Salceda mergúllase no verán coa ilusión de recuperar a plena normalidade das súas marabillosas festas

Álex Rodríguez Canosa Cultura Salceda

A piques de comezar as festas do Cristo, xunto co Entroido e os Callos, unha das 3 citas máis importantes desta vila da Louriña e que aconsellamos que ninguén deixe de coñecer nós falamos con Alex, o concelleiro de Cultura. El é un rapaz extraordinariamente amable deses cos que dá gusto conversar

Alex Rodríguez Canosa concelleiro de cultura de Salceda

Canto tempo levas no goberno de Salceda?

Entrei no 2019, este é o meu primeiro mandato

Como valoras esta primeira experiencia como concelleiro do teu pobo?

De forma moi positiva. Eu estou moi contento malia que a pandemia fixo en ocasións moi difícil o noso traballo. Obrigounos a reinventarnos constantemente e foi todo un reto si. Pero teño que dicir con orgullo que nós nunca deixamos de programar en ningún momento

Ti formas parte de Movemento Salceda e vós tivestes a alcaldía nos dous primeiros anos de mandato, alcaldía que agora ostenta o partido socialista. Para ti, o cambio de alcaldesa supuxo algún tipo de problema no teu traballo?

Non, para min non supuxo ningún tipo de cambio. A organización, xestión e execución do traballo das miñas áreas lévoas agora igual que as levaba antes.

Cóntame as actividades máis significativas que tedes previstas este verán?

Para min o máis importante deste verán é que semella que imos volver á normalidade pre pandemia e que poderemos novamente gozar das nosas festas en plenitude. E a verdade que o necesitabamos, pois a socialización entre individuos, a festa e a troula é esencial na vida das persoas

As tres festas máis relevantes de Salceda son o Entroido, os Callos e o Cristo. Nestes dous anos pandémicos puideron celebrarse?

O Entroido puidemos facelo no 20 pero non no 21.Este ano puidémolo facer non con normalidade absoluta pero case, e no ano 23 contamos con poder facelo con plena normalidade.

Os callos non se puideron facer en ningún dos dous anos agás algunhas actividades culturais asociadas á propia festa. E o Cristo non parou nunca aínda que se fixo adaptado ás circunstancias e ás normas sanitarias vixentes en cada momento.

Este ano que nos podes contar das festas do Cristo?

Temos previsto que comece na fin de semana do un de xullo con diversas actividades culturais nas rúas , na praza do Concello no parque Aragonta e en outros lugares, ata irmos chegando aos tres días grandes que serán o 16, 17 e 18 de xullo

Como sempre haberá Salcedenses distinguidos e Estourazo?

Si, claro. Tamén volverán as verbenas e os concertos de noite

Pódesnos anticipar quen van ser os salcedenses distinguidos?

Non, iso non o faremos público ata uns días antes. Podo dicirche que son 3 persoas que polo seu bo facer en prol dunha Salceda mellor merecen todo o recoñecemento e cariño do conxunto da veciñanza

O prato forte das actuacións musicais si o podes dicir verdade?

Si, o día grande teremos un espectacular concerto de Ses na praza do Concello

Alén do Cristo o verán de Salceda sempre é , no que a túa área se refire, moi especial non?

O verán de Salceda comeza e remata con dous dos acontecementos máis significativos para toda a nosa veciñanza :O Cristo e os Callos , que este ano temos previsto celebrar na primeira fin de semana de setembro. E no medio temos as marabillosas festas patronais das parroquias, de feito agora temos tres fins de semana seguidas. Primeiro San Xurxo, logo Soutelo e finalmente Picoña tan importantes para a veciñanza desas parroquias

Ti irás a todas claro?

Probablemente si. Xa o facía antes de ser concelleiro coa banda de música de Salceda na que levo moitos anos

Rematamos Alex; o ano próximo hai eleccións municipais, no teu ánimo está repetir na lista de MS?

Ben, ese tipo de cousas levan o seu tempo e o seu ritmo. Teremos que ter os nosos procesos internos para decidirmos candidata ou candidato e o resto de persoas que vaian na lista. Pero como che dixen eu estou moi contento da experiencia, traballar polo ben común do meu pobo é unha honra para min, e se teño a confianza dos meus compañeiros e compañeiras non me importaría repetir