A Comunidade de Montes de Antas en pé contra o abuso do parque eólico de Monte Peón

A Comunidade de Montes de Antas en pé contra o abuso do parque eólico de Monte Peón

A parroquia de Antas está no corazón do concello da Lama. É unha zona fermosa, como moitas outras do interior do país galego, que corre o serio risco de verse transformada de tal maneira que a vida da súa veciñanza mude a peor de maneira irreversible, e a súa xeografía sexa irrecoñecible para sempre xamais. En Monte Peón, cuxo punto máis elevado só ten 400 metros de altura, hai proxectado un mega parque eólico que constaría de tres torres de máis de 220 metros de altura, dúas situadas nas terras de Antas e unha nas da veciña parroquia de Xende. Todos os accesos para o parque están proxectados por zonas que son propiedade da Comunidade de Montes de Antas e esas estruturas xigantescas, tres veces máis que os muíños que podemos ver na actualidade, estarían xusto enriba das casas de máis de 200 persoas que verían as súas vidas transformadas para sempre.

O escurantismo co que se presentou este proxecto, a Comunidade de Montes de Antas como parte interesada non foi informada a priori, e as facilidades que as administracións local e autonómica deron para a súa tramitación son elementos engadidos á profunda sensación de abuso que senten as persoas afectadas. No momento de redactar este traballo coñecemos a aprobación no Consello de Ministros e Ministras de España da construción da LAT a 400KV Beariz-Portugal, infraestrutura imprescindible para a evacuación do excedente enerxético dos novos parques proxectados por todo o sur de Galicia, co que moito nos tememos que pronto teremos novidades desagradables en relación a este parque eólico e a outros que xa recibiron a DIA( declaración de impacto ambiental) favorable da Xunta de Galicia.

En calquera caso as comuneiras e comuneiros de Antas manifestan a súa vontade de loitar ata o final e esgotar todas as vías posibles para evitar que o abuso se consume. Teñen xudicializado o asunto e agardan que unha resolución favorable aos seus intereses poida liberarlles do pesadelo que lles ameaza. Nós falamos con Erundina Louro, presidenta da CM de Antas.

Erundina Louro, presidenta da comunidade de montes de Antas.

O impacto deste muíños que nos queren chantar en Monte Peón sería de tal magnitude que poderían ser vistos desde as illas Cíes”

Canto tempo leva na presidencia da Comunidade de Montes?

Desde pouco antes da Pandemia. Eu xa era a vicepresidenta.

Cando a vosa xunta directiva chega á CM en que situación a atopades?

Nunha situación extrema. Todo isto deriva dun conflito xudicial que tiveramos coa comunidade de montes de Xende, un conflito de lindes que acabamos perdendo e que deixou á nosa comunidade nunha situación moi mala.

Ao falares de situación “extrema” a que te refires?

Refírome tanto á situación económica como á situación de abandono do monte. Tivemos que comezar de 0 e incorporamos a moitas persoas novas. Gustaríame destacar nese sentido que o 70% das persoas que formamos parte da CM somos mulleres

Cando se produciu ese pau xudicial?

No 2004/2005. Logo a comunidade estivo arredor de 10 anos en situación de abandono ata que no 2015 collemos nós as rendas. Eu entro inicialmente na vicepresidencia e pouco antes da pandemia asumo a presidencia. Os primeiros anos foron terriblemente duros. Naquel tempo todos os cartos que tiñamos tan pronto entraban saían para afrontar os gastos resultantes do proceso xudicial que antes mencionei.

A problemática económica xa está resolta?

Si. Nós desenvolvemos un plan para resolvela e levámolo adiante con éxito. Agora mesmo tesmos unha situación de solvencia.

Que extensión de terreo é da CM de Antas?

418 Hectáreas en total. E alí está incluída a metade de Monte Peón. Naquel conflito xudicial que desencadeou todo isto a anterior xunta directiva de Antas non se presentou a xuízo, no Tribunal Superior de Xustiza. Entón o devandito Tribunal ditaminou que o linde o puxera a CM de Xende onde eles quixeran.

A raíz desa sentenza estamos como estamos agora: que a CM de Xende negocia con Naturgy de costas a Antas cando a nosa aldea é a máis afectada.

A CM de Xende é próxima ao PP?

Eu pensaba que non pero cando vexo as fotos do actual presidente da man do alcalde pois non sei que dicirche.

Cando coñecedes a nova de que queren meter un parque eólico en Monte Peón?

