Carlos Riveiro, concelleiro de UCIN e xefe da oposición do Concello de A Lama

Carlos Riveiro, concelleiro de UCIN e xefe da oposición do Concello de A Lama
Tino Lago

A enfermidade e posterior falecemento de Jorge Canda levou a que despois de case tres décadas A Lama tivese un novo alcalde, David Carrera, tamén do PP. Moi cerca de esgotar a metade do mandato, falamos con Carlos Riveiro, xefe da oposición do concello para coñecer a súa valoración política do estado das cousas na localidade.

Na concello de A Lama a alternativa máis fácil para poder ter un posto de traballo é ir nas listas do PP”

Carlos, a piques de chegar á metade do mandato, cal é a túa valoración política?

Vemos con profunda preocupación que existe unha parálise moi importante no concello. As necesidades dos veciños e veciñas non se teñen en absoluto en conta e iso é algo que á oposición nos inquieta notablemente.

Este concello levaba 28 anos capitaneado polo falecido Jorge Canda, era evidente que A Lama estaba paralizada. Coa chagada de David Carrera non mellorou absolutamente nada?

Esta peor ca con Jorge. O anterior alcalde tiña contacto coa veciñanza e prestábase a atender as demandas destes.

O anterior alcalde atendía a toda a veciñanza por igual?.

Aínda que a atención aos amigos fose prioritaria, atendía á xente mesmo que non se levaran a cabo as súas demandas. Este novo alcalde négase a recibir aos veciños e veciñas deste concello.

Como é o talante de David? Ten un talante autoritario ou é de buscar consensos coa oposición?

É totalmente autoritario. A única reunión que tivemos con el foi ao principio do mandato para ofrecernos a colaborar e axudar para que este concello prosperase, crease emprego, e se fixeran locais comerciais. Aquí non temos onde montar negocios, hai unha rapaza interesada en montar un local, intentou chamar ao alcalde para buscar unha solución e poder abrir aquí o seu negocio e non a atende.

Esta rapaza é de A Lama?

Si.

E de que quere montar o negocio?

Quere montar unha academia.

Este alcalde non atende nin as necesidades básicas da vila, hai apagamentos de luz e non os atende, o cabreo da veciñanza é tremendo con el, segue na mesma tónica có anterior e só favorece a aqueles que lle votaron e son amigos.

A práctica do nepotismo tan común neste concello non desapareceu en absoluto?

Non. Eu estou animando a toda veciñanza a que se integren nas listas do PP pois é a forma máis fácil de que poidan obter un posto de traballo.

Alén de todo isto, A Lama ten problemas estruturais moi importantes como por exemplo a perda de poboación. Este alcalde fai algo para evitar a perda de poboación?, E que se podería facer, ao teu xuízo, para poñerlle remedio a este problema?

Non, este goberno non fai nada en absoluto para axudar a fixar poboación. Este concello ten un gran potencial turístico e non se está aproveitando. Si que se fai algunha ruta de sendeirismo para atraer xente pero estas rutas carecen de mantemento en nuns meses os camiños están cerrados de maleza e intransitables.

Temos que poñer en valor os montes do concello, pois temos unha extensión moi grande, sacarlle rendibilidade e crear postos de traballo.

Este goberno non ten ningún tipo de plan, nin de modelo de vila para buscar alternativas que eviten que a xente se marche, sobre todo a xente moza?

Non, como che dixen antes, a súa única alternativa e ir na lista do PP para poder ter un traballo.

Aquí temos un Centro de Interpretación da Natureza no que se investiron 100.000€ antes do 2023. Este Centro está para expoñer as especies e os lugares que podemos visitar no Concello de A Lama, pois está baleiro, non ten nada e acaban de investir 38.000€ máis para nada. Isto é o día a día deste desgoberno que temos no concello.

Como está o problema de vivenda na Lama, se alguén quere mercar unha casa no concello ten posibilidades de atopar vivenda?

Si que hai posibilidade de mercar pero temos que documentar todo o tipo de vivendas que existen. Hai que facer unha relación das vivendas que están baleiras, falar cos propietarios, hai núcleos de vivendas de tres ou catro casas que se poderían rehabilitar co plan europeo para poder arrendalas, non se fai nada e este equipo de goberno non ten nin idea de como funcionan estas axudas, son sete persoas e ningunha ten capacidade de xestión.

Como está a situación do Centro de Saúde de A Lama, Carlos?

Nós levamos a un pleno a proposta de que se fixera unha rehabilitación integral do mesmo a finais do 2023. Daquela díxosenos que estaban buscando outra localización para o Centro de Saúde, pensamos que isto é unha barbaridade. O Centro está nun punto neurálxico da vila para a economía do concello, a xente que ven ao Centro aproveita para facer a compra e tomar un café. Se levas de aquí o Centro de Saúde a economía da vila perde. Parece que agora están mantendo reunións para rehabilitalo no mesmo lugar.

E da situación do o trasporte que nos dis?

Temos unha boas comunicacións, estase modificando o trazado dende Seixido a Portela da Cruz, hai unha boa inversión para isto da Xunta de Galicia, é moi importante para o noso futuro ter unha boas comunicacións. O AVE chega a de Madrid a Ourense en 2:15 h e de aquí a Ourense hai 45 min, se temos unha boa comunicación podemos atraer visitantes.

Vai a haber parques eólicos na Lama si, ou non?

Esperemos que non. Este goberno está xogando coa asociación, parece que lles está dando axuda a través dunha consultora pero é todo un pouco opaco.

A que asociación te refires?

A Monte Peón.

Queres dicir que non tedes claro cal é a posición real do Concello?

Non o temos claro. Hai un mes que se presentaron alegacións a través desta asociación e como os plenos son cada dous meses, aínda non teño constancia que alegacións presentou o concello.

A miña opinión é que o concello non quere quedar mal coa veciñanza e tampouco co goberno da Xunta, entón non dá unha postura clara nin se opón como debería para poder paralizar este proxecto.

Que percepción albiscas nas rúas de A Lama sobre a valoración xeral deste alcalde David Carrera?

A xente que se achega a min é para queixarse e maniféstanme que non están para nada contentas con el. Este alcalde fixo bo ao anterior, con isto digo todo.