A disposición aritmética do Concello de A Lama, 7 concelleiros o PP fronte a 4 o conxunto da oposición, pode levar a engano, pois semella que a vitoria do PP foi esmagadora nas municipais do 23. Pero en realidade a situación sociolóxica do pobo da Lama está moito máis igualada do que parece, xa que son menos de 150 votos os que separaron aos populares da suma dos sufraxios das forzas da oposición. Carlos Riveiro, o principal candidato a disputar a alcaldía ao PP, con garantías de éxito é plenamente consciente desta situación e manifesta nas nosas páxinas que está a traballar con intensidade, e con razoables expectativas de podelo conseguir, para que no 27 as tres forzas que actualmente están na oposición da corporación municipal se presenten unidas. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.
“Estou absolutamente convencido de que nas municipais do 27 vai haber cambio de goberno en A Lama”
Antes de entrar a valorar este mandato quería preguntarche pola proposta de fusión entre os Concellos de Ponte Caldelas, Fornelos de Montes e A Lama que tirou Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas. Cal é a túa opinión?
Eu aposto máis por mancomunar servizos que por fusionar os concellos. Pero ollo; ou a situación da Lama mellora substancialmente ou a fusión será inevitable, porque nós non teremos capacidade económica para afrontar os gastos necesarios para que a administración municipal poida funcionar.
A Lama necesita como o comer un goberno que saiba aproveitar as inmensas potencialidades que ten o concello. Pero por desgraza o que ten é un goberno que non goberna, senón desgoberna. Así temos o triste récord de sermos o segundo concello máis pobre de Galicia.
Xa estamos no último ano de mandato. Como valoras a alcaldía de David Carrera?
Moi decepcionante. Estamos ante un goberno que se preocupa máis de tratar de conservar o poder que de buscar o ben común da veciñanza da Lama.
Por que afirmas iso?
Porque os poucos recursos dos que dispomos gástanos en reformas meramente estéticas, que non benefician en nada á veciñanza, en lugar de atender as graves necesidades estruturais que padece o noso concello.
Podes pór algún exemplo do que ti consideras un gasto puramente estético?
Pois por exemplo os 300.000€ que se gastan na reforma da rúa Jorge Canda, ou outros tantos que se van meter na rúa da Igrexa, ou os 600.000€ que van meter na humanización da rúa Tosar.
Pero en que cabeza cabe gastar esas cantidades na reforma dun par de rúas, no canto de abordar con decisión e valentía as necesidades máis importantes que ten a veciñanza de A Lama?
Por que non se mellora o saneamento?..Se apenas temos cuberto un 10%..
Por que non se melloran as traídas e as conducións de augas?
Se en moitas ocasións o estado das tubaxes dá pena, verdadeira pena..
Por que non se mellora a atención social ás persoas máis vulnerables do noso concello?
E así poderíamos seguir ata o infinito..A resposta é por desgraza sempre a mesma:É así porque a este goberno só lle importa el mesmo, e non o benestar da veciñanza da Lama. Por ese motivo danlle prioridade ás cuestións que poden ser esteticamente bonitas, pero que teñen nulo impacto no ben colectivo.
Un mozo ou unha moza que queira construír un proxecto de vida na Lama teno difícil?
Teno terriblemente difícil. Incluso calquera persoa de fóra que queira montar un negocio no noso pobo teno pouco menos que imposible. Na Lama non hai baixos comerciais para alugar e o goberno, por máis que llo indicamos desde a oposición, non fai nada ao respecto.
En relación á transparencia como vai este goberno?
Para o goberno municipal a transparencia non existe. É así de cru pero é así de real.
Que tal Radio Nova?
É unha radio supostamente municipal, pero que en realidade está ao servizo do goberno do PP.
A situación é de tal gravidade que cando Radio Nova fai algunha reportaxe dalgún evento no que estamos algún dos representantes da oposición, borra as nosas fotos. A radio municipal é unha cacicada máis. Fíxate: hai pouco fixen un vídeo dunhas veciñas de Antas que foron presuntamente recriminadas polo alcalde. Sabes o que publicou Radio Nova do asunto? Nada, absolutamente nada.
En que situación está o conflito arredor da praza na biblioteca?
Segue xudicializado. O Concello perdeu o xuízo e estamos pendentes do recurso.
Ti pensas que a muller que se sentiu prexudicada porque perdeu a praza, demandou con razón ou sen ela?
Demandou con toda a razón. A adxudicación desa praza eu entendo que foi unha flagrante inxustiza.
Aínda que a situación aritmética pareza moi complicada, O PP ten 7 actas fronte ás 4 da oposición, a realidade é máis parella do que parece. Só hai 143 votos de diferenza entre os acadados polo PP no 23, e os logrados polo conxunto da oposición. É realista pensar no cambio de goberno no 2027?
Estou absolutamente seguro de que o PP vai perder o goberno da Lama nas próximas municipais. É que nos xogamos moito, e se non derrotamos democraticamente ao PP poderiamos ter graves problemas de tipo existencial para o propio Concello.
Cales son ao tu xuízo as principais potencialidade que ten o concello e que habería que explotar para xerar benestar económico ao conxunto da poboación?
Sen dúbida o turismo. Xestionando mellor, e sobre todo formulando un modelo de pobo que permita darlle expectativas de vida e servizos suficientes á veciñanza e ás persoas que puideran ter interese en vivir na Lama, o noso pobo ten todo para ser un lugar moi atractivo para vivir e no que vivir.
E este goberno non ten modelo de pobo?
Non, lamentablemente o único que fan é xestionar o día a día como poden.
Vaste presentar ás municipais do ano próximo?
Por suposto que si.
A atomización da oposición non fai moi difícil que xurda unha alternativa con opcións realistas de gañar ao PP?
Son plenamente consciente. De feito estamos traballando con intensidade para tratar de solucionar esta situación e intentar que as 3 forzas que agora mesmo constituímos a oposición no pleno da Lama nos presentemos unidas nas vindeiras municipais.
Se o conseguimos, que máis nos vale ter altura de miras e conseguilo pois nos xogamos algo tan importante como o futura da Lama, teño a convicción de que no 27 haberá cambio político no noso Concello.

Redacción de Redondela




