Este domingo 20 preséntase nas Escolas Vellas unha publicación sobre este ilustre goianés da Asociación Cultural Antonio Fernández
A actividade arrancará cun obradoiro infantil ás 11.00 horas e rematará coa á presentación ás 12.00 h
Tomiño, 16 de novembro de 2022.
Del coñécese a súa pintura, de encomiable beleza e fidelidade á honrada pintura tradicional, pero tamén destacaba a súa faceta humanista, filantrópica e social. É o pintor Antonio Fernández, ilustre goianés sobre o que a Asociación Cultural que leva o seu nome vén de sacar á luz en colaboración co Concello de Tomiño ‘Antonio, o pintor’, unha publicación que presenta en sociedade este mesmo domingo 20 de novembro nas Escolas Vellas.
A actividade comezará ás 11.00 horas cun obradoiro infantil co que achegar a nenos e nenas á figura deste destacado pintor. Ao remate do taller, ás 12.00 h, a Asociación Cultural Pintor Antonio Fernández presentará ao público esta nova publicación.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, convida a toda a veciñanza a participar nesta presentación coa que se achegará ao público “á figura deste importante artista, pero tamén a todo o labor que desenvolveu e que transcendeu o puramente artísico, acadando tamén o antropolóxico e o filantrópico”.