
Victoria Alonso, Viki, é a voceira dos socialistas de Mos, lidera o principal grupo de oposición ao partido popular local e é deputada provincial. Despois dun curso político de enorme intensidade tiñamos gañas de sentarnos con ela para coñecer a súa valoración da actualidade política. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.
“AS PERSOAS QUE DEPOSITARON A SÚA CONFIANZA NOS SOCIALISTAS DE MOS, PODEN ESTAR ABSOLUTAMENTE TRANQUILAS: SOMOS E SEREMOS UNHA ALTERNATIVA SÓLIDA E SOLVENTE AO DESGOBERNO DO PP”
Como che vai a vida Viki?
Ben, pois no que atinxe á miña vida política, que imaxino que é ao que se refire a pregunta pois traballando moito, tanto no concello como na deputación e con moitísima ilusión
Pois estar ilusionada nunhas circunstancias como estas xa ten mérito
Estar ilusionada non é incompatible con que sexa plenamente consciente do momento tan sumamente complexo que vive a sociedade galega e de que estea firmemente comprometida , desde a máis absoluta humildade, en pór o mellor de min mesma para contribuír a superalo
Ti es deputada provincial de cultura, vaia situación máis horrible pola que atravesa o sector..
E tanto que si. Eu creo que as administracións debemos de multiplicar os esforzos e o noso compromiso co sector para apoialo, para minimizar o tremendo impacto que están a padecer. Todo o contrario que fai o concello de Mos, que aproveita a pandemia sanitaria para desentenderse deles e deixalos á súa sorte. É o típico modus operandi do PP ante as crises: sálvese quen poida. De feito no verán o concello non vai facer nada, pero nada en absoluto
Nin sequera ofrecer algunha liña de axuda para o sector cultural que ten o seu modo de vida tan limitado cando non pechado?
Nós pedimos que o Concello ofrecese algunha liña de axudas para autónomos e pequenos empresarios de Mos, e a resposta foi moi clara: Non
O grupo municipal do PSOE acaba de ter unha ruptura pois unha concelleira pasou a ser non adscrita. Por que?
É unha decisión persoal que tomou esa concelleira, que está no seu dereito de conservar a acta, aínda que este tipo de actuacións eu non as comparto.
No pleno no que anunciou a súa decisión manifestou graves acusacións contra o grupo municipal socialista e afirmou sentirse marxinada
Non vou entrar nese tipo de debate. Nós non marxinamos a ninguén e o ambiente da agrupación local é excepcional, de comodidade e de traballo leal.
Cal é a situación económica do Concello de Mos?
Neste ano xa van arredor de 2.000.000€ de facturas impagadas que levaron a recoñecemento extraxudicial de crédito. A xestión é pésima analícese desde o prisma que se analice. E ultimamente nos estamos a decatar dunha práctica peculiar, que consiste en pagar gastos que non están en partidas orzamentarias e non pagar os que si están.
A pleno, no ordinario de xullo, levaron máis de millón e medio de facturas que estaban fóra do orzamento. A liquidación do ano 19, que levaron ao pleno de xullo tiña os informes da intervención de bastante antes das autonómicas, por que a levan ao pleno de xullo, despois das eleccións?
Por outra parte a regra de gasto do anterior Plan Económico incumpriuse, e non queda outra que facer un plan novo, os informes de intervención referentes a evitar os gastos que non sexan estritamente necesarios incúmprese sistematicamente. En definitiva a xestión económica deste concello, mírese como se mire, é desastrosa.
Sénteste cómoda exercendo a oposición?
Eu, como non podía ser doutro modo, estou onde me puxeron os votos das veciñas e veciños e exerzo a miña labor con orgullo, responsabilidade e da mellor maneira que podo e sei. Porén, facer política neste concello non é fácil pois a alcaldesa trata de disimular a súa carencia argumental con agresividade, ao modo Cayetana Álvarez de Toledo, e converte os plenos en exercicios de crispación nos que é moi complexo facer política construtiva. Por outra banda as súas deficiencias democráticas son notorias, cando algo non lle gusta retírache a palabra e punto. E non creas que iso o fai só coa oposición, cando algún compañeiro seu fala algo que non lle gusta córtalle de contado. Quero dicir tamén que as persoas que depositaron a súa confianza no PSOE de Mos, poden estar absolutamente tranquilas porque a nosa alternativa ao desgoberno popular é sólida solvente e coa vontade inequívoca de que, nas vindeiras municipais, Mos teña o cambio político que precisa e merece.
E como deputada provincial estás cómoda?
Si. A maneira de dirixir a administración provincial é moi diferente a como se fai no noso concello. Na DEP poderase acertar ou equivocarnos pero a vontade é de tratar a todos por igual con equidade e xustiza
Ben, algún alcalde e alcaldesa do PP non di o mesmo
Estou segura de que o que din en público non é o mesmo que o que pensan, xa que na DEP trátase a todos por igual e iso non é cuestionable obxectivamente.
O mes pasado a AVV da Portela de Tameiga manifestou na Peneira que non eran recibidos polo goberno municipal
É que este goberno trata de maneira diferente aos veciños segundo os perciba como os seus simpatizantes ou non. Unha auténtica vergonza vaia. De feito recibe a veciños de Vilar, en Redondela, acompañados pola voceira do PP de Redondela, e non o fai con esa asociación que mencionas. Ese tipo de prácticas son intolerables
Como vai o asunto do Celta?
Nós presentamos unha moción pedindo a retirada do proxecto pois entendemos que cos informes desfavorables que existen non ten cabida
E o seu resultado?
Nin a levou a pleno. As obras de Pereiras seguen avanzando e o de Tameiga, a ver como evoluciona, pois a única vía que ten é a expropiación. Teño a sensación de que o asunto Tameiga resolverase vía xudicial, non vexo outra saída
Vaia decepción o resultado das autonómicas?
Si, a verdade é que non era o que esperabamos. Toca reflexionar e traballar máis e mellor para conectar coas maiorías sociais de Galicia e dar a coñecer o noso proxecto para solucionar os moitos problemas que a xestión do PP xerou na nosa comunidade autónoma
O futuro de Gonzalo Caballero?
El é o noso Secretario Xeral, e o seu futuro é cousa súa
Ti avalas a xestión da executiva do PSdeG?
Si.
Eu xa levo uns aniños neste mundo, Viki, e tradicionalmente a vida interna do PSdeG non se caracterizou pola placidez
Pois a miña percepción é que a vontade maioritaria da militancia é a unidade , a cohesión e a consideración clarísima de que o adversario é a dereita. En Pontevedra, que é o que eu coñezo, a saúde interna do PSdeG é moi sólida. De feito os resultados de Pontevedra foron razoablemente satisfactorios
Entón podes dicir que David Regades e o seu equipo fixeron todo o que puideron para que Gonzalo Caballero gañara as eleccións autonómicas?
Si, rotundamente si, sen o menor aceno de dúbida, si.
Rematamos Viki, non podo deixar de preguntarche pola fuxida do que foi xefe do estado nos últimos 40 anos e de amosarche a miña decepción pola posición tan timorata e ambigua do partido socialista
Hai un importantísimo segmento da poboación, que está cómoda coa actual arquitectura do estado
Estou de acordo, pero tamén os hai, e cada vez máis, que non o están
Son absolutamente consciente
Non é posible cuantificar pero que o debate está na sociedade de maneira moi intensa é incuestionable, entón, por que non preguntar o que nunca se preguntou?
Supoño que algunha vez haberá que facelo