As políticas actuais acaban coa riqueza paisaxística, cultural e social -emprego e sustentabilidade- do agro galego. Nótase a urxente publicidade das enerxías limpas, hai que correr, colocar monstros enormes sen mirar onde, enerxía verde, din. Mais ninguén volve pola fouce. Se son xa por si perigosas as prácticas levadas a cabo para privatizar servizos básicos e de primeira necesidade, e sabendo que esas prácticas penalizan con maior crueza o rural con modos e maneiras de modélicas zonas de industrialización, con prácticas urbanas de consumo a custo da produtividade, da competitividade desleal de prezos e mercados alleos. Chegamos así a cousas que veñen sendo unha certa tiranía da man das grandes áreas, que abocan á precariedade laboral no campo e ao abandono. Tal como se ve. Porque nas cidades, para maior inri, nas grandes áreas de consumo, considéranse de igual calidade a pataca producida artesanalmente que aquela que se produce a nivel industrial, empregando fertilizantes, acelerantes de produción e medre, e todo tipo de pesticidas, sulfatos, etc. Todo isto dá como resultado o despoboamento e desertización para conseguir, a calquera custo, o produto demandado e mercando a baixo prezo. Así a riqueza está en poucas mans e en mans arteiras. E neste momento aínda se agrava máis por mor da inflación que nos come e delata a aqueles que nos rouban!
Para cando han saber os políticos deste tema, destas prácticas que vulneran a vida, o traballo, a natureza e os ecosistemas? E ademais de saber, atallar esas prácticas. Os problemas aféctannos a todos, non só aos gandeiros e agricultores. Quen recibe eses produtos adulterados e precipitados, somos todos nós namentres os que se producen no arredor son rexeitados ou mercados á baixa. Coido deberan ter ademais dunha posición en defensa da produtividade propia, a obriga dunha estabilidade correspondida en prezos, na orixe e no custo debido. Ben sabemos que toda esta asistencia de beneficios tiña que ter un límite. É moito o que teremos que pagar aínda na precariedade do que nos vendan. A resposta nosa e das nosas institucións sempre foi moi cativa e deficiente. Non nos queremos dar conta do precipicio enorme no que nos abeiramos se non atendemos o noso rural. Estamos esgotando os recursos, facendo plantacións inadecuadas e improdutivas na rendibilidade social. Agora sentimos a falta de auga e os recursos hídricos. Pola contra, de canto en vez veñen asolagamentos e váisenos a terra, sobre todo se houbo incendios que querían disimular o exceso de plantacións mal feitas, do forestal non coidado e deixado ao seu arbitrio tantas veces de agonía e sobre explotación. Non coidamos os espazos e non nos damos conta de que, ao mesmo tempo, estámonos descoidando nós. Aqueles que deberan estar atentos miran para outro lado con disimulo. Non hai que ser expertos para saber que o exceso sempre é malo. A extracción de minerais a ceo aberto, o descoido dos ecosistemas en posteriores lagoas -por non facer o labor reconstrutivo de tapar as minas- para evitar gastos e amosar a súa falta de ética e cordura. Séguelle a falta de planificación para facer un rural capaz de afrontar futuros, sen caer en eucaliptizacións absurdas e xa sabidas nos tempos de hoxe. Agora vén a desfeita dos eólicos, colocados sen xeito polo medio das aldeas e en zonas de especial protección agrícola. O caso é producir sen mirar as consecuencias. Quen as pagan? Os de sempre.
Temos que cambiar o paso e os sistemas que nos rexen, asumir que somos moito máis vulnerables do que cremos. As materias primas teñen fondo e acábanse. Isto non dura eternamente. As fontes hídricas están esgotadas, as terras están en abandono, o rural non ten quen mire por el e sen el non hai porvir nin beneficio. O oficio da terra está infra-valorado e non podemos esixirlle máis sacrificio, sobre todo cando se considerou -desde as políticas neoliberais, que eran -as xentes do rural- unha ameaza. Nunca comprenderon que eramos vítimas dun sistema que non cesaba de pedir réditos abondosos a cambio de futuros negados. Cómpre recuperar o desenvolvemento local con iniciativas sostibles e de de axuda e protección, de novas enerxías limpas anque postas nos lugares debidos e no respecto ás xentes que as contemplan e non ás empresas que buscan beneficio do noso sacrificio. Garantindo unha vida en dignidade e, novamente, non só buscando encher o peto das empresas. Necesítase ese reparto xusto, o coidado da vida e dos recursos -sen excesos, para gratificarnos na suficiencia do terra e na súa sustentabilidade. Non todo é inflación, mais vexo que non atenden razóns.