No último pleno celebrado neste Concello a oposición de A Lama denunciaba a adxudicación, por parte do Concello, dunha obra subvencionada á empresa dun dos concelleiros do goberno. Os concelleiros de UCIN, Carlos Riveiro, e de IPR, Pepe Ogando denuncian que eles consideran unha cacicada e demandan a dimisión do alcalde , David Carrera( PP) e do concelleiro, Andrés Cal, propietario da empresa adxudicataria. No caso de que as dimisións non se produzan afirman ter a intención de acudir á fiscalía. Pola contra alcalde manifesta que non houbo mala fe, que se tratou dun erro e que polo tanto non hai motivo algún para que presente a súa dimisión. Nós falamos coa oposición
Carlos Riveiro xefe da oposición do concello de A Lama.
“Se o alcalde non dimite imos levar este asunto á fiscalía. Non podemos permitir este tipo de cacicadas”
Ano e medio despois do último proceso electoral cal é a túa valoración política do actual mandato no voso Concello?
Non é que tiveramos unhas expectativas moi elevadas pero a cousa está peor do que esperabamos.
Por que?
Por que o caciquismo non desapareceu, é máis empeorou, e porque non se abordan os problemas reais que padece este concello e que requiren atención inmediata. É moi duro dicir isto pero con este alcalde as cousas están peor que co anterior. Neste momento a situación do concello de A Lama é de total e absoluta parálise.
Cales son eses problemas reais que ao teu xuízo requiren atención inmediata?
O despoboamento é un mal endémico do noso pobo. A xente vaise porque carece de servizos necesarios e de oportunidades laborais suficientes para poder desenvolver un proxecto de vida na Lama. E para que iso aconteza é preciso que exista actividade económica, e non poderá existir mentres non existan locais comerciais adecuados para podela executar.
E non existen eses locais?
Non, é un problema gravísimo. Agora mesmo non temos ningún local a dispor de ninguén. Pequenos empresarios e autónomos están a montar negocios nos concellos veciños porque na Lama non teñen locais para podelo facer, e calquera goberno municipal responsable o que tería que facer é pórlle remedio de contado a esta situación.
Cónstache algún caso no que se producira esa situación que describes?
Pois si, cónstanme varios. Por exemplo sei dunha lavandería que tivo que se ir a Soutelo, ou unha asesoría que tivo que facer o propio e instalarse en Fornelos de Montes. E en vez de abordar con valentía e decisión este e outros problemas tan graves o que fan é algo investir máis de 300.000€ para reformar unha rúa na alameda, algo que era absolutamente innecesario.
Como está o tema da vivenda?.Se alguén quere mudarse á Lama tería un parque de vivendas suficiente para poder mercar ou alugar?
Malia que se rehabilitaron as casas dos mestres, o estado do parque de vivendas na Lama segue a ser absolutamente insuficiente para que a xente se poida achegar a vivir na Lama. Por desgraza acontece o fenómeno contrario: a xente non ven, a xente marcha.
Seguimos perdendo habitantes?
Si, é terrible pero si. E unha parte da solución témola ao lado pois no concello de Ponte Caldelas demándanse vivendas para a xente que quere vivir alí, e nós estamos a 3 minutos de coche dese concello e poderiamos desenvolver unha política de construción de vivendas para colaborarmos con eles. Pero, insisto en que a parálise é unha grave enfermidade que padece o noso goberno.
Ben, falemos do tema da presunta adxudicación dunha obra do Concello á empresa propiedade dun dos concelleiros. Explícanos a túa visión dese caso?
Nós temos pleno unha vez cada dous meses. Neses plenos dannos conta dos decretos, máis ben “decretazos” da alcaldía, e poucos días antes de cada pleno recibimos da orde de 70/80 decretos sen darnos tempo a podemos examinalos en profundidade.
É revisando estes decretos cando me atopo coa adxudicación dunha obra menor á empresa dun concelleiro do actual goberno.
Nunhas recentes declaracións en La Voz de Galicia o alcalde di que “ foi un erro”.Ao teu xuízo foi un erro ou foi deliberado?
Foi totalmente deliberado. Nesas declaracións que mencionas incluso, o alcalde, trata de derivar a responsabilidade aos funcionarios como se eles non souberan que a empresa adxudicataria era de quen era.
E son os funcionarios os que teñen a responsabilidade?
Iso non é verdade. É máis, é unha grande mentira. Outra mentira que refire é que é o propio interesado o que contrata a obra.
Non é verdade?
Baixo ningún concepto. A obra é adxudicada polo concello. O interesado o que si fai, e faino ben, é levar a documentación precisa para pedir a subvención de infravivenda.
Pedistes na dimisión do alcalde, e afirmas que se non se produce, que evidentemente non se vai producir, ides levar o asunto á fiscalía. Segues na mesma posición?
Si, por suposto que si. Non podemos permitir este tipo de cacicadas. Se cadra é que están afeitos a funcionar desa maneira, pero que teñan moi claro que a nosa oposición vai fiscalizar absolutamente todo.
