A distribución aritmética da corporación municipal de A Lama parece indicar que este é un concello cunha incontestable maioría do PP, pois os conservadores gozan dunha cómoda maioría absoluta de 7 asentos fronte aos 4 do resto de forzas da oposición( 2 UCIN, 1 IPR 1 PSOE).Porén, unha lectura algo máis profunda da aritmética municipal revela que isto non é así. En realidade a sociedade de A Lama está fortemente polarizada, e o cambio político é perfectamente posible. Vexamos os resultados das municipais do 2023
| VOTOS PP | VOTOS UCIN | VOTOS IPR | VOTOS PSOE | VOTOS BNG | TOTAL OPOSICIÓN |
| 814 | 251 | 202 | 152 | 66 | 671 |
Só son 143 os votos que hai de diferencia entre os partidarios de que o PP continúe no goberno de A Lama, e os que consideran necesario un novo goberno que poña fin ao nepotismo caciquil de quen leva toda a vida gobernando este pobo. E tendo en conta que no último proceso electoral municipal foron 735 os veciños e veciñas de A Lama que optaron pola abstención, podemos afirmar con certeza que a derrota do PP é máis que probable se se dan as condicións seguintes:
1) A oposición non pode ir tan atomizada. Non é posible gañar se no 2027 volven ser 4 as forzas de oposición que se presentan ás eleccións cunha mensaxe moi semellante cando non a todas luces idéntica.
2) É necesario artellar unha alternativa sólida, solvente que confronte co PP cunha mensaxe realista de rexeneración ética, de acabar con todo tipo de nepotismo, de tratar a toda a veciñanza por igual con independencia de como pense e de gobernar pensando no ben común, non en favorecer aos amigos e marxinar aos que non son amigos. E é necesario artellala xa para que cando cheguen as vindeiras eleccións estea claramente identificada pola veciñanza.
Nós conversamos con Carlos Rivero, líder da oposición deste concello
Carlos Rivero xefe da oposición do concello de A Lama.
“ A alcaldía de David Carrera mantén a A Lama na máis absoluta parálise”
Como valoras a acción do goberno na primeira metade deste mandato, e a túa experiencia como xefe da oposición do Concello?
A definición máis apropiada da alcaldía de David Carrera é: parálise. Temos un goberno que mantén ao noso pobo total e absolutamente paralizado, e a un alcalde que defraudou completamente as expectativas que había na súa persoa, ata o punto de que empeora claramente ao alcalde anterior.
Eu trato de desenvolver a función que me encomendou a veciñanza da Lama; liderar a oposición, fiscalizar a acción de goberno e propor alternativas realistas fronte a inacción do alcalde e do seu equipo. Creo que estamos cumprindo con dignidade o noso traballo, nunhas condicións moi difíciles, de feito temos conseguido melloras no pobo grazas á nosa acción política.
Por exemplo?
-O arranxo de múltiples camiños
-Regular o horario de traballo do persoal do Concello. En A Lama había un costume adquirido polo que os funcionarios entraban e saían cando lles daba a gaña sen ningún tipo de control. E o horario de traballo nunha administración hai que cumprilo.
-Que se prestase máis atención á recollida de lixo e ás traídas de augas. Estes servizos, esenciais para a vida diaria, tiñan unha xestión moi deficiente malia teren multiplicado por dous o custe dos impostos municipais.
Esta suba de impostos que mencionas non xerou ningún tipo de malestar na veciñanza?
Si, indiscutiblemente si. Pero por desgraza eses son os resultados da maioría absoluta do PP.
A última vez que falamos dixérasme que A Lama tiña un problema moi grave que impedía o crecemento da actividade económica pois, ao teu xuízo, a inacción do goberno municipal é a responsable de que non existan espazos no Concello para que alguén abra un negocio no pobo. Incluso mencionaches a empresarios que estaban interesados en facelo e que non tiveron outro remedio que desenvolver a súa actividade económica en concellos veciños. Esa situación mellorou?
Non, seguimos igual. Este concello segue a ser un dos máis pobres de Galicia. Non existen locais comerciais para montar un negocio no noso pobo e o Concello non fai absolutamente nada para facilitar as cousas a quen queira desenvolver a súa actividade económica na Lama.
Entón se algún veciño da Lama quixese emprender ten difícil facelo aquí?
