
Non sei se iamos moi ben ou ben, pero iamos indo. Hoxe os acontecementos lévannos a pensar nunha xeométrica de progresión regresiva que agora ten que facernos cavilar. Non iamos tan ben nin viñamos tan ben como pensabamos. Estabamos deixando que aqueles que estaban contra toda norma, entrasen a desfacer as poucas normas válidas e de progreso que tiñamos. Aínda doídos das ataduras presentes da ditadura, tentabamos reconstruír unha democracia de baixos niveis e sobresaír daquela fochanca.
Polo que se ve, agora que aqueles irrespectuosos tomaron poder, nin moito menos virán mellores tempos. Cambiou case todo e chegounos unha inquedanza angustiosa nesta derrota dos últimos calendarios, sucesos que nos apagan o optimismo latente, onde evocamos a nosa anterior vontade e acontecementos nos que nos vemos impotentes diante de tanta desfeita, tanta violencia, ameaza, amargura, fame, …mil acontecementos nos negan a luz e o sosego. Vence a mentira sobre da verdade. Menten, menten todos e fano con toda a preparación e descaro. Cómpre regresar a aquel punto de dignidade sobre todo para recoñecer as evidencias. Debemos mediar para que as cousas endereiten. Participar coa nosa vontade se é que algunha vez a tivemos, para ser e para estar. Para participar deste proceso destrutivo que nos aniquila.
Motivos temos para dubidar e non faltan problemas cada vez máis importantes, que non teñen resposta ou que os que aquela resposta deberan dar, escúsasen en aras de calquera razón sen peso consistente en non facerse cargo do tema. De tal xeito que escusaron as súas responsabilidades e non souberon coutar a tempo a infección.
Chegan agora as expulsións, os rexeitamentos, os vetos ás crenzas, a denominación de inmigrantes como expulsados e portadores do mal e do delito, as apropiacións e violacións de dereitos, máis violencia, o deterioro dos servizos públicos botándolles a culpa aos que viñeron e están a axudar. Non chega con iso, normalízanse as invasións de pobos e estados, as ameazas, as guerras, aranceis, armas, destrución, máis violencia, crimes, sangue. Non sabemos outro modo de resolver máis que defendéndonos, hai que mercar armas, acabouse tanto “falar” e tanto consenso. As palabras e as razóns non son suficientes, o sentido común non cotiza debidamente e chega a ser subversivo. Estamos no tempo da barbarie. Non son tolos os que triunfan, son seres malignos, falsos deuses egoístas. E cóllenos a contra-pé, coma se nada disto estivese previsto. Estamos sen ansias de reaccionar debidamente ao desastre que nos asola.
Non quixera ser catastrofista pero as circunstancias e as imaxes responden debidamente, moito antes cás palabras e as mensaxes que calquera persoa poida dar. Non sabemos como puidemos chegar aquí. Estamos todos tolos? Eramos conscientes da que nos podería vir enriba? Non, estabamos cridos que isto dos conflitos remataría nun encontro e nun consenso, nun entendemento. Pensamos que, en calquera caso, imperaría a cordura e o sentido responsable da verdade, da evidencia. Pensamos que alguén tiña que ceder -en ambos lados- pero que se arranxarían os problemas cinguíndose á lei e á orde, por mala que fose. Anque hai uns -e son moitos- que non respectan nada, que se saltan toda norma que non respectan as básicas leis que regulen os estados, as nacións.
Non queremos ser un país á defensiva, nin sequera queremos ter armas. Non queremos ter inimigos anque eles se poñan fronte a nós e nos apunten. O que queremos é facer recolla de vontades e ter a posibilidade de contribuír a pararlle os pés aos que invaden sen máis criterio que o seu poder, a súa forza. Por iso queremos pararlle os pés aos que ofenden, que levan tanto tempo ofendéndonos; aos que expulsan, e que levan tanto tempo ignorándonos; aos que menosprezan e aos que ameazan e buscan o enfrontamento, aos que menten e mentiron, que conculcan a orde de supervivencia e de entendemento social.
Queremos todo iso que eles non entenden, e que desde o seu poder económico e de medios, son quen de situarnos na diana dos seus cálculos para ningunearnos, destruírnos. Estamos a ver como o derradeiro baluarte da democracia, a Xustiza, está tamén en cuestión.
A brutalidade e a violencia desatáronse. Veñen tempos de conflito e desamparo, estamos xa na emerxencia, na urxencia da innovación. Tempos de agruparse para protexernos, para facernos os fortes e amarnos, para dar idea do fortes que somos a pesar eles en calquera lugar que estea fóra do seu alcance. Mentres observamos como medran os monstros, como abusan cada vez máis e máis, nesa vergoña da que carecen.
Seica sería bo facer unha bolsa coas cousas máis necesarias, por se hai que fuxir cara a algures. Pensan que hai algún lugar onde esconderse, onde sentirse protexidos do mal. Non sei eu, se será posible atopar un sitio onde o mal non poida chegar. Só queda reflexionar en como fomos quen de fracasar nas políticas desta fráxil democracia. Sería democracia? Quizais era unha letra doada, anque a música tiña moitos bemoles. Quizais o papel formativo e educativo das escolas e universidades non cumpriu con ese tema tan importante de desbotar a estupidez e a ignorancia das nosas cabezas. Quizais é culpa desta, aínda viva, xudizalización da política ou politización da xustiza e que mentres, sinxelamente, nos impedira vivir e ser felices no medio da liberdade soñada e sempre escasa.
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero.
