Cousas de Salvaterra

Artigo de opinión A Nova Peneira

A causa 301/36”

Antón Lorenzo González Saque
Antón Lorenzo González “Xaque”

Amables lectores, desta volta vou facer un alto nos relatos mensuais sobre a loita entre irmáns na chamada guerra Duriminia. Cómpre irmos até 1937.

Como todos sabemos o 18 de xullo de 1936, un grupo de militares deu un golpe de estado contra a 2ª República. Fíxose pronto evidente a necesidade de enfrontarse ós militares golpistas, para elo organizáronse os chamados Comités de Defensa da República. Salvaterra foi un dos concellos que así se pretendeu defender, inclusive con membros de concellos limítrofes, caso das Neves.

Estes C. D. R. pronto se mostraron ineficaces ante as abrumadoras forzas militares, ben organizadas e equipadas. En Salvaterra a cousa non foi máis aló de cortes de estradas, intento de voadura do viaduto do estratéxico camiño de ferro na zona de Liñares, levantamento de carriles, requisa de escopetas, dinamita, etc.

A pronta caida en máns dos golpistas da nosa vila, foi paralela ás conseguintes detencións. Os “terribles desmáns” foron pertencer o Partido Socialista ou a Izquierda Republicana, ser sindicalista, ter diferenzas co párroco ou obedecer as instrucións emanadas da orde constitucional. Ignoro con detalle as persoas que compuñan o C. D. R., pero hoxe voume centrar nas que formaron parte da causa sumarial 301/36, existente no arquivo militar de Ferrol. Proximamente investigaremos fehacientemente todos estes datos.

O xuizo levouse a cabo en Vigo o 6 de febreiro de 1937, mediante un Consello de Guerra Ordinario, celebróuse a vista no salón de actos do Círculo Mercantil . Os procesados foron: José María Vidal, Antonio Fernández Barbosa, Joaquín Teixeira Guillade, Fernando Guillade Piñeiro, José Lorenzo Puga, José Bértolo Abril, Marcelino Ojea Rodríguez, Victoriano Lago Rodríguez, Antonio Alonso Domínguez, José Pérez Fernández, José Portas Martínez, Vicente Domínguez Villar, Antonio Victoriano Valverde, José Fernández Rodríguez, Enrique González Quiroga, Antonio Rodríguez Valverde, José Domínguez González, José Macías Gutiérrez, Etelvino Tielas, José González Montero, José Rodríguez Márquez, Manuel Romero Márquez, Manuel Eiró Estévez, todos maiores de idade, e Antonio Vilas Rodríguez de 17….

O 24 de febreiro de 1937, ditouse polo Capitán de Infantería e Xuiz Instrutor, José Noguerol Rodríguez, o auto polo que se declaraba a sentencia contra os paisanos: Antonio Alfonso Domínguez, Vicente Domínguez Vilar, José Domínguez González, José Macías Gutiérrez, Etelvino Tielas, José González Montero, Manuel Romero Márquez, Manuel Eiró Estévez, José Da Silva González e Antonio Martínez Soto. Foron condenados á PENA DE MORTE como autores dun delito de rebelión, acusación como se sabe, FALSA.

Nun Oficio nº 3635, datado o día anterior 23 de febreiro, xa se sinalaba día e hora do fusilamento, dispondo que os reos foran executados o día seguinte ás once da mañá nas inmediacións do Castelo do Castro. Após do asesinato foron recoñecidos os cadáveres que presentaban sinos certos de indubidable morte, faena levada a cabo polo Alférez Médico, Rodríguez Grandal, pertencente o cuarto grupo da 1ª Comandancia Militar. Datos sen confirmar, sinalan que foron executados en duas tandas de cinco.

Os seus cadáveres foron inhumados unha hora despois no cemiterio de Pereiró, ante as autoridades competentes. As sepulturas estaban enclavadas na Zona 14, numeradas respeitivamente: 131, 132, 133, 134, 135, 136, 137, 138, 139 e 142. Sinou o acto o Xuiz Instrutor José Noguerol, certificado polo Secretario. Que se saiba, ninguén reclamou nunca os corpos, co paso do tempo acabaron todos nun osario común.

Ademáis dos reclusos finalmente asasinados, houbo un segundo grupo de dezaseis que, inda condenados a morte, esta foilles conmutada pola pena de Reclusión Perpetua. Foron estes: Antonio Fernández, Jesús Pino Balado, Manuel Álvarez Domínguez, Antonio Fernández Barbosa, José María Vidal, Joaquín Teijeiro Guillade, Fernando Guillade Piñeiro, José Bértolo Abril, Marcelino Ojea Rodríguez, José Pérez Fernández, José Fernández Rodríguez, Antonio Rodríquez González, José Rodríguez Márquez, Manuel Barbosa Fernández, José Martínez Álvarez e David Mariño López.

