relacionada coa circunstancia particular do concelleiro do PSOE que antes che mencionei

Pero sería necesario movelo neste mandato, non?

Si claro, pero alén de vontade tería que haber traballo político real. Agora houbo un cambio de persoa na área, agardo que sexamos quen de movelo

No primeiro mandato ACE goberno con dous socios; BNG e Avante, neste só con un; o PSOE, que valoración, en canto á comodidade e efectividade, fas de ambos mandatos?

Hai unha diferencia substancial, antes gobernabamos con 11 concelleiros e agora con 8, por outra parte, cando menos no plano teórico, sempre vai haber máis opcións de coincidencias con outras opcións máis á esquerda do que poida representar o PSOE

Alén da dificultade aritmética que supón un goberno de 8 sobre 21, a comodidade do goberno conxunto co PSOE como a valoras?

Hai diferencias significativas que non fan doado manexar a situación, pero en política hai que saberse adaptar á realidade

Conseguistes aprobar os orzamentos deste ano co apoio dos concelleiros do BNG e de Avante. Como foi esa negociación?

Ben, pois como concelleiro de facenda levei eu o peso, e teño que dicir que tanto Avante como o BNG, especialmente estes últimos fixeron achegas moi importantes e o nivel de punto de encontro foi moi elevado o que posibilitou que se aprobaran de maneira moi folgada

Ese acordo ao que chegastes con Avante e co BNG para aprobar os orzamentos por que non espallalo a algo máis amplo?

Ben, ambos grupos formuláronme a proposta que eu desde logo aceptei de que o orzamento do 2.021 teña a mesma mecánica de consenso có do 2.020

Como está a vivir o sector hostaleiro de Cangas un ano tan complicado como este?

Este é un problema xeneralizado, e o golpe non só en Cangas senón en todos os sitios é durísimo. Estase sobrevivindo como boamente se pode

O concello estableceu algún tipo de axuda para botar unha man aos pequenos comerciantes de Cangas?

Nos orzamentos establecéronse unha serie de axudas tanto en emerxencia social como na relación co pequeno comercio onde se contemplan actuacións que se están concretando neste momento tanto con FECIMO como con Cangas Vella, e tamén destinamos unha partida importante que mellore a alternativa da oferta turística

Notaches que aumentou o número de persoas que requiren axuda para atender as súas necesidades máis básicas?

Aumentou de maneira moi notable

Como está a situación do conflito coa empresa de augas?

En diversas frontes. Neste último pleno acábase de recuperar un expediente de resolución culpable contra a empresa por incumprimento de contrato e por unha serie de carencias que se dan no servizo. Por outro lado a fiscalía está cunha investigación ao respecto da alteración do contrato , e por último imos tratar de retomar os expedientes sancionadores contra a empresa porque os vertidos son cada vez máis incontrolados e as deficiencias nas depuradoras son cada vez maiores

Que pasou coa asistencia ás praias de Cangas, discriminades aos que non son nativos do pobo?

Imos ver , o que tratamos de evitar son as aglomeracións que farían absolutamente imposible que se cumprisen as medidas de distanciamento social imprescindibles para controlar a pandemia. As medidas de control de acceso aos areais só perseguen a seguridade das persoas

Pero esas medidas son discriminatorias para a xente que non é de Cangas?

Se non controlas o acceso rodado que veña de fóra é imposible manter nunha praia as medidas de distanciamento social. Nós queremos que a xente quen non é de Cangas goce das nosas praias pero, mentres dure a emerxencia sanitaria, terá que ser baixo un estrito control que garanta a seguridade de todos e todas

Estás contento co nivel de civismo que está a amosar o pobo de Cangas?

Si, rotundamente si

A túa foto detrás de Ana Pontón nas pasadas eleccións autonómicas foi realmente significativa, e deixa un escenario, na política local, moi difícil de albiscar. Que vas facer? :vas seguir en ACE?, vas apoiar ao BNG?…

A miña vida política non ten importancia. O que si a ten é a vida política do país, dunha Galicia de esquerdas que moitos ambicionamos. O que aconteza no futuro terá que vir dado pola práctica. O desexable sería a existencia dun punto de encontro para todos e todas as persoas e forzas de esquerdas cunha perspectiva de país

Si claro, pero Pazos xa manifestou en público que non tiña a intención de volverse a presentar. Eu supoño que ti xa terás contemplada algunha hipótese sobre como artellar o complexo escenario político da esquerda de Cangas de aquí ás municipais do 2.023?

Eu creo que é precipitado xogar a futurólogo. O que é esencial é desenvolver unha práctica política e un programa que vaia unificando ás forzas de esquerdas que pensamos en chave galega

Na corporación de Cangas hai tres grupos cun corpus teórico moi semellante 

Insisto en que precipitar acontecementos sobre como pode evolucionar a esquerda en Cangas é un erro. O obxectivo ten que ser que o nivel de coincidencia de ACE, AVANTE e BNG no día a día sexa cada vez maior

Ti segues sentíndoche ilusionado coa práctica política?

Eu entendo que o contexto tan grave xa non deixa espazo para falar de ilusión, senón de necesidade

Oes, que pasou na residencia de Aldán?

Unha desgraza, igual que en moitas outras residencias de maiores do país. A consideración dalgo tan humanamente básico como proporcionarlle ás persoas anciás un último contexto vital cómodo, confortable e seguro nos seus últimos anos de vida, como un negocio, como unha forma de lucrarse é a praxe política do PP, e este modo de facer política ten as consecuencias que ten

O resultado das eleccións galegas podería indicar que para o nacionalismo galego, por vez primeira na súa historia, agroma un ciclo que o sitúe nunha situación semellante aos outros países deste estado?

Non é fácil de prognosticar, eu creo que si podería ser así, sempre que haxa altura de miras, xenerosidade e a vontade clara de apertura.

O BNG tivo arredor de 310.000 votos, pero en Galicia non hai 300.000 persoas que se sintan nacionalistas. Como se fai para consolidar e incluso ampliar ese importante segmento social?

Aínda que haxa xente que non se sinta nacionalista, todo o mundo o que si sente é a Galicia, polo tanto eu creo que o que cómpre é ser percibido como unha forza que defenda con coherencia os intereses de Galicia alén dos dereitos das maiorías sociais. Se fai desa maneira , o normal é que ese polo tenda a reforzarse

A fuga do que foi xefe de estado nos últimos 40 anos amosa que a arquitectura do estado español está podre?

Está podre desde o primeiro momento. A min faime moita graza o que di o PSOE de que non se cuestiona a institución senón á persoa. En España non se cuestiona nada, nin a institución nin á persoa. A monarquía española en ningún momento nin denunciou nin se desmarcou dos crimes do franquismo

Rematamos Mariano, como sempre foi un pracer conversar contigo , e cunha última cuestión: ata que a humanidade non estea en condicións de dispor dunha vacina efectiva contra este virus e con posibilidade de ser distribuída de maneira universal, teño a sensación de que nos agardan tempos moi duros, pero o que me parece a min é que unha vez máis, de maneira vergonzosa e criminal, van primar máis os intereses comerciais en facer negocio coa vacina que a vontade de liberar á humanidade desta pesada lousa. Ti que opinas?

Estou de acordo contigo. Esta situación amosa unha vez máis o fracaso estrepitoso do liberalismo económico que sume a unha grande parte da poboación mundial na pobreza e na desesperación .Os disparates de personaxes nocivos para a humanidade como os presidentes de Brasil ou de EEUU son un exemplo evidente do perigo extremo no que o capitalismo voraz levou á civilización humana.