Na época da pandemia eu vía ao actual alcalde David Carrera, daquela tenente de alcalde, case a diario. En ningún momento me di, nin el nin o que era o alcalde naquel momento, Jorge Canda, que é xusto en pandemia cando a Xunta pide ao Concello os informes pertinentes para a autorización da construción do parque de Monte Peón.

A vós non volo comunican?

Non, en ningún momento. Sácase a exposición pública no Concello e non se nos comunica como parte afectada. Eu creo, isto xa é a miña opinión, que eles( Naturgy, Xende e Concello) pensaban que era mellor que Antas non o soubese porque entendían que de Antas só ían depender os accesos a Monte Peón.

E é así? Só son os accesos os que dependen de Antas?

No proxecto primixenio os muíños están colocados en Xende pero só a sete metros do límite con Antas. Digo eu que nos deberan comentar algo. Non o fan, e a posteriori patrimonio obriga a Naturgy a movelos muíños co que agora temos dous macro aeroxeradores no monte de Antas , 1 no monte de Xende, a subestación estaría en Xende e todos os accesos faríanse por Antas.

E a empresa tampouco os informara de nada?

Non. Malia que tivemos que soportar durante toda a campaña das municipais as calumnias referentes a que tiñamos todo atado con eles, non se reuniron con nós ata despois das municipais. Eles querían unha xuntanza só coa directiva e nós forzamos que esa reunión fose pública no Centro Cultural de Antas.

Como se desenvolveu esa xuntanza?

Eles trouxeron un borrador de contrato, os seus planos e expuxeron a oferta económica. Nesa xuntanza púxose en evidencia que o anterior alcalde mentira cando dixera que xa tiñamos todo arranxado.

Pero ti tes constancia de que Jorge Canda afirmou que xa tiñades todo arranxado coa empresa cando en realidade nunca vos xuntarades con eles?

Teño testemuñas que así o afirman, que se pasou toda a campaña das municipais dicíndoo alá onde ía. Ese tema foi moi grave e fíxonolo pasar realmente mal.

Como valoras a oferta económica que vos fixeron?

Xusto despois daquela reunión nós convocamos unha asemblea e o 100% das persoas asistentes, de maneira unánime, rexeitárona. Non é que fora unha oferta ridícula, é que era directamente insultante. Xa previamente noutra asemblea as 98 persoas asistentes aprobaran outorgar á xunta directiva a potestade de emprender accións legais contra Naturgy para a defensa do noso patrimonio natural.

E como se desenvolveron os acontecementos ata hoxe?

Non volvemos saber nada máis da empresa. Nós debido ao escurantismo co que o formularon e á situación de pandemia que viviamos non puidemos chegar á primeira fase de alegacións, e polo tanto non nos quedou máis remedio que xudicializar o asunto. Fixemos un recurso de alzada e elevámolo ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O parque xa ten DIA( declaración de impacto ambiental) favorable da Xunta?

Si, e o Concello tamén lle deu vía libre. Polo tanto a única vía que nos queda é a da xustiza.

Se finalmente se concreta iso que consecuencias tería para vós?

Este, non é un proxecto de parque que estea no medio da nada. Monte Peón é un monte moi pequeno, ten como tres lombas de 400 metros. A aldea está situada no val dese monte, a moi pouca distancia. E nesas tres alturas queren situar tres macro muíños de 254 metros cada un.

Para que vos fagades unha idea unha pa das que xiran deses macro muíños, só unha pa, ten a altura dos muíños que están en funcionamento na actualidade. Os eólicos que nos queren chantar en monte Peón son tres veces máis altos que os que xa hai noutras zonas de A Lama. Nós teriamos esa mega mole enriba das nosas casas. Monte Peón é o corazón de A Lama e o impacto deses xigantescos muíños sería de tal magnitude que se poderían incluso percibir desde as illas Cíes. Estas estruturas levan unha profundidade de zapata bestial. Non lles vai quedar outra que dinamitar o monte. Alí están as nosas nacentes de auga e non lles importou.

Este proxecto nace de costas ás persoas que sufririamos as súas consecuencias e non ten nin pes de cabeza.

Este traballo vaise publicar despois das eleccións , pero a conversa facémola un par de días antes. Se houbese un cambio político podería beneficiarvos?

Eu agardo que, se o hai, polo menos servise para que a presión á que a Xunta e o lobby eólico están a someter ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia cese.

Vós estades en contra da enerxía eólica?

Por suposto que non.

Nós estamos en contra deste modelo de eólica: agresivo, especulativo, brutal e que nos rouba o que é noso: a nosa terra , o noso modo de vida e incluso a nosa saúde. Estannos expulsando das nosas casas.