
“Separados pelas águas, mas unidos pela língua, pelos costumes, pela cultural… Portugal e Galiza de mãos dadas nesta 8ª Edição do Festival Convergências, levada a cabo pelo grupo Canto D’aqui da cidade de Braga em parceria com o Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, contando com o apoio do Município de Braga e da Xunta de Galicia. Da música à dança, do teatro ao cinema, e pontuada com colóquios e momentos de tertúlia e poesia, pretende ser um festival enriquecedor a nível de conhecimento com eventos de grande interesse cultural e musical, incidindo sempre na sua temática principal: a evocação dos nomes de José Afonso e Rosalía de Castro, e estreitando os laços que unem Portugal e Galiza evidenciando a semelhança entre as duas culturas.”
Compartir un café e un rato de conversa coa nosa amiga Olga de Ventosela é desas cousas que fan que ás veces sexa imposible situar as fronteiras entre o tempo para o traballo e o tempo para gozar do lecer. Ela informounos deste interesante proxecto de converxencia coa lusofonía , que xa vai pola súa oitava edición, e que desta volta visitará tamén as terras de Redondela. Asemade conversamos sobre unha fermosa iniciativa que xurdiu da sensibilidade da propia Olga e da súa amiga Juliana, “ Portugal brinca igual”, que ten por obxecto promover o uso do noso idioma entre as nenas e os nenos.
Todo o noso apoio para este tipo de iniciativas que son as que, fronte a nefasta política lingüística do goberno galego, nos permiten seguir soñando con 1.000 primaveras máis para o noso idioma. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa
Olga Nogueira
“Aínda que non atopamos soporte documental algún do concerto do Zeca en Redondela, como as meigas, habelo hóuboo”
Que relación tes ti co Festival Convergências Olga?
A verdade é que ningunha pero a organización buscaba outros lugares de Galiza onde facer chegar o seu proxecto. Xa tiñan presenza en concellos coma Santiago ou Ponteareas e buscaban algunha vila que tivese interese e sensibilidade coa lusofonía, ademais dunha entidade social onde poder acollelo porque lles interesaba, a maiores das axudas institucionais, a parte do tecido asociativo local que puidese implicarse. E como Redondela ten Sinha Paca e nos seus estatutos está a internacionalización da cultura galega e, preferentemente con Portugal e a lusofonía.
Que é Sinha Paca ?
É a plataforma de activistas culturais e artistas de Redondela. Somos unha asociación cultural que levamos uns anos xa, contactaron con nós e fixéronnos esta proposta de acoller unhas actividades, axudarlles a desenvolvelas e mesmo a presentalas coas nosas propostas.
Tivestes algún tipo de relación coas sete anteriores edicións do festival?
Non. Coñecíao de ir unha vez como público
E quen organiza Convergências?
Son varias entidades e penso que o motor é “Cantos de aquí”. Este é un grupo de Braga que fan tributos a Zeca Afonso, e interésalles facer actividades con ese espírito do Zeca e darlle esta dimensión galego-portugués.
Cales son os obxectivos fundamentais deste certame?
O que eu entendo e que pretenden buscar esa relación entre Galiza e Portugal. Preocúpanse moito de levar artistas e proxectos galegos dos máis punteiros do momento a distintas cidades de Portugal e intentan facer o mesmo ao revés tamén.
Que actos vai a haber en Redondela?
O sábado 26 no multiusos da Xunqueira. Pola mañá vai ser unha xornada dun proxecto especial chamado “Portugal brinca igual”, unhas familias portuguesa van a estar brincando e van acoller a unhas familias galegas, despois faremos un xantar conxunto e unha visita ao Museo de Rande. Logo pola tarde haberá a presentación dun libro do Zeca para crianzas que fixeron as escolas Semente xa no 2019 , pero pola covid non puideron facer a presentación ata agora. Despois haberá un faladoiro sobre a importancia do Zeca en Galiza, e en concreto en Redondela onde fixo un concerto hai anos.
Vaia, descoñecía que o Zeca estivera en Redondela. Sabes o ano?
Hai un texto de JA Xesteira, un dos que falará na charla sobre o Zeca na Galiza, no que di que non lembra exactamente cando foi o concerto do Zeca en Redondela, mais que tivo que ser a principios dos 80. El estivo no concerto aínda que hai xente que asegura que é un mito e que nunca se fixo .Non atopamos ningún tipo de documento escrito sobre o concerto , e non creas que non me deu pena, pero como as meigas habelo hóuboo . Estarán na charla tamén Uxía, Sico de Cariño e Xaime Torres que é o líder de Cantos de aquí. Os catro participarán nunha charla previa ao concerto tributo e homenaxe que se lle fará ao Zeca.
