Milana Bonita
Perdoen que a milana bonita non retorne con optimismo nin sendo agosto, pero é que nos últimos tempos a actualidade vén de ser, polo menos para quen se sitúa claramente na esquerda, como eses sketchs humorísticos que se escoitan na radio líder estatal nas tardes de inverno onde unha alegría acaba sempre convertida nun desgusto. As últimas enquisas aseguran que Galiza vai en clara contracorrente e o PP podería perder a súa maioría, que alegría, mais a chave de gobernabilidade estaría en mans de Democracia Ourensana así que a dereita seguiría, malia o importante avance do BNG, gobernando na Xunta, que desgusto.
As cifras din que, malia non acadar a media estatal, a nosa economía crece, que alegría, e porén o último informe do Consello Económico e Social advirte que cada vez é maior a porcentaxe de poboación que está en risco de pobreza e ata de exclusión, que desgusto. O documento constata unha vez máis a feminización da pobreza, e a especial situación de vulnerabilidade que teñen os fogares monoparentais, moi comunmente encabezados por nais, e porén é cada vez maior a porcentaxe de poboación que entende que as mulleres xa conseguimos a igualdade en todo, e que temos que deixar de dar a turra co feminismo. Se ata hai unha muller ocupando a alcaldía da Coruña! Esa cidade que acolleu a presentación do informe do Foro Económico de Galicia, un organismo moi paritario onde un comité executivo composto por sete varóns traballou a reo para conseguir que algunha muller escribira no informe, que alegría, mais só atoparon unha, que desgusto, e mira que só no comité de membros natos xa tiñan unha vintena de compañeiras. A alcaldesa Inés Rey non acreditou no esforzo e afeoulles a porcentaxe pero axiña lle rebateron que a culpa era nosa que nunca queremos participar nestas cousas, sen pensar que igual non o facemos, precisamente, porque cada vez que opinamos sobre algo se nos cuestiona, como quedou patente alí mesmo.
O caso é que tamén o Foro constata a boa marcha da economía galega, que alegría, pero o ascenso non evita que a maior parte da poboación chegue afogada a fin de mes, que desgusto, debido sobre todo á sangría que supón afrontar o custo mensual da vivenda para quen non a ten en propiedade. Segundo o CES, unha de cada tres persoas que vive en aluguer está en risco de pobreza. E xa teñen esta consideración máis da metade das persoas estranxeiras que viven no noso territorio. Así que a alegría de formar parte dun Estado solidario que regulariza a situación de quen chegou doutras latitudes para vivir, traballar e cotizar coma nós convértese tamén en desgusto ao ver as condicións en que teñen que afrontar o seu día a día. Pero iso non varía o relato dos das paguitas, xa saben, eses que viven na alegría de non ter cobrado por nada que non fose un cargo político, pero que usan o seu escano para falar do desgusto que lles provoca que se empreguen en mellorar a vida da xente os cartos das administracións, malia que outro informe, o de FOESSA sobre exclusión e desenvolvemento social, advirte que se as cifras de pobreza non son aínda máis altas é grazas ao soporte que supoñen as pensións e as políticas sociais, é dicir, grazas ao Estado de Benestar que algúns queren reducir ata a expiración. E non nos enganemos, as axudas xa non son só para persoas sen fogar ou que acaban de chegar ás nosas costas en botes ou barcazas, son para familias que viven ao noso lado pero que non teñen soldo dabondo para facer fronte a un teito e á luz que lle garanta calor en inverno e fresquiño en verán, ao tempo que as compañías baten novos récords de beneficios: Repsol triplicou os seus no primeiro semestre deste ano acadando os 2.201 millóns de euros a costa, entre outros factores, da sangría que supoñen para a clase traballadora e as pequenas empresas as súas facturas.
Así que, á alegría de bater un novo récord de emprego con 22,7 millóns de persoas ocupadas e a histórica redución ao 10 por cento da taxa de paro no Estado lle segue o desgusto de que moita desa xente traballadora non chega a fin de mes por moito que traballe, e enferma de ansiedade e fatiga, mentres quen pretende gobernalo di desde unha festa dos Sanfermines, ben afastada do seu escano no Parlamento, que hai que ser moi vago para non ir ao choio. E fala de cancro para que o escoite desde a súa Galiza natal unha persoa que leva dous meses agardando por unha consulta logo de que lle atoparan un tumor nunha revisión xinecolóxica retrasada dous anos.
Todo indica que el será o novo presidente do goberno estatal a costa dun PSOE atufado de corrupción. E é unha alegría que a sociedade sexa intolerante contra os casos que rodean ao executivo socialista mais desgusta que a aposta sexa polo único partido condenado, precisamente, por corrupción e que con case toda probabilidade vai gobernar coa ultradereita. Sempre chove na casa do pobre. Cando parecía que a memoria era xa imparábel e cada vez era maior o alumnado das universidades galegas que a escollían como temáticas de TFG e ata doutorados, volve o aguiucho a poboar balcóns e xente moza, e non tan moza, a devecer por unha ditadura da que, na maior parte dos casos descoñecen case todo. E á alegría de que na Galiza esteamos libres de cargos do partido na extrema dos reaccionarios, contraponse co temor a que axiña tomen decisións para o conxunto do Estado e expandan o cambio de bombeiros por toureiros e as trolas que negan o cambio climático e falan de leis que prohiben coidar os nosos montes e ata de láseres que os queiman nunha nova conspiración xudeo-masónica, nun perigoso relato que non deixa oco algún para a alegría pero si para a loita. Seguimos!





