Luis Bará deputado do BNG

Luís Bará
Lucía Santos

Moi poucas persoas coñecen a realidade social do país galego tan ben como o deputado Luis Bará .El é un loitador incansable, un camiñante infatigable. Un deses tipos que pagan a pena, e dos que deixan pegada na alma de quen tivemos a fortuna de compartir tempo con el. A primeira semana de setembro achegouse a Marín a defender a necesidade da permanencia das sucursais bancarias. Nós aproveitamos a súa visita para conversar un ratiño con el.

O nacionalismo galego vive un momento histórico. Por primeira vez estamos en disposición de que o obxectivo de gobernar Galiza sexa unha marabillosa realidade a curto prazo”

Como valoras a situación na que se encontra ENCE na actualidade?

A sentenza da AN abre unha nova etapa pero por desgraza o PP está aínda no pasado defendendo que a empresa estea nunha localización ilegal, incluso propoñendo unha modificación da lei para favorecer descaradamente os intereses da empresa

Que se debera facer a xuízo do BNG?

Nós entendemos que a Xunta, que é a que ten as competencias de ordenación do territorio, industria e medio ambiente, a que debe de dar un paso adiante que garanta que haxa un proxecto industrial novo

Con Ence?

Pode ser con Ence ou sen Ence. Nós defendemos a creación dun consorcio público-privado no que participe o sector forestal galego que contemple unha planta de celulosa e tamén unha planta de papel para pechar o ciclo. E mesmo un complexo para transformar os produtos derivados da madeira, pois teñen moita demanda no mercado. Galiza ten unha enorme riqueza forestal pero debe de ser xestionada en chave de país non en función dos intereses dunha multinacional

Que significa, en realidade, o proceso de reflexión que anunciou Ana Pontón?

O nacionalismo galego vive un momento chave. É a primeira vez que o obxectivo de acadarmos a presidencia da Xunta é realizábel. Ana é unha muller intelixente é honesta que sabe que iso é así, pero tamén sabe que non vai ser doado. Xa que logo promover un proceso de reflexión colectiva para que entre todo o BNG, incluído ela mesma, tomemos consciencia da situación e poñamos o mellor de nós para podermos acadar o que sería un fito na historia do pobo galego, que o nacionalismo goberne Galiza, a min paréceme unha posición moi valente e moi honesta pola súa banda. O fácil sería ir a un proceso asembleario soltar un discurso cheo de tópicos e saír reelixida por aclamación. Pero insisto, Ana é moi valente

Existe algún tipo de problema político no Bloque que sexa o detonante deste proceso de reflexión?

Non , a resposta non está na existencia de ningún tipo de problema político interno. Non o hai. O que si existen son debates sobre como debe de afrontar o BNG esta nova etapa, algo normal e enriquecedor nunha organización plural como o BNG. Como che dixen antes a resposta está na necesidade de pensarmos en común cal é o camiño adecuado, para que o que onte era un sono e hoxe é un sono realizable mañá sexa unha realidade marabillosa: que o nacionalismo galego poida gobernar Galiza

E en verdade Luis, cres que é un obxectivo realista a curto medio prazo que o BNG poida disputar a maioría social deste país ao PP?

Si, é realista e realizable. Xa o amosamos en moitos concellos. Así por exemplo podo citar o caso de Pontevedra que eu coñezo ben. Neste concello existía unha percepción que o identificaba coa dereita e que esta realidade era imposible de mudar. E nós xa levamos máis de 20 anos gobernando Pontevedra. Iso mesmo pode pasar en Galiza. É máis eu estou convencido de que o BNG acabará gobernando o noso país. E de aí ese proceso de reflexión do que antes falabamos. É necesario construírmos un proxecto sólido, solvente. É necesario sermos atractivos para a maioría social galega. Só así o sono de Bóveda , de Castelao..e de tantas mulleres e homes que ao longo da historia deron o mellor de si mesmos, ás veces ata a propia vida, na defensa de que sexa o propio pobo galego o que xestione e defenda os intereses do pobo galego poderá converterse nunha luminosa realidade.

Para iso é preciso ensanchar a base social do bloque?

É que é imprescindible. Así o ten manifestado en distintas ocasións Ana Pontón. A reflexión ten que estar encamiñada tamén a sermos capaces de explicar aos galegos e galegas que nunca confiaron en nós, que un goberno nacionalista é o mellor camiño para defender os seus intereses. Neste camiño de facer máis ampla a nosa base eu entendo moi importante a figura de Ana, pois ela pola súa personalidade e pola súas calidades comunicativas ten a capacidade para chegar a segmentos de poboación aos que sempre nos custou moito chegar