Elena é destas mozas coas que podes estar un montón de meses sen falar, pero cando volves sentar con ela a compartir unha caña, e uns momentos de conversa, tes a sensación de que nada mudou, de que todo segue igual e é como se tiveramos estado xuntos o día anterior, pois o seu carácter faille crear de contado ambientes cálidos e cómodos nos que resulta difícil decatarse do paso do tempo. Elena ten a concesión de dous locais fermosos, en dous espazos máxicos: a praia de Deilán en Vilaboa, e a beira do río Verdugo en Ponte Caldelas. Pronto comezarán a temporada de verán e nós conversamos con ela para que nos contara como a vai afrontar nestes complicados tempos de pandemia.
“ESTOU ABSOLUTAMENTE NAMORADA DOS DOUS ESPAZOS NOS QUE TRABALLO”
Este vai ser o teu terceiro ano en Vilaboa e o segundo en Ponte Caldelas. E se non recordo mal, a nova de que eras gañadora da concesión de Ponte Caldelas déroncha moi pouquiño antes de que comezase o confinamento?
Pois si, recordas perfectamente pois foi xusto tres días antes se sermos confinadas e confinados.
Pois vaia valor que lle botaches?
Non teño aínda moi claro se foi valor ou se foi inconsciencia.
E agora se puidese volver a vista atrás, farías o mesmo?
Si, rotundamente si. Eu que me coñezo bastante ben a min mesma, sei que se non o tivera feito acabaríame arrepentindo. Só temos unha vida e eu son das que creo que debe de ser vivida con intensidade. Ás veces arriscamos e as cousas saen mal, e tamén nos serve para aprender. Pero cando arriscamos e sae ben, é marabilloso, é das cousas que fan que a vida pague a pena ser vivida.
Cando falamos o ano pasado aínda non abriras en Ponte Caldelas e recordo que valorabas moi positivamente o teu primeiro ano en Vilaboa. Agora con dous anos nun e cun ano noutro, e despois dun ano tan complicado, cal é a túa valoración de ambas propostas?
A valoración é mellor cá do primeiro ano.
Caramba que ben. Pero non foi un ano difícil?
Dificilísimo claro que si. Tivemos que convivir cunhas circunstancias inimaxinables. Se nos tiveran contado no ano 2019 o que ía pasar a partir de marzo do 2020 non nolo creriamos. Pero pasou. E fíxate Tino ; eu creo que nas circunstancias difíciles vese o mellor e o peor do ser humano. Eu, no meu negocio tiven a fortuna de poder convivir co mellor, de poder coñecer a un equipo de compañeiras e compañeiros marabillosos, a uns provedores marabillosos, a uns músicos marabillosos , e a una clientes, que máis que clientes son xa parte de min. Son os meus amigos. Grazas a enorme calidade humana de todas e todos eles podo dicir con rotundidade que a miña valoración de Deilán Praia e de Ponte Caldelas Praia 2020 é estupenda.
Canto tempo están abertos os dous locais?
Catro meses, desde principios de xuño ata finais de setembro. Abrimos os 7 días da semana. Entre semana abrimos ás 4 da tarde e se non hai restricións horarias estaremos ata a s 12.00 da noite. E as fins de semana estaremos de 12.00 da mañá ata cerre.
Notaches que a pandemia produciu algún tipo de diferencia nos hábitos de consumo dos clientes?
Si, notei diferencias notables. As limitacións da interacción social fan que o consumo de alcohol sexa moito menor e o de cafés fose moto maior.
Vaia que curioso e que interesante Elena. Entón da túa experiencia case se pode deducir que o feito de tomar copas prodúcese máis como unha vía para relacionarse socialmente que polo propio consumo en si?
Pois polo que observei este ano case diría que é así. Xa che digo Tino, ao ter enormemente limitadas as posibilidades de interacción social (non se podía consumir en barra, non se podía consumir de pé, non se podía bailar…) as copas que vendín foron inmensamente menores que no 2019. Polo contrario o consumo de cafés aumentou substancialmente.
As medidas de precaución sanitaria incidiron en que tiveras que contratar máis, ou menos persoal?
Si, si que incidiron pois foi necesario contratar mais persoal xa que ao ter que separar as mesas cun espazo maior entre elas pois a distancia a percorrer ao longo do día facíase inmensa, e manter un ritmo intenso tantas horas coa máscara posta é moi difícil, co que non me quedou outra que contratar máis persoal para atender a menos xente claro…
Os concertos foron a alma de Deilán Praia no 2019. E no 2020?
Os concertos foron a nosa alma, son a nosa alma e seguirán sendo a nosa alma. Así foi en Vilaboa, en Ponte Caldelas non foi posible, polas circunstancias sanitarias, pero este ano teño a esperanza de que si poida ser. De feito o ano pasado fixemos de media dous concertos á semana. E este ano a miña ilusión e multiplicala por dous. Temos unha cantidade de talento ao noso carón impresionante, que non son valorados no que se merecen.
Que tipo de grupos musicais tes previsto traer?
Quero ter de moitos estilos e de características moi variadas para dar satisfacción a todo tipo de gustos.
Que tal o trato coas dúas administracións municipais, Vilaboa e Ponte Caldelas?
Ben antes que nada quero dicir que para min foi unha mágoa a dimisión de KiKo, o anterior alcalde de Vilaboa pois quixera destacar a súa enorme calidade humana. Eu estou contenta con ambas administracións. Se cadra foi un pouco diferente porque en Vilaboa xa me coñecían e saben que son unha muller moi responsable e en Ponte Caldelas digamos que fixo falta un proceso de coñecemento mutuo, pero ben. En liñas xerais moi ben coas dúas administracións.
Antes falabas de que estabas moi satisfeita con todo o contexto que permitiu o funcionamento de Deilán. Fálanos dos perfís do equipo que te acompaña?
Ben. Eu conto con que este ano sexamos entre sei e sete persoas o equipo de traballo de ambos locais. O perfil das miñas compañeiras e compañeiros é diferente, por unha banda acompáñanme contrastados profesionais da hostalaría e pola outra xente moi nova que comeza a súa relación co mundo laboral.
Quen son os rapaces novos?
Un mozo, Rubén, e unha moza, María. Dúas persoas encantadoras coas que foi un pracer para min compartir espazo. Ambos teñen a habilidade de inxectarche a frescura da mocidade e en verdade merecen todo o bo que lles poida pasar nas súas vidas.
E os que xa son un pouquiño máis veteráns?
Dúas mulleres Tamara e Sonia, e un home Marcos. Os tres, son profesionais sobresaíntes e matrícula de honra como seres humanos.
Acabamos Elena; recordo que o ano pasado dixérasme que estabas namorada dos dous espazos nos que traballas, tanto o de Vilaboa como o de Ponte Caldelas. Manter o amor ao longo do tempo non é fácil. Ti segues namorada de ambos espazos?
Eu si. Ambos representan a beleza tan inmensa da nosa Galicia en grao superlativo. Son a inmensidade mar, a tenrura da praia, a frescura do bosque, a dozura do río. E a luz e a cor en todos os momentos. Son o acubillo perfecto para vivir a maxia do acougo e a felicidade que supón a compañía das persoas que queremos e que nos queren.