
Tino Lago
Nun lugar de Galicia, de cuxo nome non me quero acordar, un alcalde histrión, con ínfulas de pequeno ditador, acaba de ofrecerse voluntario para ir combater á guerra de Ukraina. E si, un onagro político como ese alcalde, ten maioría absoluta. Ás veces , moitas veces diría eu, a vida non é xusta e concédelle premios, que non merecen, a quen baixo a aparencia de políticos que veñen a achegar aires novos non son máis que monicreques que pasan pola xestión pública para satisfacer infantís pulsións narcisistas ou, o que é peor, para gañar a vida folgadamente a costa de empobrecer a dos seus veciños e veciñas. Mos é un deses concellos nos que a xustiza e a política camiñan por sendas diferentes. O seu goberno é nefasto. E a súa alcaldesa é unha política nefasta en grado superlativo. O seu modus operandi é o cancro que leva padecendo Galicia desde a noite dos tempos; a bipolarización da sociedade en amigos, os que están con eles, e inimigos,os que non o están. Cando pase á historia, que pasará, porque todo ten un principio e un final, pasará ao lado máis negro da historia da política. Non só o goberno, senón todos aqueles que contribuíron, todos aqueles que se beneficiaron, todos aqueles que miraron a outro lado, e todos aqueles que fixeron o ridículo. E cando pase á historia, que pasará, porque todo ten un principio e un final, Gustavo será unha das persoas que terán un papel relevante na conformación dunha alternativa política decente. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.
“O BNG é unha forza de goberno e sempre aspira a gobernar. E Mos non é ningunha excepción”
A última vez que falamos estabas moi satisfeito de como marchaban as cousas no BNG pois estabades nunha fase na que bastante xente , incluso xente nova, se achegaba á organización .Estades na mesma liña?
Si, malia as difíciles circunstancias que provocou a pandemia no que se refire ao contacto directo coa veciñanza, a ilusión que provoca o BNG en todo o país dáse tamén en Mos e notamos que moita xente se achega. Incluso xente moza, algo que me enche de satisfacción
A falta de alternativas laborais para que a mocidade galega poida desenvolver un proxecto vital nos seus lugares de orixe é , por desgraza, unha constante. Notádelo na mocidade mosense?
E tanto que si. Notámolo na propia militancia do BNG local, pois distintos compañeiros e compañeiras teñen que buscarse a vida fóra de Mos
Este mandado estreácheste na política orgánica. Como valoras a túa primeira experiencia como concelleiro?
A política, concibida non como unha profesión senón como un servizo público, enténdoa como unha das partes máis nobres do ser humano pois implica sacrificar parte da túa vida persoal co obxectivo final de contribuír ao ben común. Porén, no concello de Mos encontreime coa parte máis desagradable da política
En que consiste?
En insultos, en alusións persoais, en faltas de respecto e en críticas desmesuradas ás meras propostas.
Esa parte desagradable que mencionas de onde ven?
Do goberno en xeral e da alcaldesa en particular. Afortunadamente Mos non é só o seu goberno. Estes anos servíronme tamén de aprendizaxe e coñecín en profundidade o tecido asociativo do noso pobo. E creme, hai un Mos vivo, un Mos digno, un Mos que pelexa día a día para poder vivir con normalidade. E esa parte da política é moi gratificante. Dáme azos para seguir porque Mos merece moito máis que o goberno que ten
Que pasou cos regalos de reis?
O concello de Mos publicou nas súas redes sociais unha nota, con imaxes penduradas, na que comentaba que os reis magos visitaron o concello para entregarlle agasallos aos nenos e nenas que son usuarios dos servizos sociais. Nas imaxes as crianzas saían de costas pero sen ningún tipo de filtro. E calquera que coñeza aos nenos pode identificalos. O que fixeron foi sinalar publicamente a nenos e a nenas. Considéroo intolerable e motivo suficiente para que dimita a concelleira responsable.
Canto lle custou a volta ciclista ao concello de Mos?
O que sei é que entraron dúas facturas de 25.000€ cada unha, da empresa organizadora do evento. Iso foi o que cobrou a organización. Os gastos asociados ao propio acto descoñézoos. Van aparecendo de cando en vez algunha factura pero o importe total non o sabemos pois malia telo preguntado no pleno a alcaldesa négase a contestar.
Pero a alcaldesa está obrigada a contestar en pleno as preguntas da oposición. Na mesma sesión se se formulan por escrito con 24 horas de antelación, ou na sesión seguinte se non se fai así. Como é iso de que se nega a contestar?
Pois lévoo preguntado nos tres últimos plenos, decembro xaneiro e febreiro e aínda non obtiven resposta. Incluso neste último chegoume dicir que non me contestaba a propósito porque lle cansaba a pregunta. O secretario municipal non cumpre a súa función de garantir que se cumpra a legalidade no desenvolvemento do pleno, e a alcaldesa fai o que lle dá a gana
Ben, falemos das distintas mocións que se presentaron no pleno referentes ao 8M?