Un terceiro grupo saiu mellor parado, neste caso condenados a quince anos de prisión e inhabilitación absoluta durante ese tempo. Foron estes: Jesús Lorenzo Puga, José Portas Martínez, Antonio Victorino Valverde, Enrique González Quiroga, Antonio Vilas Rodríquez, Vicente Rodríguez Rodríguez, Ángel Merino Rodríguez, Emilio Reijas Pereira e Manuel Monteagudo Rodríguez.

Finalmente un cuarto grupo logrou o sobreseimento provisional dacordo co primeiro punto do artigo 538 do Código de Xustiza Militar, foron estes: Manuel Estévez Martínez, Francisco Rodríguez Eiró, Manuel Rodríguez Puente, Manuel Álvarez Álvarez, Manuel Tielas González (parece ser que o nome real era Manuel Glez. Groba), Isidro Estévez González, Perfecto González Sousa, Mariano Jiménez Fernández, Manuel González Rodríguez, Manuel Álvarez Doval, Arturo Queimadelos Barros e Alfonso González Troncoso. Estes foron postos o dispor da autoridade Gubernamental con mención dos séus antecedentes.

Dende a Plataforma para a Recuperación da Memoria Histórica de Salvaterra de Miño, traballamos a cotío para que todos estes actos bárbaros non fiquen no esquecimento. Raro é o día que non se nos achega un dato ou unha información nova. A intención é, ano a ano celebrar actos informativos así como unha ofrenda floral. Este ano damos comezo polos dez fusilados da causa 301/36, concretamente o sábado 19 de febreiro ás 20.00 h. teremos unha charla coloquio no salón de actos da casa multiusos da vila e o sábado 26 seguinte faremos unha sinxela ofrenda floral diante da fonte monumento ás vítimas do golpe de estado de 1936, sita diante da praza de abastos, ás 12.00

Para rematar quero reproducir a derradeira carta escrita por José Domínguez González, Tenente de Alcalde fusilado. Moi coñecidas son as cartas dirixidas a súa noiva Angelina publicadas en diversos medios, estóutra máis descoñecida foi escrita a mesma mañán, poucas horas, cecais minutos, antes de ser fusilado. Ía dirixida a Adela Melijosa Suárez, “La Santanderina” e outras compañeiras presas. O cabo o que lle entregou o texto pasoullo en realidade a outros funcionarios que a leron e consideraron que aquela literatura era contraria o espíritu que animaba o “Glorioso Movimiento Militar”, dando parte da mesma a autoridade militar. O texto da carta escrita en castelán, dí así:

“Queridas compañeiras Saude: Cando ésta chegue as vosas máns xa non seremos máis que un montón informe de materia sen espíritu, porque él xa voaría a outras rexións descoñecidas. Imos a formar un elo máis da cadea dós mártires que cairon vítimas do odio e da venganza dos enemigos da nosa santa Liberdade. ¡A vos que supestes dar un exemplo vivificante de abnegación neste intre de fonda traxedia! fícavos unha longa e penosa etapa que percorrer aínda, pois ela será a que fará culminar no asentamento das bases definitivas da nova Sociedade, máis humana, máis xusta e equitativa.

Vos polo imperio dunha autodeterminación histórica, levaredes o faro potente que ha de alumear o sendeiro que vos conducirá triunfalmente en pos do ideal superior polo cal ofrendamos as nosas vidas!

Que o exemplo destas tráxicas horas vividas sexa un constante emolumento na loita na que estades empeñadas… Voso e da causa. José Domínguez.”

Decir que Adela Melijosa Suárez, de 40 anos, presa por orde gubernativa, participara en numerosos actos da Fronte Popular e fora elexida vogal da Agrupación de Mulleres Antifascistas en marzo de 1936. Procesada, finalmente foi absolta. (Causa 669/37. AIMN.)

Agradecementos:

  • A Don JUÁN JOSÉ PINO ÁLVAREZ, Corzáns, 13/06/1923 – 18/05/2016, autor do libro “La Amargura de la Guerra Civil en Salvaterra de Miño”.
  • A Don XOSÉ ÁLVAREZ CASTRO, Pontevedra, historiador, autor entre outros, do libro “Pontevedra nos anos do medo”, Edit. Xerais. https://anosdomedo.blogspot.com