Sol Seoane, voceira do BNG de Ponte Caldelas

Iniciamos o ano nas terras de Pontevedra falando con Sol Seoane, voceira municipal do BNG no concello de Ponte Caldelas. Sol defende o carácter colectivo do proxecto político nacionalista con independencia de quen sexan as persoas que transmitan a súa voz en cada momento, e maniféstase esperanzada en que o seu traballo de oposición neste mandato chegue á sociedade local de maneira que lles permita experimentar unha importante suba de apoio popular nas vindeiras eleccións municipais. Ao mesmo tempo critica que o goberno do socialista Andrés Díaz é un goberno populista que non aborda os grandes problemas de Ponte Caldelas. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.

A política do goberno municipal limítase ao populismo e ás papatorias”

Xa levamos un mandato moi avanzado. Como o valora o BNG ?

No que atinxe ao traballo de oposición no PP hai un mutismo e un desleixo absoluto, ata o punto de que nos plenos non fan ningún tipo de preguntas.

A que achacas esta actitude do PP?

Creo que caeron no desánimo por unha banda, e por outra parte penso que tamén obedece a que o seu portavoz Antón Xil está moito máis centrado no seu traballo na biblioteca da Lama ca no labor político.

E no que respecta á acción de goberno?

A súa política baséase no populismo. Céntranse nos eventos e nas papatorias pero esquécense dos grandes problemas estruturais de Ponte Caldelas que están moi mal atendidos.

Cales son eses problemas estruturais?

-A rede de saneamento.

-A falta de vivenda , un problema de enorme gravidade no noso concello. O alcalde publicou nas súas redes sociais que a Xunta ía facer vivenda pública no noso concello, pero non sabemos nada ao respecto.

-Fai falta unha residencia de maiores e non temos noticia algunha de como está ese tema.

-Os asuntos sociais en liñas xerais reciben un tratamento moi deficiente.

Como está ao voso xuízo o conflito da auga con Pontevedra?

O noso concello ten unha débeda dun importe moi elevado co Concello de Pontevedra derivada do abastecemento de auga ao polígono da Reigosa .

Esa débeda é do actual equipo de goberno? ou ven dos anteriores gobernos do PP?

É deste goberno. O alcalde Andrés Díaz non lle paga ao concello de Pontevedra pero si que lle cobra a taxa da auga ás empresas da Reigosa.

Por que se nega a pagar o alcalde?

Porque entende que o prezo é desmedido, pero é un prezo que resulta dun acordo que el mesmo asinou co concello de Pontevedra.

E cal é a pretensión do alcalde?

Que se lle reduza o prezo, e que se lle reduza con efecto retroactivo. O concello de Pontevedra di que non, que pode estar aberto a negociar outro prezo para o futuro pero que a débeda que hai tena que pagar

A posición do BNG cal é?

Que os acordos asinados hai que cumprilos.

Como prevés que se resolva o conflito?

Xa houbo varias xuntanzas sen resultado. Nós pensamos que este asunto vai acabar xudicializado.

Vós recentemente fixestes referencia nas vosas redes a un caso de transfobia contra unha rapaza de Ponte Caldelas. Que pasou exactamente?

Esta moza é unha compañeira nosa do BNG que está a estudar a carreira en Santiago. Ela é natural e veciña de Ponte Caldelas. E recibiu nas redes sociais insultos moi graves alusivos á súa condición de persoa trans. Nós amosamos con claridade a nosa total solidariedade con ela e a condena total e rotunda a todos os episodios de transfobia.

Como está ela? Afectoulle emocionalmente?

Si, si que lle afectou. Pero está moito mellor.

Sobre os despedimentos en NEFAB que ten que dicir o BNG?

Esta é unha empresa da nosa localidade, da zona de Coveliño, que ven de despedir a 6 persoas da quenda de noite. Son 6 veciños nosos que quedan sen traballo e desde o BNG expresamos a nosa solidariedade con eles e esiximos a implicación de todas as administracións para buscar unha solución a esta grave situación.

Como quedou o tema das obras de Codisoil na Reigosa?

Nós presentamos unha proposta no pleno para que paralizaran esas obras porque non cumprían os requisitos necesarios. Nun principio contéstannos no pleno que non era posible. Pero pasado un certo período de tempo vemos como si se paralizaron esas obras. De momento están paralizadas e pendentes da resolución da Xunta.

Consideras que as distintas administracións fixeron o necesario para que cando se volvan dar crecidas do río non se repitan as consecuencias tan graves, que levaron por exemplo a inutilizar o campo de fútbol do Ponte Caldelas?

Non, de ningunha maneira. Cando cadre outro inverno con chuvias moi fortes esa situación pode repetirse en calquera momento.

O proxecto eólico na Serra da Fracha acabará por anularse?

Agardo que si. Eu non sei como se resolverá esa cuestión, pero o que teño claro é que a presión veciñal é o camiño máis adecuado para que se resolva de maneira positiva, é dicir que se anule.

Ao inicio da conversa pedinche unha valoración política do mandato e así o fixeches co PP e co goberno do PSOE, pero faltouche o BNG?

Ben, o BNG de Ponte Caldelas non é diferente a calquera a agrupación local do bloque en calquera localidade do país: somos un proxecto colectivo firmemente chantado na realidade social do pobo galego e absolutamente comprometidos co ben común. No proxecto nacionalista os individuos en concreto somos conxunturais, o relevante é o proxecto en si. Hoxe estamos nós pero mañá poden estar outras persoas, dá igual.

No que respecta ao noso traballo, nós procuramos exercer o noso labor de oposición con rigor e responsabilidade sempre a carón das necesidades da veciñanza, nun contexto difícil de maioría absoluta do PSOE. Estou segura que así vai seguir sendo no futuro leve quen leve o timón do BNG local. Tamén estou segura de que hai unha profunda onde de simpatía na sociedade local cara ao noso traballo e nas eleccións do 27 imos experimentar unha grande suba en apoio popular.

Primer comentario

Deixa a túa opinión