OS MÁRTIRES DE CABREIRA
Vai alá ben preto de dous lustros, quen isto escribe, comezou neste Concello á procura de datos sobre persoas, represaliadas, asasinadas, espoliadas, etc. e dos seus verdugos, como consecuencia do golpe de estado de 1936. Son moitos, moitos máis dos que parece, xa irán saíndo pouco a pouco.
Como non pode ser doutro xeito, un dos lugares de obrigada visita foi o Xulgado de Paz. Alí, coa inestimable colaboración do funcionario xa xubilado, do que lamento non lembrar seu nome, fun pescudando os libros onde se podían obter datos. Así foi como atopei, entre outros, eses cinco homes soterrados a carón da igrexa da ferigresía de Cabreira, concello de Salvaterra de Miño.
Coñecía o caso dende aquela mañá cedo, comezo da década dos 70, que acompañando a meu pai co carro das vacas en dirección a Cabreira, este díxome antes de virar a última curva, ¡rapaz!, aí nese lugar, na madrugada do 18 de Outubro do ano 1936 (contaba el 16 anos) atopeime con cinco homes mortos, ¡ben!, un aínda se movía algo, e eu co medo saín de alí as presas.
Volvendo o Xulgado de Paz, alí souben que antes ca min outra persoa pescudara os mesmos datos, tratábase do historiador e escritor Xosé Ramón Paz Antón. Traballaba eu entón baixo o paraugas da Asociación Cultural Lazoiro, e baixo esa entidade fixemos por primeira vez en Salvaterra unha exposición os días 21, 22 e 23 de Outubro do 2016, no espazo das chamadas “Minas”, (restos dos tempos da guerra da independencia de Portugal século XVII), por certo coa intervención do citado Xosé Ramón e do, entón Presidente da Real Academia Galega Don Xesús Alonso Montero. Esta exposición ía encamiñada a sacar do esquecemento precisamente a moitas desas vítimas entre as que se encontraban “os cinco de Cabreira”.
Continuamos traballando e investigado e aínda non rematamos, falta moito por facer. Convocamos unha charla informativa tempo despois, e así, coa súa presenza, entramos en contacto coa Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica a que non tardamos en adherirnos.
Traballamos incansablemente para lograr a transformación dunha fonte, fronte a praza de abastos, que non era máis que un monumento franquista, até lograr a un Espazo da Memoria adicado por certo a TÓDALAS vítimas do golpe de Estado. Traballamos tamén sen descanso até lograr colocar un monumento en lembranza dos cinco asasinados, soterrados en Cabreira. En ámbolos casos hai que recoñecer e agradecer a colaboración do concello de Salvaterra polas facilidades prestadas.
Nestas medias, a ocorrencia do compañeiro de loitas Ángel López Méndez, de publicar un artigo sobre o caso de Cabreira na Nova Peneira, trouxo consigo a feliz lectura en terras do Morrazo do citado artigo que levou consigo, nada menos, que a case casar “os cinco de Cabreira” con dúas señoras nonaxenarias de Moaña vivas, que teñen unha moi alta probabilidade de ser fillas de algúns dos cinco, que asemade, estarían emparentados entre si.
Chegados a esta altura, por fin, seica o día 11 de Novembro van dar comezo o traballos de exhumación. Cóntase con fondos dados polo Ministerio da Memoria, BOE 18/10/2024.
É de referencia obrigada o artigo publicado na Nova Peneira do 05/02/2024, polo membro Directivo da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e A Louriña, Don Ángel López Méndez.
Salvaterra de Miño, 19 de Outubro do 2024
Segundo pola esquerda Fernando Serrulla, Forense, Helena Pousa Presidenta Asociación M. H.,
Primer comentario