O próximo dous de xullo o departamento de memoria histórica da Deputación de Pontevedra organiza, na parroquia de Moneixas do Concello de Lalín, unha homenaxe aos músicos e músicas que sufriron o terror da negra escuridade do franquismo. O lugar escollido para a celebración é a parroquia natal de Xesús Froiz, un destacado militante do partido galeguista e promotor da agrupación musical “Os Dezas de Moneixas” que seguen existindo na actualidade. Xesús era xornalista de profesión e tiña a música como paixón. El, home sensible e culto, foi, como tantas e tantos, asasinado pola barbarie do nacional catolicismo español. Nós falamos con Montse, técnica de memoria histórica da Deputación e boa amiga desta casa
Montse Fajardo
“A foliada da memoria vai homenaxear a todas as músicas e músicos represaliadas polo franquismo”
Cal é o teu traballo en concreto Montse?
Son técnica do departamento de memoria histórica da Deputación de Pontevedra. Programo actividades relacionadas coa memoria para tratar de espallala pola provincia con perspectiva de país , xénero e clase
Pronto vas andar polas terras do Deza non?
Pois si, así é
E logo cóntanos que vas facer por esa comarca?
Imos a Moneixas para celebrar a Foliada da Memoria que é unha homenaxe a todas as persoas relacionadas coa música tradicional que foron represaliadas polo franquismo: Gaiteiros asasinados, bailadoras que foron humilladas obrigándoas a bailar espidas….O evento organízao o departamento de memoria histórica da Deputación de Pontevedra coa colaboración do concello de Lalín e dos Dezas de Moneixas
Por que en Moneixas?
Por Xesús Froiz
Quen era?
Un dirixente destacado do partido galeguista natural de Lalín. El era un dos promotores de “ Os Dezas de Moneixas”, unha agrupación de gaiteiros de principios de século. El era o seu promotor e levábaos a cada mitin do partido galeguista. Incluso en actos tan importantes como o último mitin que houbo na Estrada con Castelao pedindo o si na votación do estatuto
Xesús Froiz foi represaliado?
Foi asasinado polo fascismo despois do golpe de estado na madrugada do nove de outubro de 1936 na ponte do Regueiro xunto con 5 persoas máis relacionadas coa segunda República. Quixera destacar que “ Os Dezas de Moneixas” seguiron existindo en varias fornadas ata a actualidade
Ah, si, despois do 36?
Si, en dúas etapas; unha nos anos 40 e outra nos anos 60. De feito algún dos integrantes desta última etapa vive e estará con nós en Moneixas
Na actualidade existen?
Si, noutro formato noutra dimensión pero si seguen existindo. Ese foi un dos motivos que nos fixo escoller Moneixas pois pareceunos que representaban moi ben esa semente da que falaba Castelao. Existiu unha sociedade soñada pola súa xeración que aínda está por vir
A que se dedicaba Xesús Froiz?
El era xornalista, cando foi asasinada era moi noviño, só tiña 34 anos
Sabes se deixou algún fillo ou filla?
Si, tiña tres nenas e un bebé, Fernando, que nacera só seis meses antes de que o seu pai fora asasinado
Como se vai artellar o acto?
Vaino conducir Xurxo Souto e queremos que se converta nunha festa tradicional. De feito todo partiu dun taller de Xurxo Souto
Que día é?
O dous de Xullo, comezamos ás 12,00 da mañá cunha alborada que parte do campo da festa e vai ata o souto de chousa da porta, que é o sitio onde se celebra a foliada
E alí abrides non?
Si, as autoridades .En concreto a presidenta da DEP Carmela Siva, a deputada da memoria María Ortega e algún representante do Concello de Lalín
Que representante do Concello de Lalín?
Non o confirmaron aínda pero teño que dicir que pola súa banda houbo unha total colaboración e tamén me gustaría salientar xa non a colaboración senón a profunda implicación de Os Dezas actuais
Despois da apertura veñen as homenaxes?
Si, primeiro ás persoas que foron asasinadas non só desa zona senón a músicos de todo o país como Constante Moreda, Xosé Gómez Abelaida, Manuel Río ( a nai, a muller e a irmán deste último foron rapadas).Tamén imos homenaxear a Pastora e Cándida Cordal , dúas irmás de Cambados que foron obrigadas a bailar espidas e a moitas outras persoas. Houbo moita xente relacionada coa música que sufriu represalias
Cando rematen as homenaxes?
Hai unha sesión vermú coas pandereteiras bouba e logo un xantar de confraternidade a prezos populares. Durante todo o día haberá actividades paralelas como por exemplo unha mostra, organizada pola asociación de gaiteiros e gaiteiras de Galicia, de como se constrúen os instrumentos e traxes tradicionais
E para os cativos e cativas temos algo?
Si, teremos un espazo infantil onde a rapazada poderá facer xogos tradicionais: chave, comba. Pola tarde, despois da comida teremos un espectáculo de viravolta monicreques que porá en escena unha obra de Lorca. Haberá talleres de canto e de baile e xa a última hora da tarde teremos unha homenaxe a esa xeración que a pesar do tempo de terror recuperou a música tradicional. Alí estarán os integrantes máis antigos dos Dezas que hoxe xa andan polas oito décadas de vida. Esta última homenaxe vana protagonizar os músicos actuais que homenaxearán aos seus antecesores. A fin de festa será como unha verbena tradicional, como aquelas que lles furtaron no 36
A asistencia é libre?
Si, pode ir calquera persoa que o desexe. E a Deputación pon a dispor dos grupos grandes que queiran buses de balde desde calquera localidade da provincia .O único requisito é anotarse no correo electrónico memoriahisorica@depo.gal
Que receptividade encontras en liñas xerais na sociedade canto tratas de que se sensibilicen coa memoria histórica?
Moi boa. En moitas ocasións cando pomos en marcha algún acto as prazas que temos dispoñibles esgótanse en moi pouco tempo. Quero dicir que eu podo dedicarme a isto porque hai un compromiso do actual goberno da deputación con este tema
Cando remate a túa relación laboral co DEP tes intención de seguir polos camiños da memoria Montse?
Sempre. Ese camiño rematará cando acabe o meu camiño