Tomiño incorpora un desfibrilador semiautomático no Mercado municipal

Tomiño incorpora un desfibrilador semiautomático no Mercado municipal

Praceiros e praceiras realizaron un curso para aprender a manexar este aparello. Con esta adquisición, o Concello conta xa con 4 DESA instalados en diferentes puntos

Tomiño, 28 de xuño de 2023

Tomiño incorpora un Desfibrilador Externo Semiautomático (DESA) ás instalacións municipais. O Mercado de Tomiño conta xa con este novo aparello eléctrico portátil, adquirido polo Concello e subvencionado pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deporte da Xunta de Galicia e que permite tratar unha parada cardiorrespiratoria, actuar rápido e salvar miles de vidas ao ano.

Praceiros e praceiras do mercado municipal xa realizaron o curso formativo para aprender a empregar o desfibrilador, que durante cinco horas achegáronse ás particularidades deste aparello e a como poder manexalo en caso de necesidade. Todas e todos os participantes remataron o curso co seu correspondente diploma que acredita a súa capacidade para usar o aparello en caso de necesidade.

Con esta adquisición, que foi entregada a Protección Civil, xa son catro os desfibriladores portátiles colocados polo Concello en instalacións municipais, tres en campos de fútbol e un no Mercado de Tomiño, todos eles lugares con moita afluencia de xente. Tras a instalación dos desfibriladores realizáronse os correspondentes cursos de formación para que as persoas habituais nestes centros poidan empregalos chegado o caso.

A alcaldesa, Sandra González, amosou a súa satisfacción pola adquisición deste novo desfibrilador portátil e a formación do persoal e asegurou que o Concello seguirá “promovendo as medidas e ferramentas necesarias para garantir a seguridade e saúde da veciñanza, con instalacións municipais preparadas ante calquera situación de emerxencia”.