A soidade elixida ou imposta, as novas masculinidades, a sexualidade ou a ansiedade e o estrés serán os protagonistas das charlas ata maio
O Concello percorrerá os barrios nesta nova edición
O Rosal, 16 de febreiro de 2024.
Consciente de promover o benestar ao tempo que se abordan temas de actualidade, o Concello do Rosal xa ten en marcha unha nova edición dos seus ‘Cafés en Igualdade’, que durante os vindeiros meses percorrerán os barrios rosaleiros para afondar de xeito cómodo e distendido sobre temas de interese e de grande actualidade moi diversos.
Como salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “os ‘Cafés en Igualdade’ xa son un referente entre a veciñanza, un lugar de encontro, de aprendizaxe, no que resolver dúbidas ou soamente desfrutar do lecer conciliando a vida familiar, laboral e persoal de rosaleiros e rosaleiras. Son unha oportunidade única de promover o diálogo, a reflexión e o apoio mutuo, enriquecendo o tecido social e fortalecendo lazos”.
Tras arrancar esta nova edición o pasado mes de xaneiro cunha interesante charla sobre os mitos do amor romántico, no mes de febreiro tomará o relevo a traballadora social clínica e psicoterapeuta Beatriz Arroyo, que o vindeiro xoves 29 abordará o tema da soidade, tanto elixida como imposta. No mes de marzo o público poderá escoitar a Joshua Mateo, axente de Igualdade e director de proxectos de ‘Género Educa’, que abordará dun xeito claro e directo as ‘Novas masculinidades. Outra forma de ser home’.
Os ‘Cafés en Igualdade’ abordarán no mes de abril a ‘Sexualidade e desexo. O Camiño cara ao pracer’ da man da pedagoga e sexóloga especializada en igualdade de xénero en Con Xeito Sexoloxía Erea Devesa. O ciclo rematará en maio falando coa psicóloga clínica Andrea Iglesias sobre ‘Ansiedade e estrés. Vivir con présa’.
Todas as sesións dos ‘Cafés en Igualdade’ serán de balde, os últimos xoves do mes ata maio en horario de 17.30 a 18.30 horas. O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Igualdade a través de fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero 2023-2024.