De novo a xustiza no punto de mira, no centro da cuestión e da realidade. Seica á señora Cristina Cifuentes, aquela de Madrid, presidenta da comunidade entre o 2015 e 2018, grande responsable de áreas e servizos públicos, mesmo corruptora especialista en furtos aos supermercados, cousas das cremas, amén de oportuna conseguidora de másteres e outros favores das universidades do embigo estatal. Pois ademais de tentar o xornalismo como faladora-presentadora de sobremesas, quedou exonerada, seica por falta de probas -a quen se lle conte- de falsificar o traballo fin de máster. Iso si, encontraron culpables a quen lles vai pesar ter nada que ver coa señora Cifuentes. Din que as sospeitas non son probas, algo moi certo, pero de aí a liberala da culpa cando ela é a máis interesada e dubida das súas propias credencias, precisamente por ser a que protagoniza a falsificación en tentativa e ameaza, habería un longo treito. A xustiza anda de rebaixas e produce un proído de fartura, de cansazo e desconfianza. E sen xustiza, pouco queda por facer. Dedúcense moi doadamente os vínculos do partido ao que pertenceu coa xudicatura, cos entes supremos onde se manexan os fíos e manipulan sentenzas. Mal asunto, están de lixo até as orellas e por riba non dá conciliado as mentiras previas e as que contaron outros amigos para amparala. O fedor é tal que xa non lles cremos, perderon o creto e capacidade de nos dar acougo. Seica tamén, lle serviu de atenuante a confesión e o medo insuperable que lle fixo “colaborar” coa xustiza. Dixo que ela, non sabía nada e que condenaran ás culpables da desfeita. Era un máster en dereito autonómico, cheo de irregularidades e ela non sabía nada. Ninguén daquel curso a coñecía nin sabía que estaba matriculada. Porque non asistiu nin estivo, claro. Por riba argumentan que non se lle viu a man, que non se proba ningunha actuación directa. Manda truco, e o título expedido estaba precisamente ao seu nome! Ela que foi exemplo de xestión, segundo o partido, e referente de actuacións públicas e agora esconde a man! Menos mal que hai o vídeo de cando mangou as cremas senón estaría nos altares e dando indulxencias!
Todo isto vén a conto dos efectos que estas cousas do compadreo traen á sociedade, provocan unha fonda desesperación e desacougo. Tamén se suma a tristura do espectáculo, denota que están collidos polas partes máis vulnerables, que son capaces de todo por mentir e ocultar, que a xustiza segue a ser barata, tirada de prezo para os de sempre. Pero o peor é a vergoña que, a min e a moita xente, producen estes asuntos de compra-venda de títulos formativos. Sobre todo cando exercemos a docencia. Novamente quedan impunes este tipo de delitos. Así non hai principios, nin honra. Sen xustiza matan a esperanza e calquera traza de mellora, de dignidade, de responsabilidade, de confianza. Alá van os consellos que demos nas aulas, que facían referencia ao esforzo e o mérito da honestidade para acadar máis coñecemento, mesmo soños.
Novamente unha xustiza inxusta, novamente a trampa, o escapismo. Un sentimento de vergoña e de indignación me percorre de abaixo arriba á sociedade. Como poderá aprender a xuventude no medio destes exemplos? Que autoridade queda diante destes erros que benefician sempre aos tramposos e que non culpan a quen se arrogou o beneficio? Mal, moi mal polos que tendo probas negáronse a crelas, pasaron delas, e moi mal o exemplo transmitido. Non chega con abandonar a sede, nin con separarse aparentemente daquela xente e algúns casos de corrupción. Habería que dar un golpe moi forte na mesa e, despois de independizar aos xuíces, anunciar unha suma de vontades para que a Xustiza volvese ganar o dereito de escribirse con maiúscula.
Que a ninguén estrañen, xa que logo, os actos violentos e disturbios con feridos e detencións, con réplicas en distintas cidades e vilas que concentran grande inestabilidade social, derivada do paro, da precariedade en todo, do confinamento e do ingreso en prisión dun cantor-rapeiro, Hasel, a quen se lle acusa de enaltecemento de terrorismo, reincidencia, inxurias e calumnias á coroa e aos corpos de seguridade do Estado. Puf, case non caben as palabras no delito. En realidade creo que cantou e vociferou, mesmo calumniou, mais a pobre sensación tan desproporcionada vénnos dicir que hai moito que roer, que teñen moito que mudar, que se quedaron moi atrás e mesmo cheiran a aquel pasado rancio de outrora, no que a xustiza delinquía co poder, negándonos o porvir.