Todos os actos vanse desenvolver o día 26?
Si. Son de balde ata completar a capacidade do multiusos. Rematará co concerto de “ Cantos de aquí” e engadiremos cunha colaboración moi especial.
Cal vai ser esa colaboración especial?
Uxía e Sico cantarán con Eles.
Tivestes axuda e colaboración por parte do Concello de Redondela?
Si, Sinha Paca organiza e o concello colabora financiando as actividades.
E a receptividade da xente como cres que vai a ser?
Pois desde que sacamos o panfleto hai uns días xunto co movemento que está tendo en redes, estase pondo en contacto con nós xente de moitas comarcas. Desde o Baixo Miño ata Compostela interesados en facer reserva.
Cres que a cidadanía galega considérase vinculada coa lusofonía?
A xente de aquí si ten apego e ganas de ir e vir cara Portugal pero quizás falta un pouco de estímulo por parte das institucións ou da sociedade civil para favorecer este intercambio.
Fálame do proxecto “Portugal brinca igual”.
Foi un proxecto que se lles propuxo a Convergências e lles pareceu ben acoller. Levámolo a cabo a miña compañeira portuguesa Xuliana e máis eu.
É unha iniciativa persoal túa?
Si, das dúas, de Xuliana e miña. Coñecémonos no mundo da xestión cultural. Ela ten unha asociación cultural en Braga, pero traballa por todo o norte e con crianzas. Eu formo parte dun grupo no que os adultos quedamos para que os rapaces brinquen en galego, conseguimos quedar cinco ou seis veces ao ano, organizamos nós as actividades. Nunha destas xuntanzas algunhas crianzas falaban en castelán, houbo un debate no grupo por este motivo e de aquí pensei “se os rapaces non acaban de entender que lles insistimos tanto en falar galego porque na contorna hai unha presión enorme onde predomina o castelán, o mellor será levalos a un entorno onde non exista esta presión”, de aquí xurdiu a idea. En outubro do 2021 fixemos a primeira quedada coas crianzas en Portugal e tivo moi boa acollida.
E como foi esta xuntanza?
Levamos dez crianzas entre nenos e nenas de aquí e xuntámolos con dez crianzas portuguesas.
Cóntanos máis sobre esta xuntanza. Podíanse apuntar crianzas de entre os catro e os doce anos ata completar o cota de 10 aquí e dez alá. Para min foi un encontro marabilloso.
Os nenos e nenas que levastes de aquí eran da comarca de Redondela?
Non, de Redondela eran catro, o resto de Pontevedra, Vigo, Baixo Miño, Tomiño.
E en que vos desprazastes?
Fomos nos coches das nais e dos pais, e fomos nós tamén os que financiamos o obradoiro.
Paréceme moi interesante. Estes nenos e nenas son galegofalantes?
Si, pero nesa tempada da escolarización na Galiza que leva a que moitos deles non manteñen o galego. Isto foi moi interesante. Fixemos dous obradoiros, un de mañá e outro de tarde. No da mañá foi de teatro de expresión libre e tiveron que presentarse, primeiro falaron os portugueses e logo os de aquí, xa se comunicaron no idioma que máis se parecía ao portugués.
Entendíanse ben?
Perfectamente, aínda que non falaron moito. Xa no obradoiro da tarde estiveron máis soltos, cantaron, disfrazáronse, perderon esa vergoña do inicio e estiveron catro horas de brincadeira en total.
Entón nestas Convergências ides facer o mesmo con “Portugal brinca igual”?
Si. Vai ser a segunda xuntanza, veñen dez crianzas portuguesas aquí e conviven con dez, ou algún máis de aquí.
Xa tedes aos nenas e nenas seleccionados?
Non, a inscrición abre o día 20, neste caso teñen que estar empadroados en Redondela e de catro a doce anos.
Que actividades tedes pensado facer con eles?
Brincar a través do teatro, imos facer música e baile galego e, como cadra no entroido, igual acabamos meténdolle o entroido no corpo tamén.
Moitas grazas Olga, deséxovos que brinquedes moito e que brinquedes sempre.