Difícil non, teno imposible.
A transparencia do actual goberno mellorou con relación á do anterior alcalde?
Estamos igual ou peor. Fíxate: recentemente saíu unha praza de interina e resulta que curiosamente foi para unha rapaza que ía na lista electoral do PP. Como xa teño manifestado en anteriores entrevistas no voso medio de comunicación: a mellor maneira de atopar traballo neste concello é ir na lista electoral do PP.
O conflito da praza da biblioteca, na que levaba moitos anos unha persoa e que finalmente foi para outra persoa claramente connotada co PP, como se resolveu?
Foi para Antón Xil, si. O falecemento de Jorge Canda deixouno un tanto paralizado, pois era el o que estaba demandado, creo que a persoa prexudicada ten a intención de reactivalo. Esta sería a vía penal. No que respecta á vía puramente laboral o Concello xa tivo que abonarlle unha indemnización de 40.000€ á persoa despedida, que agora reclama tamén os intereses. O Concello négase a a abonar eses intereses e terá que decidir un xuíz.
Cres que esa praza foi dada a dedo a un amigo?
Na miña opinión si.
Con esta persoa acabas de ter unha lea no contexto dun incendio. Cóntame a túa versión dos feitos?
Foi, se non lembro mal, na noite do 18 para o 19 do pasado mes de xullo. O lume iniciouse na entrada da Lama e non foi ningunha broma, estivo a piques de de arder unha casa. Quero dicir antes que nada que grazas a grande labor do condutor do camión anti incendios, que nos queren levar do Concello, e traballador municipal, esa casa non ardeu.
Como é iso de que vos queren levar o camión anti incendios?
Este é un camión entregado pola Xunta a A Lama e a outros concellos para montar un GES, como non se fixo agora reclámannos que llo devolvamos.
E por que non se montou o GES?
Pois pola ineficaz xestión e a escasa dilixencia do goberno da Lama.
Con este alcalde?
Non, co anterior.
Ben, sigamos coa cronoloxía dos feitos acontecidos no incendio?
Máis ou menos unha hora despois de que comezara aparece Antón Xil acompañado de dúas mulleres. Un veciño recriminoulle a escasa dilixencia do Concello e o señor Xil reaccionou insultándoo explicitamente, chamoulle “ sinvergüenza”, aconteceron entón diversos episodios de tensión, eu tratei de mediar e fun ameazado polo señor Xil.
De que maneira fuches, presuntamente, ameazado?
Púxose coa cara pegada a miña como un vulgar matón de discoteca e díxome :” que che pasa a ti” “ xa verás o que vai pasar”.
Leváchelo a pleno?
Si. Pedinlle ao alcalde que lle abrira un expediente disciplinario, que o quitara inmediatamente da radio e que non asistira máis aos plenos.
O resultado?
Alén de ser increpado por un familiar do señor Xil, ningún en absoluto. Este goberno ten serias deficiencias de talante democrático.
E no que se refire á xestión?
Son moi malos gobernando. O nivel do goberno é realmente baixo. Teño a convicción de que nos plenos ás veces levantan a man e votan o que se lles indica pero sen ter nin idea do que están votando.
Que percepción maioritaria observas na sociedade da Lama?
Eu creo que a chegada de UCIN ao concello foi moi importante para facer ver a realidade dos gobernos do PP no noso pobo. Ata agora tiñamos unha oposición digamos que con moi pouca actividade. Teño a confianza de que a nosa mensaxe de honestidade e dun concello xusto que trate a todos por igual acabe por chegar á maioría social do noso pobo porque outra A Lama é necesaria, e alén de moi necesaria é posible.
Que tal relación tes coas outras dúas forzas de oposición?
Moi boa con ambas.
Eu vexo difícil un cambio electoral con dúas listas independentes presentándose por separado
Estou completamente de acordo. Na miña opinión UCIN e IPR debemos de converxer para o próximo proceso electoral. Sexa da forma que sexa, e sexa co nome que sexa pero entendo que para podermos gañar debemos ir xuntos. A unión multiplica e a división resta. É máis, eu estou aberto a irmos nunha coalición electoral co PSOE. Creo que desa maneira teriamos moi serias posibilidades de que o cambio político fose realidade na Lama. E o noso pobo necesita imperiosamente un cambio.
