Grupo Arena Power, non grazas

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador do Sergas

Un novo proxecto eólico en tramitación para o Morrazo, e van tres.

Duran pouco as alegrías na casa do probe. Dispois de ver como desaparecían os dous proxectos de parque eólico nos Montes do Morrazo, e cando comezabamos a esquecernos deles levemos a desagradábel sorpresa da aparición dunha nova ameza.

Primeiro foi Enel Green, dispois ACS e agora unha empresa autodenominada Grupo Arena Power, os mesmos cans con distintos colares dispostos a arruinar os nosos montes para incrementar a súa conta de resultados. Practicamente na mesma localización que os anteriores pretenden colocar 15 grandes aeroxeradores entre os concellos de Moaña, Marín e Vilaboa, acompañados da necesaria infraestrutura de subestacións e apertura de pistas.

Resulta curioso e lamentábel que, como nos dous proxectos anteriores, a empresa promotora mativera xuntanzas coas comunidades de montes o pasado mes de setembro e tiveramos que enterarmonos das suas pretensións sete meses dispois.

Non creo necesario volver a incidir nas repercusións catastróficas para o medio ambiente, a incidencia na paisaxe e na economía do Morrazo. Todos e todas temos claro que un parque eólico non vai traer beneficios económicos nin postos de traballo para nós, os indíxenas, só vai lucrar aos seus promotores (a saber quen son realmente).

40 parques eólicos paralizados cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

Non deben ser tan bos estes proxectos industriais cando o TSXG leva paralisados 40 deles polos seus desastrosos efectos ambientais e a súa afectación á saúde e benestar das persoas.

Con todo a legalidade para a Xunta e a patronal eólica parece que non vai con eles. Cumprir a lei e as resolucións xudiciais non é bo para o negocio, por iso a insistente campaña publicitaria que está facendo a TVG e algúns medios privados para branquear os investimentos especuladores dos depredadores eólicos.

Altri non, eólicos tampouco.

Galiza estase transformando nun enorme latifundio de eucaliptos e aeroxeradores coa inestimábel colaboración do goberno central e autonómico. Da man do PP e do PSOE continua a mesma política colonizadora que leva padecendo Galiza por parte de España, e da UE. Somos produtores e exportadores de materias primas baratas, de enerxía, de man de obra (antes sen cualificar e agora cualificada).

A celulosa que levamos padecendo anos en Marín, a que quere instalar Altri en Palas e os parques eólicos para producir enerxía barata, supoñen a desaparición do noso rural, a desaparición da agricultura e da gandeiria, a estocada final á produción das rías. Estamos vendo xa as consecuencias, as aldeas quedan desertas, as vilas esmorecen e as ameixas e berberechos van morrendo.

O pobo galego berrou alto e claro Altri Non o pasado 26 de Maio en Palas de Rei, tamén temos que berrar alto e claro contra os eólicos que arruinan os nosos montes e queren atentar contra os Montes do Morrazo.

Marín, 28 de Maio de 2024

Asdo.: Pedro M. Cortegoso Gago.