Neste último pleno había 3 mocións ao respecto. Unha do PP, outra do concelleiro non adscrito e outra do BNG. Na comisión previa o goberno propuxo unificar as 3 mocións nunha soa. O concelleiro non adscrito aceptou e nós non.
Por que?
Por dous motivos:1) O contido da súa moción era un brinde ao sol.2) Non consideramos oportuno asinar mocións conxuntas sobre a violencia de xénero con quen asina pactos de goberno cunha forza fascista que directamente quere derogar as leis contra a violencia de xénero.
Cal é o motivo que che leva a cualificar como “un brinde ao sol” a moción do PP sobre a violencia de xénero?
A lectura polo miúdo do seu contido. Así, a modo de exemplo hai un punto no que falan de “reforzar o CIM”, pero claro nós presentámoslle emendas ao orzamento o ano pasado pedindo aumentar o gasto no CIM e o goberno negouse. Entón que significa reforzar??. Témome que sexa só significante sen significado. Unha mera propaganda. Todos os cartos que leva o CIM veñen da Xunta. O goberno pon 0€ de fondos propios para o CIM
O concello de Mos compra a liña editorial dos distintos medios de comunicación aos que subvenciona con publicidade institucional?
Si, ao meu entender si. De feito cada vez que lle demandamos que reduza a publicidade institucional a alcaldesa alporízase toda. E nalgún caso van ao tope do que sería o contrato menor, é dicir do que poden outorgar a dedo, dándolles 18.000€ ao ano. Hai medios de comunicación, que reciben cartos do goberno, que reproducen tal cal as notas que lles manda o goberno sen tomarse a molestia de contrastar os datos con ninguén. A min, de todos os medios que reciben cartos do Concello ,en tres anos agás un xornalista de La Voz nunca me chamou ninguén. Nós chegamos a estar máis dun ano sen que o Faro nos sacase nin unha soa nota.
Recentemente estabas detrás dunha faixa protestando polo estado da A55, por que?
As curvas da autovía baixando Puxeiros son perigosísimas. Levamos 30 anos cun problema que por moitos ministros ou ministras de fomento que sempre se comprometen a arranxalo, nunca se arranxa. E o BNG nunca deixa de pelexar polo ben común. Por iso estaba protestando na A55
Como está a situación da cidade deportiva e do proxecto do centro comercial do Celta?
Absolutamente paralizada. No tema de Pereiras pendentes de resolución do TSXG, e no que respecta ao proxecto do centro comercial a miña sensación é que xa está desbotado
A situación económica do concello de Mos como está?
Mal. Sempre se gasta moi por riba do que se ingresa. Por exemplo este mes aprobáronse 1 millón de € en facturas atrasadas. E en moitas ocasións fanse gastos sen sentido como pode ser 1.000 € nunha bandeira xigante que se utilizou na volta ciclista, ou os sinais “de somos Mos”.A situación xeral mellorou algo, pero non por nada que fixera o goberno senón pola axuda do goberno do estado que amplía o prazo de pago de anteriores créditos en 7 anos máis. Este goberno gasta sen ningún sentido. Fíxate, chegáronse a gastar 1.500€ en botellas de licor café para regalos en mandatos anteriores.
Nas municipais do 2.019 había unha pulsión importante que parecía indicar que este goberno ía perder a maioría. Tivo moitísima sorte pois conservouna por pouco máis de 30 votos. Pero a sensación que neste mandato provoca parte da suposta oposición, é moi preocupante. Cres que no 2.023 daranse as circunstancias sociolóxicas adecuadas para que por fin Mos poida ter un goberno diferente?
Eu estou seguro que si. Xa nas municipais do 2.015 foron 60 votos os que lle deron a maioría e nas do 2.019 foron en concreto 39 votos os que lle deron a 9 acta. O proxecto do PP só se basea na propaganda e na pura e dura chapuza. Non achega nada positivo .E confío que nas vindeiras municipais haxa unha maioría que sexa capaz de velo. O da oposición de Mos é paradigmático si, que en dous mandatos teñamos padecido 4 episodios de transfugismo é de traca.
Non tes medo que esa situación poida provocar unha percepción, no votante potencial de esquerdas, de desastre absoluto, de que non hai nada que facer e remate por quedar na casa?
En parte si. Pero teño esperanza de que a xente sexa capaz de percibir que unha organización como o BNG fai un traballo de campo inmenso, presenta mocións constantemente , está sempre a carón da veciñanza …e que nos dea a confianza que, con toda humidade, creo que o noso traballo merece
Cales son as vosas aspiracións realistas para as vindeiras municipais?
O BNG é unha forza de goberno e sempre aspira a gobernar e Mos non é ningunha excepción. Eu confío en que acadaremos unha suba moi importante tanto en votos como en número de actas.